Venres 29 Marzo 2024

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

O Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) xa incluíu a protonterapia nas súas liñas de investigación, a novidosa técnica que permite disparar ao corazón do cancro e na que se pon grandes esperanzas para o futuro da oncoloxía. Yolanda Prezado é unha científica referente neste eido en París, no Instituto Curie, e sumarase a este novo camiño que se inicia na ciencia galega cun claro obxectivo: participar do impulso da radioloxía en España nun momento clave, posto que se poñerán en marcha dez equipos repartidos en sete comunidades. Un deles funcionará no primeiro Centro de Protonterapia de Galicia, cuxas infraestruturas se están construíndo, e será o núcleo da investigación e do tratamento en pacientes da comunidade.

Entrevistamos a Yolanda Prezado, natural de Verín, para abordar con ela a última hora da protonterapia e en concreto da súa especialidade: os mini-feixes de protóns. Preguntámoslle tamén se a protonterapia é para todo o mundo e como se ve dende fóra a ciencia que se fai en España.

Publicidade

—Acaba de chegar de Francia para despregar o seu labor investigador dende o CiMUS. Cales serán os seus primeros pasos?

—Reconstruír o equipo que tiña en Francia. A idea é desenvolver as liñas de investigación que estabamos facendo alí. Dende o punto de vista estrutural, gustaríame crear unha comunidade de xente interesada no tema e facer accións conxuntas.

—Como valora o estado da protonterapia en Galicia?

—Ata o momento non había un centro onde investigar, pero en Galicia hai grandes oportunidades para amplificar.

A protonterapia permite a radiación localizada en tumores de difícil acceso. Aínda que os efectos adversos sexan menores que os da radioterapia tradicional, a técnica ten algunhas limitacións e aquí radica o procedemento que investiga vostede, os mini-feixes de protóns. En que consisten?

— É unha das técnicas nas que máis traballamos co obxectivo de diminuír os efectos secundarios tanto en protonterapia como na radioterapia máis clásica. En radioterapia e protonterapia utilízanse campos de radiación de varios centímetros ou milímetros en doses homoxéneas, tamén nos tecidos sans, por conseguinte. Pero nesta técnica irradiamos cunha especie de peite de feixes que son submilimétricos. Consiste en zonas de altas e baixas doses. Isto activa os mecanismos radiolóxicos que son diferentes da terapia convencional e resulta nunha mellor preservación dos tecidos sans. Permite tratar tumores que son moito máis agresivos e para os que hoxe en día non hai tratamento eficaz, como poden ser os cerebrais. A idea é, partindo dos parámetros físicos desa irradiación, modular a resposta bióloxica dos tecidos e mellorar os tratamentos.

“Os mini-feixes de protóns permiten tratar tumores moito máis agresivos para os que hoxe en día non hai tratamento”

—Cales foron os resultados dos estudos preclínicos desta técnica? Cal é a taxa de supervivencia?

— Vemos que en todos os casos hai unha ganancia en canto á redución da toxicidade dos tecidos sans. En canto aos tumores, vemos un aumento significativo da supervivencia e da erradicación dos mesmos. Un dos nosos mellores resultados obtivémolo en 2021, onde con protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos, en animais. Outro dos resultados que tivemos, con outra configuración, conseguimos un 70% de animais libres de tumor. No Instituto Curie están moi convencidos de ir a ensaios clínicos, os médicos están interesados e estamos intentando buscar financiamento. Cando un quere realizar ensaios clínicos, ten que financialos o propio investigador. Por iso teño que comprometerme a buscar unha importante cantidade de diñeiro, pero de momento non foi posible.

O Centro de Protonterapia en Galicia non atenderá pacientes ata mediados de 2025. A idea é facer ensaios en humanos cos mini-feixes de protóns?

—Dependerá do interese dos médicos e dos oncólogos que veñan ao centro. Estaría encantada, pero non podo pronunciarme ao respecto neste momento.

—A protonterapia é para todos os pacientes con cancro?

—A día de hoxe, a radioterapia chegou a niveis de investigación moi importantes. A protonterapia é máis escasa, hai moitos menos centros e é un tratamento moito máis caro. Cando se prescribe un tratamento para recibir protonterapia, a non ser que acudas a un centro privado como ocorre en Estados Unidos, priorízanse indicacións onde hai unha evidencia probada de que esta técnica vai achegar beneficio. Aquí podemos falar dos nenos, como os meduloblastomas, onde os protóns che permiten non dar doses en tecidos como os pulmóns e o corazón. A dose que lle deas, porén, tamén pode ter un impacto a longo prazo. O que si, non se vai tratar unha próstata con protonterapia porque agora mesmo hai tratamentos moi bos en radioterapia convencional cun prognóstico boísimo. É un despercidio de recursos, a non ser que no futuro atopemos unha evidencia que a nivel biolóxico nos indique que tumores que agora mesmo tratamos por fotóns terán mellores resultados se usamos protóns.

—As terapias CAR-T tamén teñen un centro de traballo en Galicia. Pódense combinar coa protonterapia para o tratamento tumoral dun mesmo paciente?

—A radioterapia en xeral pódese combinar coa CAR-T ou con outro tipo de inmunoterapias. O que se ve é que moitas inmunoterapias, e aí englóbanse as CAR-T, por si soas non son suficientes, especialmente en tumores sólidos. Vese que a radioterapia pode axudar moito a volver os tumores inmunosupresivos e facilitar a actuación da inmunoterapia. Nós estivemos traballando con CAR-T no Instituto Curie e vimos que os mini-feixes son extremadamente eficaces combinados coas CAR-T.

Vostede tamén traballa na radioterapia flash.

—Son tamén feixes de protóns. Contrariamente aos mini-feixes, aquí xogamos co aspecto temporal, intentamos dar a dose nun tempo moi curto. De maneira que, se a radiación convencional se fai en minutos, a flash faise en poucos segundos. Nalgunhas configuracións que son moi concretas viuse que está técnica tamén dá lugar a unha redución da toxicidade. Nós facemos protonterapia flash e vimos que en determinados casos se pode preservar a memoria, pero hai outros efectos secundarios. O último estudo que publicamos en Nature Communications Medicine apunta que cando se suplementan con osíxeno aos nenos durante a anestesia, para evitar apneas, provócanse danos cognitivos na protonterapia convencional. Pero é que a flash provoca danos peores. Co cal, a mensaxe é que é moi importante optimizar eses procedementos de anestesia en oncocoloxía pediátrica, tanto en protonterapia normal como nesta técnica. O flash interesa moito, ten potencial, pero estamos lonxe de ter todos os parámetros baixo control como temos os mini-feixes.

—Cal será o lugar que ocupe a radioterapia, que é a maioritaria na actualidade nos hospitais públicos, co avance destas técnicas menos invasivas?

—Penso que á flash lle queda moito para ser mainstream. É difícil de predicir. Os mini-feixes e a radioterapia flash poden ser moi ventaxosos para certas patoloxías e tratamentos. Agora mesmo coa radioterapia temos máis pacientes que se curan pero hai unha recorrencia e hai que reirradiar, e isto é sempre un reto en radioterapia, porque tes tecidos e non queres danalos. A radioterapia con miniácidos produce efectos moi reducidos e podería ser algo que se considerase para tumores cerebrais, para radioterapia pediátrica. Que se vaia substutír? Parece difícil concluír isto a día de hoxe.

“Fóra non se fai mellor ciencia”

Yolanda Prezado, investigadora experta en radioterapia e protonterapia

—Vostede, que vén de investigar en Francia, como se ve dende fóra a investigación española?

—Non podo separar o ámbito persoal. Hai xente moi boa, auténticos heroes que están aquí con moi poucos medios. Agardamos que a situación mude. En España houbo sempre moitas restricións á investigación, tamén burocráticas, como na estabilización do persoal. Se ti formas ao persoal pero ven mal o panorama, marchan e perdes potencial. A cousa foi a mellor, fóra non se fai mellor ciencia. A administración ten que ser moi consciente de que a ciencia require máis medios e os máis importantes son os humanos. De nada vale ter a mellor infraestrutura se non tes o persoal investigador.

Galicia inviste suficiente en ciencia?

—Parécenme positivos os esforzos que se están realizando e estes programas, como o do que formo parte, permiten un oco a certos investigadores que non estiveron vinculados á universidade. Por exemplo, en perfís como o meu, e non é fácil chegar. Estas oportunidades ofrecen condicións máis favorables ao persoal investigador, aínda que sigan sendo anecdóticos. Hai que amplificalos.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Diputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

A USC incorpora a Yolanda Prezado, referente en protonterapia

O equipo de investigación que lideraba en París desenvolveu unha técnica pioneira de radioterapia menos invasiva e máis eficaz

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

Pontevedra ensaia fármacos prometededores contra doenzas hepáticas: esta é a innovadora tecnoloxía que hai detrás

Pacientes con hepatite B e fígado graxo proban tratamentos baseados no ARN de interferencia, unha das terapias máis esperanzadoras