Hai cambios xenéticos que os investigadores atribúen á doma do cabalo.

Hai cambios xenéticos que os investigadores atribúen á doma do cabalo.

A domesticación do cabalo cambiou os seus xenes

Adaptaron a súa xenética para ser útiles ao ser humano, pero gañaron mutacións destrutoras que afectan á súa supervivencia

Hai 5.500 anos que o ser humano comezou a utilizar aos cabalos para o transporte e o traballo. Dende entón, estes animais experimentaron cambios no seu xenoma, que agora un equipo científico logrou descifrar. A doma seleccionou xenes implicados na locomoción, o comportamento social e a capacidade de aprendizaxe; pero cun custo: en comparación cos salvaxes, os cabalos modernos teñen máis mutacións destrutoras que dificultan a súa supervivencia.

O traballo internacional, publicado na revista PNAS, demostra que no transcurso da domesticación do cabalo houbo unha selección positiva de xenes involucrados na locomoción, a fisioloxía e a cognición. Pero a doma tivo un custo: os cabalos modernos presentan un exceso de mutacións degradadoras, que diminúen a capacidade do individuo para sobrevivir.

Os Przewalski son dos poucos cabalos salvaxes que existen na actualidade

Segundo o estudo, no que colaborou Tomás Marques-Bonet, do CSIC, moi probablemente este é o custo xenético da domesticación, unha hipótese formulada tamén para os cereais, as hortalizas e tamén para outros animais domésticos.

Os investigadores puideron reconstruír os xenomas de dous cabalos antigos de Taymyr (Rusia), anteriores á domesticación desta especie. Despois, compararon estes xenomas cos de cabalos domesticados, e co dos poucos cabalos salvaxes existentes na actualidade, os Przewalski.

Ademais, o estudo identificou un conxunto de xenes que, ao longo da evolución, experimentaron unha selección positiva. Un grupo destes xenes rexen aspectos que poden estar en relación co uso doméstico que fixo a especie humana e que afectan ao desenvolvemento muscular e límbico, ás articulacións e ao sistema cardíaco.

Un segundo grupo de adaptacións ten que ver con xenes relacionados con funcións cognitivas, entre as que se encontran o comportamento social, a capacidade de aprendizaxe, o medo ou o pracer, atributos que os autores asocian coa doma.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.