Os dous estudos en 'Nature' revelan que a clave da obesidade está na xenética.

Os dous estudos en 'Nature' revelan que a clave da obesidade está na xenética.

A clave da obesidade é xenética

Dous novos estudos en 'Nature' sobre o xenoma de 300.000 persoas revelan que a herdanza xenética e moitísimo máis importante que a dieta

Dous novos estudos confirman o vínculo xenético nos casos de obesidade, máis importante que os hábitos dietéticos ou o deporte. Os resultados revelan por que algunhas persoas son máis propensas que outras a gañar peso e sinalan 140 posicións do xenoma relacionadas con esta doenza.

Hai xente á que non lle engorda nada e xente á que todo lle engorda. Esa frase tan presente no imaxinario popular cobra agora máis sentido a raíz da publicación en Nature de dous estudos que explican as razóns polas que as persoas gañan máis ou menos peso e a graxa queda almacenada en distintas partes dos seus corpos.

Os autores, de diversas institucións e membros do Consorcio de Investigación Xenética de Trazos Antropométricos (GIANT), analizaron mostras xenéticas de máis de 300.000 persoas, no maior traballo ata a actualidade sobre a variación xenética e a súa relación coa obesidade.

Os científicos atoparon 140 posicións no xenoma que inflúen na obesidade

Os resultados amosan máis de 140 posicións en todo o xenoma que inflúen en diversos trazos da obesidade, o que triplica o número de localizacións xenéticas coñecidas ata este momento. Así, aínda que a dieta e o exercicio son importantes, a xenética é fundamental na tendencia das persoas a gañar peso e a almacenar graxa.

“Trátase dun primeiro paso cara á identificación de xenes adicionais que afectan á obesidade. No futuro, algúns destes xenes poden ser bos obxectivos para o desenvolvemento de fármacos”, explica Karen Mohlke, profesora de xenética na Universidade de Carolina do Norte (EUA) e autora principal do primeiro dos artigos.

O estudo liderado de Mohlke céntrase onde se almacena a graxa no corpo, un dos determinantes de risco para a saúde. Por iso, un dos trazos observables vinculados aos lugares xenéticos foi o ratio entre a circunferencia de cintura e da cadeira.

O perigo da tripa

As persoas coas cinturas máis grandes que a cadeira teñen maior graxa abdominal rodeando os órganos situados nesa zona. Isto fainos máis propensos a padecer trastornos metabólicos -como diabete tipo 2 ou problemas cardiovasculares- que as persoas coa graxa corporal máis concentrada na cadeira ou distribuída por igual en todo o corpo.

Mohlke engade que descubrir “que xenes inflúen no lugar onde se deposita a graxa axudaría a entender a bioloxía da resistencia á insulina, a síndrome metabólica e as enfermidades do corazón”.

No traballo constatouse que as localizacións xenéticas asociadas con depósitos de graxa se vinculan con xenes previamente relacionados coa creación do tecido adiposo. Os investigadores tamén determinaron que 19 das localizacións xenéticas relacionadas coa distribución da graxa posuían un efecto máis forte en mulleres; e só unha afectaba máis aos homes.

Obsérvase un efecto máis forte en mulleres que en homes

O segundo artigo publicado en Nature céntrase no índice de masa corporal (IMC). Nel, os científicos identificaron 97 rexións de todo o xenoma que inflúen na obesidade, un achado que triplicou o número de rexións previamente coñecidas.

Ademais, encontraron que as localizacións xenéticas asociadas co IMC poden participar en procesos neuronais, en concreto, na sinalización do cerebro, que controla o apetito e a utilización da enerxía.

“O noso traballo demostra claramente que a predisposición á obesidade e o aumento do IMC non se debe a un só xene ou cambio xenético”, subliña Elizabeth Speliotes, bioinformática da Universidade de Michigan e autora principal. “O gran número de xenes implicados fai menos probable que unha soa estratexia funcione para todo o mundo”.

Unha vez entendidos, estes mecanismos poden explicar por que non todas as persoas obesas desenvolven enfermidades metabólicas relacionadas, como diabete e colesterol alto. Así mesmo, a identificación de xenes e vías asociadas coa obesidade poderían revelar novas dianas terapéuticas para baixar de peso.

Os artigos de referencia deste estudo son:

“Genetic Studies of Body Mass Index Yield New Insights for Obesity Biology”. Nature

“New Genetic Loci Link Adipose and Insulin Biology to Body Fat Distribution”. Nature 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.