Poderíanse facer cálculos aproximados do centro xeográfico de Galicia, aínda que serían complexos e custosos.

Poderíanse facer cálculos aproximados do centro xeográfico de Galicia, aínda que serían complexos e custosos.

Existe o quilómetro 0 de Galicia?

Varias institucións dispútanse a 'honra' de ser o centro xeográfico do país

A titularidade do centro xeográfico de Galicia fai correr ríos de tinta desde hai moitos anos. E incluso chegou ao Tribunal Constitucional. O Concello de Lalín (sobre todo na etapa do anterior goberno local) e a Deputación de Lugo manteñen un longo litixio pola marca do “quilómetro cero” do país. O Tribunal Supremo determinou que as dúas institucións poderían compartir esta “marca”, argumentando que “as diferenzas advertidas (entre as dúas denominacións) permiten a coexistencia comercial de ambas marcas sen risco de confusión no mercado”, segundo unha sentencia do mencionado tribunal.

Con todo, parece obvio que, desde o punto de vista científico, é canto menos complicado que existan dous centros xeográficos no país. “Todo este discurso e este debate cínguese máis a cuestións de márketing territorial que a calquera cuestión científica”, expón Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

A orixe do asunto atópase, segundo varias fontes, nun artigo do xornalista lalinense Armando Vázquez publicado en 1990. Vázquez mencionaba neste traballo ao seu veciño Xosé Rodríguez, o Matemático do Bermés, un dos científicos galegos máis salientables de finais do século XVIII e comezos do XIX. Segundo a tradición oral da parroquia, cóntase que cando Domingo Fontán realizou a Carta Xeométrica de Galicia, Rodríguez, que era o seu mestre, situou a Bermés no centro xeográfico do país. Co tempo, a denominación estendeuse ao resto do municipio.

É máis unha cuestión de “márketing territorial” que científica, apunta o profesor Carlos Ferrás

Pero non hai ningún rexistro nin evidencia científica desa tradición oral. A pregunta, por tanto, segue sen responderse. Existe ese quilómetro 0? Carlos Ferrás teno claro: “Non se pode establecer con exactitude porque o mapa de Galicia non é una figura xeométrica, senón que os seus límites e contornas son enormemente complexos. Pensemos que o noso litoral ten máis de mil quilómetros de extensión, case que tantos como o resto da Península Ibérica, e isto vén determinado pola contorna das rías, a sucesión de milleiros de coídos, esteiros, pequenas calas e cantís, praias de diversas formas e tamaños, illas, tómbolos, etc”.

Amais, segundo Ferrás, non existe ningún estudio científico riguroso ao respecto, aínda que si hai “crónicas e ensaios valorativos mesturados con divulgación popular, amais de chamativas frases que non van máis alá da simple publicidade”.

A pesar de todo isto, o xeógrafo aporta un posible achegamento, aínda que coas lóxicas precaucións, para calcular ese punto central do territorio galego.  “Poderiamos calcular unha aproximación, a partir de triangulacións xeodésicas complexas, o que resultaría sempre moi custoso. O máis sinxelo podería ser circunscribir o mapa de Galicia no interior dun rectángulo no que o seus lados fosen tanxentes aos puntos extremos dos catro puntos cardinais; e a partir de aí trazar dúas liñas rectas que unisen os vértices opostos, polo cal o punto central sería o de intersección de ambas duas liñas. Por suposto, sempre sobre una superficie plana”. E todos sabemos que Galicia non é precisamente unha chaira, así que a precisión non sería, nin moito menos, milimétrica.

Ferrás explica que nos Estados Unidos chegou a haber longos debates sobre o centro xeográfico da nación, “pero chegaron a conclusión que non merece a pena o seu tratamento científico xa que todos os métodos serán imprecisos. Hai que ter en conta que a cartografía non é inmutable e muda no tempo e no espazo porque a xeomorfoloxía é dinámica e a superficie terrestre está en continua transformación”.

Porén, en GCiencia quixemos levar a cabo a aproximación que propón o profesor Ferrás, asumindo a inexactitude do resultado, e facéndoo a nivel anecdótico, sen ningunha validez científica. Así que collemos un mapa de Galicia, e aquí está o resultado: construímos un rectángulo no que pechamos a Galicia dentro dos extremos dos catro puntos cardinais. Estaca de Bares ao norte, a Portela do Home ao sur, o cabo Touriñán ao oeste, e os montes de Carballeda de Valdeorras, ao leste. A intersección resultante aparece nalgún punto do concello de Agolada, no extremo noreste da provincia de Pontevedra. Un municipio famoso polos seus Pendellos, que durante séculos acolleron unha das feiras agrícolas e gandeiras máis importantes do país. Resulta salientable que, ademais de situarse no centro de Galicia, Agolada é un dos puntos máis próximos entre as catro provincias galegas. Está a 10 quilómetros de Antas de Ulla (Lugo), a 15 km de Santiso (A Coruña) e a 35 km de Piñor (Ourense). E tamén cómpre reseñar que Agolada se vende a nivel turístico como “O corazón da Galicia verde“. Algo de razón, neste caso, si que levan.

Casco urbano de Agolada, concello da comarca do Deza.

Casco urbano de Agolada, concello da comarca do Deza.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.