Xoves 18 Abril 2024

“As científicas de comezos do século XX tiñan que estar feitas dunha pasta especial”

Captura de pantalla 2018-03-02 12.56.41

No ano 1910, dúas Reais Ordes do ministerio de Instrución Pública abriron a porta á educación a todos os niveis para as mulleres. Na práctica, os obstáculos duraron moitas décadas máis, pero aquela normativa permitiu que moitas alumnas puideran acceder á universidade. Tomando esta data como punto de partida, a investigadora da USC Xoana Pintos elaborou a súa tese de doutoramento As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960, dirixida por Ricardo Gurriarán. Unha profunda compilación de datos, documentos e experiencias que reflicten o valor das pioneiras da ciencia en Galicia, e que reflexiona sobre as figuras, escurecidas en moitos casos, que abriron camiño para as que viñeron despois.

– Adoita facer un xogo nos centros de ensino: ‘Escribide o nome das mulleres científicas que coñecedes. E agora, borrade o de Marie Curie’. E a folla queda case sempre en branco.

Publicidade

– Foi unha idea dunha profesora miña. Estas semanas estou dando charlas nos institutos, e pasoume varias veces. Cando lles digo que borren o nome de Marie Curie dinme: ‘Non val, iso é trampa!’, porque os alumnos, en xeral, é a única científica que coñecen. Parece que non hai máis. E pasou en máis sitios. Cando visitaba en Madrid a exposición Mujeres Nobel, a propia xente que pasaba por diante cría que era unha exposición só sobre Marie Curie.

– Cales son esas figuras que aínda permanecen ocultas, e que fixeron un traballo moi destacado?

– Hai 18 mulleres con Nobel en ciencias, e mulleres moi notables, pero fóra dos ambientes especializados, ninguén sabe quen son. Por desgraza o descoñecemento dos Nobel tamén pasa nos homes, pero as figuras femininas non se recoñecen. E moitas outras sufriron discriminación e son coñecidas precisamente por iso.

Está o caso de Rosalind Franklin, que fixo achegas esenciais para o descubrimento da estrutura do ADN, e Watson e Crick nin sequera a citaron nos traballos que lles acabarían dando o Nobel. E ela morreu sen ser recoñecida; é un paradigma da discriminación. Ou Lise Meitner, pioneira da física nuclear, que foi ignorada no 1944 cando lle deron o Nobel ao seu compañeiro Otto Hahn. Einstein chamáballe ‘a nosa Marie Curie’.

“As matrículas de mulleres en Medicina despois da Guerra Civil caeron moitísimo”, sinala Xoana Pintos

– E en Galicia?

– Hai moitas pioneiras, con vidas moi interesantes, e unhas ganas de aprender tremendas. Para que unha muller tomase a decisión de matricularse nunha facultade de ciencias naqueles primeiros anos, a comezos do século XX, tiña que estar feita dunha pasta especial. Estudaron un montón de cousas, viaxaron para seguir formándose, ocuparon cargos importantes… a pesar de todas as dificultades que había. Poderían destacarse, por exemplo, as irmáns de la Vega (sobre todo Jimena, porque Elisa por desgraza morreu nova), Antonia Ferrín, María Eugenia Pereira, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño, etc. Pero hai decenas de bos exemplos.

– Avánzase, aínda con todas as dificultades, a comezos do século XX, pero chega 1936.

Hai moitos motivos que se xuntan. Case non houbo ninguén que non tivera un morto na casa. Algunhas alumnas con expedientes brillantes tiveron que exiliarse, como Fernanda Monasterio ou Elisa Díaz Riva. Outras tiveron que deixar os estudos para coidar ás familias. E despois, o propio franquismo non pensaba, nin moito menos, nas mulleres como persoas independentes no traballo, xa sabes, como para dedicarse á investigación. Pilar Primo de Rivera dicía que ás mulleres fáltalles o talento creador que Deus ten reservado para os homes.

As matrículas de mulleres caeron moitísimo. Se a Facultade de Medicina andaba por un 9% de alumnado feminino, despois da guerra queda no 1%. Noutras, como en Farmacia, notouse menos porque se cría que era un traballo máis propio de mulleres. Pero o caso de Medicina, por exemplo, foi terrible; ata os anos 60 non se recuperaron as cifras de antes da guerra.

– E con todo, xorden pioneiras que consiguen saír adiante nesta situación.

– Era difícil, porque todo o mundo lles dicía: ‘Pero onde vas facendo isto?’, ‘Este non é un traballo para ti’, e cousas do estilo. Os profesores tampouco axudaban. Podía haber algún máis aberto, pero en xeral eran remisos. E cos compañeiros igual. Tiñan que ser mulleres combativas, e con expedientes extraordinarios, por riba dos seus compañeiros varóns.

E houbo moitas que quedaron no camiño, porque por exemplo, retirarse despois do matrimonio e de ter fillos era algo moi habitual. Das máis destacadas, algunhas si que estaban casadas, pero creo recordar que só Ángeles Alvariño tivo fillos. E co matiz de que fixo a carreira no estranxeiro, onde nunca lle poñían obstáculos por isto. A carga de familia sempre foi o gran obstáculo, e segue séndoo hoxe en día.

Como eran vistas nos ambientes académicos?

“Adoitaban sufrir illamento por parte dos profesores e dos compañeiros”, di Xoana Pintos

– Adoitaban sufrir illamento, dalgún ou doutro xeito. Hai testemuños de xente como Tarsy Carballas, que pasou por isto, e tivo que marchar ao CSIC, porque dicía que non podía loitar contra a presión que exercían sobre ela. Ou Olimpia Valencia, que quería facer Neumoloxía, pero desanimárona, porque tiña que tratar con varóns, e que iso non podía ser, así que case a obrigaron a facer Xinecoloxía, que era o que facían as mulleres. Ou Ramona Vaamonde, que chegou a ser profesora de Microbioloxía, pero que estaba claramente infravalorada dentro do seu departamento.

– Hoxe están superados aqueles tempos?

– Nalgunhas cousas si, pero noutras está claro que non. En canto a matrículas, a cousa está máis ou menos igualada, pero segue habendo nesgos. Hai estudios que din que nas áreas técnicas hai menos mulleres porque as propias rapazas consideran que son carreiras moi difíciles para elas; e iso é porque hai prexuízos na sociedade que llo fan ver así.

Segue habendo unha fenda tamén á hora de afrontar a carreira científica. A baralla rompe cando se fala da ciencia como saída profesional, máis alá do estudo. Non só é un asunto de cargas familiares, senón que hai nesgo nos propios procesos de selección. No MIT fixeron un experimento no que cambiaban o sexo da persoa que optaba a unha praza nos documentos de solicitude. E viron que a selección mudaba totalmente. Xa se está empezando a pedir que se fagan as seleccións a cegas, que se borre o nome e o sexo da persoa para que isto non inflúa no momento de optar a unha praza.

Aquí podes descargar a tese de doutoramento de Xoana Pintos: As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:58:19

Victoria Lareu: “O maior hándicap da muller no traballo é ser nai”

A catedrática de Medicina Legal da USC participa na terceira sesión do ciclo 'Ciencia en feminino'

En directo: Mabel Loza en Ciencia en Feminino

A catedrática de Farmocoloxía da USC Mabel Loza abre este xoves,...

O 8M mira cara ás científicas co ciclo Ciencia en Feminino

GCiencia inicia un ciclo de charlas e debates con recoñecidas investigadoras galegas, ao abeiro da Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra

Elisa Díaz Riva, pioneira da química en Galicia

A investigadora compostelá foi das primeiras tituladas nesta disciplina, pero tivo que marchar ao exilio tras a Guerra Civil