Os nenos poden anticipar os resultados das eleccións baseándose nas fotos dos candidatos.

Os nenos poden anticipar os resultados das eleccións baseándose nas fotos dos candidatos.

Os adultos tamén votamos usando criterios de nenos

Un estudo en Science demostra que é clave a aparencia do candidato e que cativos e maiores comparten criterios de selección

Sabías que o 67% dos clientes opinan que unha boa imaxe de produto é o elemento decisorio para a elección de compra? Parece ser que no ámbito da política ocorre o mesmo. De acordo a unha investigación da Universidade de Lausana, o aspecto físico dos candidatos é determinante á hora de decidir o voto. Ademais, demostran que as opcións electorais dos maiores dependen en gran parte de criterios de selección que xa tiñamos de nenos.

O estudo efectuado polo profesor John Antonakis e un alumno, e que publica a revista Science, demostra que mesmo os nenos poden anticipar as decisións que tomarán os adultos á hora, por exemplo, de votar nunha eleccións, en base a simples fotografías dos candidatos.

A primeira parte da experiencia realizouse a principios de 2007, cando Antonakis presentou a 684 adultos sen relación coas eleccións francesas as fotografías de 114 candidatos á Asemblea Nacional gala en 2002. As fotografías mostráronse de dúas en dúas, poñendo xuntos a cada candidato elixido co seu opoñente derrotado.

“Aínda que priman os argumentos racionais, vémonos atrapados polas aparencias”

O resultado foi que en sete de cada dez casos, os enquisados elixiron o gañador real. En xuño de 2008, os investigadores efectuaron un segundo test, esta vez en forma de xogo e con 841 persoas, das que 681 eran nenos de entre 6 e 13 anos. Tras presentarlles os mesmos pares de fotografías, pedíronlles que elixisen entre cada dúas ao “capitán do barco” dunha viaxe ficticia entre Troia e Ítaca.

Tanto os 160 adultos como os nenos interrogados elixiron de novo, en sete de cada dez casos, aos deputados que realmente gañaron aquelas eleccións francesas. Os nenos, ademais, predixeron, sobre a base de fotografías, a dobre vitoria de Barack Obama, primeiro sobre o seu opoñente demócrata Hillary Clinton, e despois sobre John McCain nas eleccións presidenciais de EEUU.

Os autores do estudo consideran que estes datos subliñan a importancia do aspecto físico en actos tan transcendentais como unhas eleccións. De feito, lembran que isto xa foi demostrado polo investigador Alexander Todorov, de Princeton, pero o estudo suízo vai máis lonxe: os seus autores afirman que ao comparar as respostas de adultos e de nenos, demóstrase que as opcións electorais dos maiores dependen en gran parte de criterios de selección que xa tiñamos de nenos.

“Aínda que tamén conten outros argumentos máis racionais á hora de facer unha elección -afirma Antonakis– está claro que nos vemos atrapados polas aparencias”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.