Cartel alertando da presenza de hipopótamos preto da Hacienda Nápoles. Fonte. lescahiersvagabonds.com.

Cartel alertando da presenza de hipopótamos preto da Hacienda Nápoles. Fonte. lescahiersvagabonds.com.

Os hipopótamos de Pablo Escobar, unha especie invasora en Colombia

Científicos colombianos e estadounidenses traballan para controlar a poboación dos paquidermos, abandonados desde a morte de Escobar

Preto da vila de Puerto Triunfo, no departamento colombiano de Antioquia, á beira da autoestrada que une Medellín e Bogotá, Pablo Escobar fixo construír a famosa Hacienda Nápoles, un dos maiores símbolos do inxente poder que acumulou o narcotraficante colombiano. Nunha das súas excentricidades, Escobar mandou traer flamencos, cebras e hipopótamos, entre outras especies exóticas, para ter ao alcance da man a súa selva particular.

Tras a morte do capo da cocaína, a Hacienda Nápoles acabou converténdose nun parque temático que hoxe en día pode ser visitado. A maioría das especies foron incautadas e retiradas, pero os hipopótamos ficaron na zona. E 25 anos despois de que as autoridades colombianas mataran a Escobar, os seus paquidermos convertéronse nun serio problema medioambiental. Os hipopótamos multiplicáronse, e desde os catro que había nun primeiro momento, chegaron a ser máis de 50, segundo as estimacións do equipo de científicos que dirixe Jonathan Shurin, da universidade estadounidense de San Diego.

Os investigadores están realizando análises na zona para estudar o impacto causado por estes animais no ecosistema e intentar, deste xeito, frear o avance dos paquidermos. “O problema é que é moi difícil e perigoso capturalos”, explica Shurin. Son, probablemente, a maior especie exótica invasora do mundo. Xa chegaron ao río Magdalena, a principal arteria fluvial de Colombia, situada a moi poucos quilómetros, onde se fixeron fortes, e desde aquí poderían chegar a outras zonas do país se non se toman medidas.

“É unha oportunidade para investigar algo que nunca se estudou antes”, dixo Jonathan Shurin á web da universidade de San Diego. “Avaliar os impactos no ecosistema no maior animal do mundo que se estendeu fóra do seu hábitat natural é algo que non se fai todos os días”.

Entrada da Hacienda Nápoles, hoxe un parque temático, onde Escobar levou os hipopótamos.

Entrada da Hacienda Nápoles, hoxe un parque temático, onde Escobar levou os hipopótamos.

O investigador estadounidense sinala que os hipopótamos “fertilizan os lagos comendo herba e logo defecando na auga pola noite. Esto ten efectos no ecosistema, desde os microorganismos máis pequenos ata os animais como ras e morcegos“.

Os primeiros resultados da investigación presentaranse no mes de xuño. Segundo adiantan desde a universidade de San Diego, “se os resultados revelan danos evidentes no ecosistema, urxe tomar medidas” por parte do goberno local da zona, responsable da xestión deste espazo.

“Non se esperaba que os hipopótamos puideran integrarse tan ben neste ecosistema”, declarou o investigador colombiano Nelson Javier Aranguren-Riaño. “É impredicible o dano que poden causar nas especies nativas como os manatís, as tartarugas ou os peixes”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.