Fumadora

Ás mozas cústalles máis deixar de fumar que aos mozos

Un estudo da Universidade de Montreal revela que as advertencias dos paquetes de cigarros asustan máis aos varóns

Un estudo realizado por un equipo de investigadores da Universidade de Montreal (Canadá) revela que ás mulleres novas lles custa máis deixar de fumar. A investigación, recollida pola revista Cancer Epidemiology, Biomarkers & Prevention, baséase nun estudo sobre a adicción nos adolescentes. O seguimento realizouse entre 1.293 estudantes de ambos os dous xéneros, coa finalidade de descubrir cal é o sexo con máis probabilidades de abandonar o tabaco.

Os resultados demostraron que eles son nada menos que un 80% máis propensos a abandonar a adicción. Entre os grupos de maior idade, a porcentaxe reducíase a un 30%. Outra das conclusións do estudo consiste en que os mozos que practican deporte rexistraron ao redor dun 44% máis de posibilidades de deixar de fumar, tanto en rapaces coma en rapazas.

Outra investigación revela que ás mulleres lles perxudica máis o tabaco

Tras a recollida inicial de datos mediante un cuestionario e medidas antropométricas, os investigadores reuniron datos cada tres meses durante cinco anos, ata que os estudantes completaron a súa formación en secundaria. O motivo da diferenza entre mulleres e homes, segundo as conclusións do traballo, baséase entre outras cousas, en que as advertencias dos paquetes de cigarros amedrentan o sexo masculino, pero non tanto ao feminino.

“En xeral, estes resultados apoian a hipótese de que aos novos fumadores que viven en familias con hábitos saudables nas que non fumar é a norma lles resulta máis doado deixar o tabaco. Ademais, é imprescindible comprender os factores que promoven o abandono do tabaco entre as nenas en comparación cos varóns, para deseñar intervencións específicas baseadas no xénero”, afirma Jennifer O’Loughlin, autora principal do estudo.

Esta maior dificultade para deixar de fumar combínase coa conclusión doutros estudo moi negativa para as mulleres, e é que a elas o tabaco lles perxudica máis. De feito, teñen un risco un 25% maior de desenvolver enfermidades coronarias e sufrir un ataque cardíaco que os homes, mesmo se fuman menos cigarros, segundo revela outro estudo publicado na revista The Lancet. Por cada ano que fuma unha muller, o risco auméntase nun 2%.

Para chegar a esta conclusión, Rachel Huxley, da Universidade de Minnesota, e Mark Woodward, da Universidade Johns Hopkins, analizaron datos de máis de 4 millóns de persoas procedentes de 86 estudos internacionais. A análise revelou, ademais, que as mulleres fumadoras teñen o dobre de risco de contraer cancro de pulmón que os fumadores masculinos. Segundo os autores, esta diferenza débese a que o corpo feminino extrae máis carcinóxeno e outros químicos tóxicos presentes no fume do tabaco a partir do mesmo número de cigarros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.