Interesarse polos estudos dos fillos é a clave para aumentar o rendemento escolar.

Interesarse polos estudos dos fillos é a clave para aumentar o rendemento escolar.

Axudar aos fillos a facer os deberes pode ser contraproducente

Un estudo amosa que o efectivo para o rendemento escolar é que os pais se interesen polos estudos dos fillos e os animen a ler

Para conseguir que os nenos e nenas teñan boas notas o máis efectivo é que os seus proxenitores lean con eles, lles pregunten polas clases e confíen nas súas capacidades. É unha das conclusións dunha investigación na que se revisaron 37 estudos ao respecto. Compartir con eles as tarefas escolares só resulta efectivo cando presentan dificultades educativas.

A clave non é axudarlos cos deberes. Cando os proxenitores teñen altas expectativas académicas dos seus fillos, os animan a ler e lles preguntan como levan as clases, conseguen que o seu rendemento académico mellore. Así o revela un estudo no que participan investigadores da Universidade Internacional de La Rioja (UNIR), a Universidade Complutense de Madrid, a UNED e a Universidade do País Vasco.

Amosar interese é máis importante que axudarlles cos deberes

O traballo analiza 37 investigacións publicadas entre 2000 e 2013 nas que se abordou a relación entre a participación dos pais na educación e variables relacionadas co rendemento académico dos alumnos. En total, a cifra de pais, nais e estudantes superou as 80.000 persoas. Os menores cursaban educación infantil, primaria e secundaria.

“Observamos como algunhas formas de participación dos pais resultan máis efectivas que outras”, explicou á axencia SINC Enrique Navarro, un dos autores do estudo e investigador do grupo Neuropsicoloxía Aplicada á Educación (NyE), acreditado polo vicerreitorado de Investigación e Tecnoloxía (UNIR Research).

Axudalos a facer os deberes é unha cuestión controvertida. O traballo revela que un maior apoio nas tarefas escolares non implica que os nenos saquen mellores notas. “Son os estudantes con maiores dificultades educativas os que necesitan este reforzo por parte dos seus pais, pero non os demais”, matiza o investigador de UNIR.

O verdadeiramente efectivo é que os pais pregunten aos fillos pola marcha dos seus estudos. Ese interese ten máis importancia que o feito de que se senten con eles a facer as súas tarefas do colexio. En realidade, os datos amosan que a axuda participativa para facer os deberes pode ser mesmo contraproducente.

As variables analizadas foron a participación xeral dos pais nas tarefas relacionadas cos seus fillos, a comunicación con eles respecto a cuestións escolares, a supervisión dos deberes, as súas expectativas cara aos menores, se lían con eles, se participaban nas actividades escolares e, por último, a súa actitude.

A participación familiar axuda a paliar as diferenzas por renda das familias

Para medir o rendemento académico tivéronse en conta, tanto as cualificacións xerais dos alumnos, coma as relativas a matemáticas, comprensión lectora, ciencias, ciencias sociais, idiomas estranxeiros e outras materias como arte ou música.

O estudo tamén analizou o peso do nivel de ingresos das familias e confirma que as rendas baixas se relacionan negativamente co rendemento escolar dos menores. Non obstante, o papel dos proxenitores pode darlle a volta á situación. “A participación familiar pode chegar a paliar as diferenzas debidas a ese status socioeconómico”, asegura Navarro. Pero o máis importante é que os pais amosen interese polos estudos dos seus fillos, por riba de que estean con eles facendo os deberes.

A investigación, publicada na revista Educational Research Review, conclúe que a implicación dos pais cobra maior importancia cando os fillos se encontran nos últimos cursos da educación obrigatoria.

Podes ler máis sobre esta investigación
neste artigo de Educational Research Review

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.