Observar espazos azuis aumenta a apetencia pola actividade física e reduce o estrés, segundo a revisión. Imaxe: Miguel Méndez / CC BY 2.0.

Observar espazos azuis aumenta a apetencia pola actividade física e reduce o estrés, segundo a revisión. Imaxe: Miguel Méndez / CC BY 2.0.

A cor azul, garantía de benestar físico e mental

Unha revisión de 35 estudos amosa que a actividade física e o benestar xeral melloran observando mares, lagos ou estancias desta cor

Ten beneficios para a saúde a exposición a espazos azuis como fontes, lagos, ríos ou mares? Un equipo do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), centro impulsado pola Fundación Bancaria LaCaixa, realizou a primeira revisión internacional ata a data sobre espazos azuis e saúde. As conclusións mostran que a exposición é beneficiosa, en especial para a saúde mental e o benestar, así como para a promoción do exercicio físico.

A revisión, publicada no International Journal of Hygiene and Environmental Health e que inclúe 35 estudos en total, destaca que a evidencia científica ata o momento indica que os niveis de actividade física aumentan cando as persoas viven preto de espazos azuis. Doutra banda, o informe tamén reafirma os beneficios dos espazos azuis para a saúde mental, en especial para a redución da tensión, e o benestar autopercibido.

A confirmación foi menos consistente en canto á asociación entre espazos azuis e a saúde en xeral, a redución da obesidade e a saúde cardiovascular. As principais limitacións son que, nestes casos, existen menos artigos e hai máis heteroxeneidade nos resultados.

Mireia Gascon, investigadora de ISGlobal e primeira autora do estudo, explica que se trata “dun tema emerxente, xa que a maioría dos traballos realizáronse no últimos cinco anos. As conclusións suxiren potenciais beneficios dos espazos azuis ao aire libre para a saúde, principalmente con respecto á saúde mental e o benestar e a promoción da actividade física”.

Pola súa banda, Mark Nieuwenhuijsen, coordinador do estudo e director da Iniciativa de Planificación Urbana, Medio Ambiente e Saúde de ISGlobal, valora que “aínda que os resultados son alentadores, hai relativamente poucos estudos e un alto grao de heteroxeneidade na metodoloxía das investigacións, polo que se necesita realizar máis traballos”. A pesar destas limitacións, o investigador destaca que “a evidencia científica actual apoia a promoción e recuperación de espazos azuis ao aire libre dentro da planificación urbana como unha estratexia interesante para a promoción da saúde e o benestar”.

ISGlobal participa no proxecto europeo BlueHealth, que se iniciou o 2016 para estudar a relación entre espazos azuis e saúde. En concreto, o centro impulsa tres estudos: a avaliación dos niveis de actividade física antes e despois das melloras de accesibilidade ao río Besós (Montcada i Reixac); o estudo WOW con traballadores de oficina en Barcelona; e a restauración da fonte de Can Moritz de Rubí.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.