Mércores 24 Abril 2024

Pero vai caer unha estación espacial sobre Galicia?

Unha estación espacial chinesa, a Tiangong-1, está completando os seus últimos días de órbita arredor da Terra. Foi lanzada en 2011 e prestou servizo ata decembro de 2015, manténdose a unha altura de entre 330 e 390 quilómetros, ata que China lanzou a súa ‘sucesora’, a Tiangong-2. Nun principio, a axencia espacial do país planeaba unha caída controlada da antiga estación sobre a Terra, orientando aos posibles restos cara  algunha zona do Pacífico Sur, pero en marzo de 2016 perderon o control sobre ela.

 

Deste xeito, xa sen contacto coa Terra, foi descendendo pouco a pouco na súa órbita e empezou a rozar coas capas máis altas da atmosfera, o que acelerou a súa caída. Agora atópase a menos de 250 quilómetros de altura. E nos vindeiros días – espérase que entre o 29 de marzo e o 9 de abril – se desintegre na atmosfera. A medida que se acheguen estas datas, poderase determinar con maior exactitude o momento no que se producirá a entrada da estación.

Publicidade

Mapa coas posibles zonas de reentrada da Tiangong-1 na atmosfera. Fonte: ESA.
Mapa coas posibles zonas de reentrada da Tiangong-1 na atmosfera. Fonte: ESA.

Que pasaría entón? “A órbita da estación lévaa a pasar sobre a zona da Terra situada entre as latitudes 43º Norte e 43º Sur“, explica Óscar Blanco, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Galicia, por tanto, entra “xustiña” neste rango. Aínda que hai un factor que incrementa aínda máis as posibilidades de que a nave entre na atmosfera sobre a nosa latitude: “A traxectoria da órbita fai que a estación pase máis tempo transitando sobre as latitudes extremas deste rango, nas que se sitúa Galicia”, sinala Blanco. Con todo, e en realidade, “aproximadamente a metade da superficie terrestre ten opcións de que caia sobre ela. Pode ser en Galicia, pero tamén pode ser Florida, Indonesia ou Hawaii, segundo expón o experto galego.

Moi poucas probabilidades

E con todo, o que chegará á superficie terrestre “non vai ser máis que po“, segundo sinala Óscar Blanco. “A entrada na atmosfera prodúcese nun ángulo moi oblicuo, e iso provoca un desgaste maior e durante máis tempo que nas reentradas controladas”. Así, a Axencia Espacial Europea, que está facendo un seguemento da traxectoria da Tiangong-1, sinala que “”as probabilidades de ser golpeado por un fragmento da Tiangong-1 (que mide algo máis de 10 metros e pesa 8 toneladas) son 10 millóns de veces menores que as de ser alcanzado por un raio”.

Pero aínda que esteamos a salvo da Tiangong-1 (que significa ‘Palacio Celestial’ en chinés), é máis probable que vexamos a súa estela brilar no ceo. Nos vindeiros días, segundo explica Óscar Blanco, produciranse varios pasos visibles da estación, do mesmo xeito que adoita acontecer coa Estación Espacial Internacional. E o día da reentrada, se hai sorte, podería ser posible ver a simple vista a súa desintegración na atmosfera, se coincide na nosa latitude.

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización