Xoves 28 Marzo 2024

Nao, o robot convidado ás xornadas de automatización industrial da UVigo

A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo converterase do 12 ao 16 de marzo nun auténtico escaparate da Industria 4.0 coa celebración da sétima edición das Jornadas de Automatización Industrial’, JAI 2018, un evento no que, tras desbordarse todas as previsións de asistencia, contará coa participación de máis 700 profesionais das principais empresas do sector e 400 estudantes, fundamentalmente do campus, pero tamén do resto de escolas de enxeñaría de Galicia. Estes son algúns dos datos achegados este luns polo coordinador das xornadas, o profesor José Ignacio Armesto, nunha rolda de prensa de presentación na que estivo acompañado polo reitor, Salustiano Mato, quen adiantou que todo indica que as JAI poderán dar en breve o salto e converterse na principal feira tecnolóxica deste sector no noroeste español, e por un convidado espacial, o robot humanoide Nao, que fixo unha pequena demostración das súas habilidades.

Con carácter bienal e tras un parón de catro anos, “que nos serviu para volver moito máis reforzados”, tal e como insistiu o coordinador, as xornadas oriéntanse á difusión formativa e informativa das máis innovadoras e avanzadas tecnoloxías de automatización industrial, combinando as presentacións e conferencias impartidas por líderes de recoñecido prestixio no seu sector e por profesionais da industria, institucións e centros tecnolóxicos cun showroom con 35 postos nos que amosar o último neste tipo de tecnoloxías. “Estarán presentes toda unha serie de tecnoloxías que antes parecían ciencia ficción e que hoxe son xa unha realidade e forman parte do noso día a día. Son, en boa medida, a parte da enxeñaría que máis chama a atención”, explicou o reitor, Salustiano Mato, quen fixo referencia a que a automática industrial é, precisamente, “unha das áreas máis fortes dentro do Vigo Tecnolóxico”.

Publicidade

A feira aspira a converterse na principal feira tecnolóxica do sector no noroeste da Península

A gran maioría de empresas que participan nesta sétima edición das JAI -24 firmas que apoian o evento de xeito directo e ás que se suman outras como entidades colaboradoras- son multinacionais con presenza en España, algunhas delas presentes nas JAI dende a primeira edición, como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR. “A maioría son compañías moi asentadas no tecido industrial” que abandeiran o terreo da automatización e “adoitan estar presentes en feiras tan prestixiosas como a Automática en Münich ou SPS IPC Drives de Nüremberg”, explicou Armesto, quen fixo fincapé en que, “aínda que sexa de xeito moi modesto, as JAI están a pór a Galicia no mapa de encontros profesionais deste sector e permiten que, tanto os profesionais de aquí como o alumnado, poida coñecer de preto as principais novidades sen necesidade de desprazarse a Madrid ou Barcelona, no mellor dos casos”.

Ademais, no programa de relatorios estarán presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo. Entre elas, PSA Peugeot Citroën, que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa; Repsol, que amosará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña; e Navantia, que dará a coñecer o seu proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos. Tamén participarán nos relatorios representantes de centros tecnolóxicos como CTAG, Gradiant ou Aimen, que exporán os proxectos de investigación nos que están traballando na actualidade relacionados con este tipo de industria.

Programa

O programa arrancará o luns 12 de marzo e, tras o acto oficial de apertura, terán lugar diferentes conferencias. A primeira, correrá a cargo de Juan José Areal, responsable do Proxecto de Innovación en Proceso do Grupo PSA, que falará sobre automoción 4.0. e seguiranlle responsables de Repsol (industria de proceso), Navantia (estaleiro 4.0), HP (vantaxes da tecnoloxía 3D) ou Kuka (robótica).

Para facilitar o seu seguimento, sobre todo desde universidades e centros de formación profesional da Eurorrexión e Iberoamérica, as xornadas serán retransmitidas en directo por Uvigo-Tv.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%