Nube tipo "cavum" sobre a cidade de Hong Kong. Foto: © Lee Tsz Cheung.

Nube tipo "cavum" sobre a cidade de Hong Kong. Foto: © Lee Tsz Cheung.

As nubes causadas polos incendios e os avións entran no novo Atlas internacional

A Organización Meteorolóxica Mundial presentou a nova edición deste catálogo, publicada por primeira vez en formato dixital

O Atlas Internacional das Nubes é unha publicación de referencia para os meteorólogos e todos os aficionados á observación do ceo. Neste 23 de marzo, Día Mundial da Meteoroloxía, a Organización Mundial da Meteoroloxía publicou a  nova edición deste atlas, que por primeira vez se ofrece en formato dixital.

Entre as novidades destaca a categoría de”nubes especiais”. Aquí entran as causadas polos incendios forestais ou erupcións volcánicas (flammagenitus), as xeradas pola acción do ser humano (homogenitus), como os ronseis dos avións (contrails) ou o fume das fábricas.

Nube

Nube “murus” captada durante un tornado en Colorado (EUA). Foto: © Matthew Clark.

A revisión do Atlas Internacional das Nubes tamén inclúe unha nova especie, a volutus, un tipo de nube alongada, coma un tubo, e cinco novos tipos de formacións que se distinguen por determinados rasgos: as asperitas (cunha especie de protuberancias), as cavum (cun burato no medio), as cauda (nubes de cola), fluctus (con aparencia de ondas do mar) e as murus (formacións verticais que adoitan anticipar tormentas).

As nubes clasifícanse dun xeito parecido ao que se segue cos seres vivos. Divídense en xéneros, especies e variedades que se nomean con termos latinos. Os dez principais xéneros (cirros, cirrocúmulos, cirrostratos, altocúmulos, altoestratos, nimbostratos, estratocúmulos, estratos, cúmulos e  cumulonimbos) non sufriron ningunha modificación.

Segundo destacan desde a Organización Meteorolóxica Mundial, esta actualización do Atlas Internacional das Nubes é a de maior volume da historia, debido á gran cantidade de información que se pode recabar grazas aos avances tecnolóxicos.

Esta nova edición pode consultarse, de xeito gratuito, na web do Atlas Internacional das Nubes, neste enlace.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.