Venres 19 Abril 2024

O corazón de Chopin, gardado en coñac e roubado por nazis, revela a causa da súa morte

O compositor e pianista polaco Frederic Chopin foi bastante delicado de saúde, algo que, con todo, non puido frear o seu desmesurado talento. Morreu en París en 1849 aos 39 anos, despois de padecer tuberculose durante unha parte importante da súa vida.

Un equipo de científicos da Academia de Ciencias de Polonia acaba de publicar no American Journal of Medicine un estudo no que revela as causas exactas da morte do músico, segundo recolle o diario The Guardian. No seu momento falouse de fibrose quística, unha deficiencia xenética ou o estreitamento das válvulas cardíacas como supostos causantes da súa morte. Non en tanto, o equipo dirixido polo científico Michael Witt apunta a unha pericardite.

Publicidade

Sepulcro do corazón de Chopin, en Varsovia.
Sepulcro do corazón de Chopin, en Varsovia.

Alén da fama que adquriu xa en vida, o periplo que seguiu o seu corazón forma parte dun relato novelesco. Aterrado pola posibilidade de ser soterrado vivo, Chopin pediulle a unha das súas irmás que, cando o considerasen morto, lle abriran o peito e lle quitasen o corazón, para asegurarse de que non espertaría vivo baixo terra. E deixou dito que llo conservaran na igrexa da Santa Cruz de Varsovia, no seu país natal. E así se fixo, mergullándoo nunha garrafa de coñac para asegurar a súa preservación.

Cando os investigadores examinaron o recipiente, caeron na conta de que o corazón estaba cuberto cunha fina capa de fibras blancas. Viron tamén pequenas lesións que demostraban a presenza dunha pericardite, unha complicación habitual na tuberculose crónica. “Non fixo falta nin abrir a garrafa“, declarou Michael Witt aos medios. Deduciron, “con moita probabilidade”, que a morte debeuse á citada inflamación do pericardio, membrana que cobre o corazón.

Case un século despois da morte de Chopin, en 1944, durante o tráxico alzamento na cidade contra os nazis, un oficial das SS, admirador de Chopin, roubou o corazón e mantívoo nun dos cuarteis dos alemáns. Non en tanto, despois da contenda, foi devolto á igrexa da Santa Cruz. E alí permaneceu ata hoxe. O resto dos restos de Chopin descansan no célebre cemiterio de Père Lachaise, en París.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopada en ratos a primeira diana terapéutica contra a hipertensión pulmonar

Investigadores españois dan o primeiro paso para salvar a función cardíaca en pacientes con esta rara pero letal enfermidade

Un equipo galego emprega unha nova técnica de cirurxía coronaria que evita o uso de ‘stents’

Investigadores do Álvaro Cunqueiro publican un estudo en 'The Lancet' sobre un método que non deixa atrás ningunha estrutura metálica permanente

A vacina contra a tuberculose que se ensaia en Galicia recibe apoio financeiro para probarse en África

Un estudo avaliará a seguridade e a eficacia do tratamento, que ten potencial para xerar unha mellor resposta inmune que a terapia actual

Cando a música e a informática se alían: “Un músico poderá atopar partituras cantaruxando”

A investigadora da UDC Hilda Romero Velo crea unha aplicación web e móbil para solucionar algúns dos problemas aos que se enfrontan os músicos no día a día