cerveza

Beber moita cervexa aumenta a exposición ás micotoxinas

Un estudo da Universidade de Valencia alerta dos riscos asociados a un consumo superior ao litro diario

Investigadores da Universidade de Valencia analizaron as micotoxinas que producen algúns fungos microscópicos na cervexa e en froitas desecadas, como os figos e as pasas, confirmando que estes produtos cumpren coa normativa alimentaria. Só no caso de persoas que beban volumes moi elevados de cervexa, por enriba dun litro diario, as cantidades destas toxinas poden chegar a ser significativas.

As micotoxinas son metabolitos tóxicos producidos por fungos que contaminan as froitas, cereais e produtos derivados. Científicos da Universidade de Valencia (UV) analizaron as do xénero Fusarium en 154 marcas de cervexas que se comercializan en Europa.

Os resultados, que publica a revista Food Chemistry, confirman que a exposición do consumidor medio a estas toxinas é baixa e que non hai risco toxicolóxico asociado. Mesmo as dúas máis abundantes, o deoxinivalenol ou DON -que apareceu en case o 60% das mostras- e a denominada HT-2 -presente no 9% dos casos-, aparecen en “niveis que non se poden considerar elevados”, explican a Sinc os doutores Houda Berrada e Yelko Rodriguez, do departamento de Medicina Preventiva da UV e coautores do traballo.

A investigación tomou como referencia ata 154 marcas de cervexas

As concentracións medias de DON e HT-2 detectadas nas cervexas roldaban os 30 µg/L. Non está lexislado un límite máximo de micotoxinas para estas bebidas, pero, en xeral, este valor pódese considerar baixo se se compara co límite máximo de DON establecido polo regulamento da UE para alimentos elaborados a base de cereal, fixado en 200 µg DON/Kg.

Aínda así, o estudo sinala que, en persoas que beban moita cervexa a contribución destas substancias nocivas á inxestión diaria “non” é desprezable, aproximándose e mesmo excedendo os niveis de seguridade”. Como referencia toman os valores de ‘inxestión diaria tolerable’ (TDI) máximos establecidos provisionalmente polo Comité Científico sobre a Alimentación Humana, un organismo que asesora á Comisión Europea.

“Unicamente considerando un consumo equivalente a un litro diario das marcas de cervexa que mostraron os niveis de contaminación máis altos, obteríase unha inxestión de deoxinivalenol equivalente ao 60% da TDI máxima, e os niveis de seguridade para HT-2 veríanse excedidos”, apunta Berrada.

A investigadora insiste en que este tipo de consumidores son excepcionais e, mesmo, que se alguén toma un litro de cervexa diario, “antes de presentar problemas asociados á toxicidade das micotoxinas, tería outros, como os hepáticos“.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.