Igrexa católica de Santa María, en Hokitika, Nova Zelandia.

Igrexa católica de Santa María, en Hokitika, Nova Zelandia.

Esta igrexa está debaixo da praza do Obradoiro

Galicia ten os seus antípodas en Nova Zelandia e estas son as vilas que están no outro lado do mundo das cidades galegas

Nova Zelandia en maorí é Aotearoa, “a terra da gran nube branca”. E que acumule borrascas e choiva non é o único que a relaciona con Galicia. Porque tamén son os nosos antípodas, o lugar da Terra oposto diametralmente e, polo tanto, situado máis lonxe. Se cavásemos un buraco duns 12.000 kms baixo a praza do Obradoiro en Santiago apareceríamos na fermosa vila de Hokitika, con vistas ao monte Cook, o máis alto do país.

Por desgraza, o buraco máis fondo xamais feito é o Pozo Superfondo de Kola, en Rusia, e ten 12,3 kms de profundidade, mil veces menos do necesario para aparecer nos nosos antípodas (e si: é unha palabra masculina).

Sen embargo, hai varias aplicacións que nos permiten atopar virtualmente o lugar exacto situado na outra punta do globo terrestre. Unha delas é o portal Geodatos, no que abonda con poñer a nosa localización e aparecerá o punto oposto do hemisferio Sur, co seu mapa e algúns outros datos. No caso de Compostela, ten xusto debaixo a vila de Hokitika, situada na rexión de West Coast, a 20.000 quilómetros de Galicia seguindo a codia terrestre.

buscador de antípodas

A Coruña ten como antípodas a vila de Methven, unha pintoresca poboación nos Alpes do Sur, onde en inverno se practican deportes de neve. Ferrol está na mesma zona no outro recuncho do mundo.

Pola súa banda, Vigo ten como antípoda a localidade de Greymouth, a maior poboación da costa oeste da Illa Sur de Nova Zelandia. Ourense non ten unha cidade exactamente no outro lado, pero a máis próxima é tamén Greymouth. O mesmo acontece con Pontevedra.

Lugo ten o seu antípoda na vila de Amberley, un tranquilo enclave rural onde descansar, practicar o golf ou a pesca. Ademais, ten unha longa tradición agropecuaria que en nada desmerece á provincia lucense, mentres que se cultivan en esta bisbarra algúns dos mellores viños neozelandeses.

Como curiosidade, Galicia é case que un caso único en Europa porque ten antípodas en terra firme. A práctica totalidade do noso continente ten os seus antípodas no medio do océano, sen que se poida atopar unha vila que se espelle no hemisferio sur ao outro lado do mundo. Este mapa, realizado por superposición dos dous hemisferios, amósanos como a meirande parte do planeta non ten antípodas en terra firme.

Poucos lugares da Terra teñen antípodas en terra firme.

Poucos lugares da Terra teñen antípodas en terra firme.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.