Mapa da distribución mundial dos Carallo e o seu escudo de armas.

Mapa da distribución mundial dos Carallo e o seu escudo de armas.

Case 500 persoas no mundo levan o apelido Carallo

Un novo buscador mundial sobre 1.600 millóns de persoas permite localizar os apelidos máis insospeitados

No mundo hai case vinte veces máis Conas que Carallos. Cando menos no que atinxe aos apelidos. Porque un buscador permite atopar os sobrenomes de 1.600 millóns de persoas en todo o mundo. E un total de 493 cidadáns levan o apelido Carallo, por 9.291 Cona.

O apelido Carallo está especialmente radicado en Italia, onde hai 414. A familia Carallo ten a súa orixe en Palermo (Sicilia), onde xa aparece en documentos de 1676, cando o Barón di Carallo accede á nobreza, situando en séculos posteriores aos seus membros con títulos como os de Duque de Miraglia e o Marqués de Ferla. O brasón dos Carallo amosa tres cores: amarela, azul e vermella, con dous leóns, un azul e outro en ouro. Asimismo, 251 persoas no mundo levan o apelido Manda, moi común na India, o que fai posible a combinación das liñaxes Manda Carallo.

Pola banda, o apelido Cona ten máis ampla distribución. Case a metade (4.011) están situados na India. Chile (1.079), Italia (1.041) e os Estados Unidos (701) reúnen a maior presenza da familia Cona polo mundo.

No buscador é posible tamén atopar outros termos galegos convertidos en apelido, como é o caso de Morriña. Lévano trinta persoas no mundo, 21 delas nos Estados Unidos.

Hai máis apelidos interesantes. Unha persoa no mundo apelídase Empanada (Estados Unidos). Hai un Raxo, en Sudáfrica. Dez Cachelos en Francia. E 2.707 Parrocha en Filipinas.

Mapa dos Morriña no mundo.

Mapa dos Morriña no mundo.

Os topónimos tamén aportan numerosas curiosidades. Case 140.000 persoas levan o apelido Galicia. México, con 91.371 individuos, acumula a maior parte dos individuos con este nome familiar. É, segundo os datos de Forebears, o 210º apelido máis frecuente do país. Guatemala con 12.915, e Filipinas, con 18.689, acumulan tamén unha importante densidade de Galicia.

Respecto a Santiago, a súa gran difusión debido á conquista de América levou a situar o apelido do apóstolo como o 6º máis habitual en Puerto Rico, onde máis de 59.000 persoas levan este patronímico. Con todo, o país con maior número de Santiagos é Brasil, con 192.289, seguido de México (159.604),  Estados Unidos (88.256) e Puerto Rico.

Algunhas cidades galegas tamén pasean o seu nome polo mundo a través dos apelidos. Os españois levaron a moitos recunchos do globo estes topónimos. En Perú, por exemplo, abundan os Vigo (14.008), e os Coruña están, na súa maior parte nas Illas Filipinas (1.031). A maior parte dos Lugo do mundo están en México, Venezuela, Colombia, Paraguai, Puerto Rico, a República Dominicana e os Estados Unidos.Pola súa banda, os Ferrol aparecen, ademais de España, en arquipélagos do Caribe como Dominica ou as Illas Virxes. Os Pontevedra están na súa maior parte na Arxentina e Filipinas, un arquipélago onde tamén hai 6.896 persoas que se apelidan Orense. Outras vilas e comarcas galegas, como Arousa, Soneira, Carnota ou Mondoñedo, tamén se espallaron polo mundo a través dos apelidos.

2 respostas a “Case 500 persoas no mundo levan o apelido Carallo”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.