Venres 19 Abril 2024

Xavier Labandeira: “Levamos 20 anos sen abordar correctamente o cambio climático”

Os científicos acaban de facer unha nova chamada de atención sobre a urxencia de abordar o problema do cambio climático. Despois do Acordo de París de 2015, cando os países asinantes se comprometeron a aplicar as medidas precisas para evitar chegar aos 2ºC de aumento da temperatura global a finais de século, a Convención Marco sobre Cambio Climático de Nacións Unidas encargou ao IPCC un informe para estudar as implicacións que tería este escenario. E o documento, presentado esta semana, alerta de que fan falta medidas estritas, e que hai que tomalas canto antes.

Xavier Labandeira, catedrático de Economía da UVigo e director do centro de investigación Economics for Energy, é, xunto a Elena Ojea, un dos expertos galegos que participan na elaboración do sexto informe do IPCC, no que traballarán durante os vindeiros anos xunto a centos de científicos de todo o mundo. Labandeira advirte de que fan falta políticas “moi intensas e extensas” para evitar os peores escenarios do cambio climático.

Publicidade

– Que di o informe presentado esta semana?

– As mensaxes fundamentais son dúas. Por unha banda, que xa é moi difícil non superar o 1,5ºC de aumento da temperatura global; isto non é moi novidoso, porque xa se sabía que era moi complicado incluso acadar os obxectivos do Acordo de París, pero o informe cuantifica e amosa con máis detalle esta dificultade. Cos obxectivos que agora mesmo están ofrecendo os países, estamos nunha traxectoria de chegar ata arpoximadamente os 3ºC de quecemento. E aínda así tendo en conta que se cumpran estes obxectivos mediante a implantación de políticas axeitadas, que ese é outro problema.

Nestes momentos xa estamos en 1ºC de aumento de temperatura respecto á época preindustrial, e isto quere dicir que hai xa unha inercia brutal de concentracións de gases de efecto invernadoiro na atmosfera, así que manterse na marxe de ese medio grao a maiores é moi complicado.

“Pensabamos que o limiar dos 2ºC era unha especie de seguro, pero o informe di que os danos serán moi graves”

E dentro desta primeira mensaxe, fálase de escenarios distintos: por un lado, non permitir que a temperatura chegue a 1,5ºC, pero iso é moi esixente; implica que teriamos que reducir as emisións en moi grande medida desde xa, e a nivel global, e chegar a 2050 con emisións nulas. E unha segunda posibilidade é permitir, debido a esta inercia, que subamos de 1,5ºC, pero logo reducir concentracións e baixar o aumento da temperatura. Básicamente isto só podería facerse a través de captura de gases emitidos, o que presenta bastantes dúbidas porque sobre a captura de carbono aínda hai bastantes incertezas: non temos desenvolvida a tecnoloxía a uns custos asequibles e non sabemos con certeza que danos colaterais pode ocasionar.

Por tanto: técnicamente é posible non superar os 1,5ºC, pero faría falta unha política moi radical para conseguilo. As dificultades prácticas son grandes, porque incluso nos países desenvolvidos xa costa moito poñer en marcha medidas modestas, pero en países en desenvolvemento sería máis difícil pola existencia de menos medios e outras prioridades.

E unha segunda mensaxe é algo que vén rachar co se que cría ata agora sobre o límite dos 2ºC. Pensabamos que era unha especie de seguro, de que podería ser unha situación asumible dentro dos danos que se poderían producir. Pero o informe di que estes danos van ser graves. Fala da desaparición dos corais, de subidas importantes do nivel do mar… Unha serie de feitos relevantes que agravarían os efectos do limiar dos 2ºC a nivel global. E isto pode agochar tamén problemas máis severos nalgunhas rexións porque falamos de subidas medias, que poden ser moito máis elevadas en partes do planeta.

E a reflexión que tamén habería que facer, dados os antecedentes, é pensar no que podería pasar se os obxectivos do Acordo de París non se cumpren e temos que afrontar un escenario cun aumento de 3ºC, ou máis, e danos moi elevados.

Xavier Labandeira.
Xavier Labandeira.

– Algúns comentaristas falan dunha ‘política de guerra’.

– Vai ter que ser un cambio radical, unha política moi intensa e moi extensa para evitar danos moi graves. Porque hoxe temos unha situación de bastante parálise: as emisións seguen subindo, e hai moitos países que aínda non están actuando. Deben ser accións moi intensas, no sentido de aplicar políticas correctoras a gran escala; e moi extensas, porque se pode pensar que isto é só cousa do sector enerxético, ou o transporte, pero hai que pensar en toda a economía, porque todos os sectores e todas as decisións que se tomen deben ter en conta isto. E por suposto tamén extensas a nivel planetario, non só no grupo de países máis desenvolvidos.

“Levamos 20 anos sabendo que o cambio climático é un problema relevante, pero non somos capaces de abordalo”

En xeral, o problema do cambio climático é moi complicado de xestionar, porque non tanto depende das emisións, que son unha variable de control estándar, como das concentracións dos gases que hai na atmosfera e que poden controlarse só de forma indirecta. As concentracións seguen subindo, a marxe de manobra cada vez é menor, e as medidas teñen que ser cada vez máis estritas, como apuntaba antes.

E o problema é que levamos así 20 anos, sabendo que é un problema moi relevante, e aínda non somos capaces de abordalo correctamente. Esta é unha chamada de atención da comunidade científica, de que estamos ante un problema moi serio e que non se avanza.

– Haberá que tomar entón medidas pouco populares.

– Estase vendo estes días, co asunto dos impostos aos combustibles en España. Temos impostos baixos, que costa moito subilos. Tamén coas emisións do sector eléctrico, asociadas en grande medida ao carbón importado, que supoñen entre o 10 e o 15% das emisións globais españolas e que tampouco son necesarias porqure se poden substituír por outras capacidades enerxéticas que xa temos instaladas… Temos cousas que se poden facer, e que costa facer, e falamos dun país desenvolvido, con capacidade de facer estas cousas; imaxinemos países onde non hai medios, ou onde hai outras prioridades.

– Que primeiros pasos hai que dar?

– Aquí estamos todos involucrados: economistas, enxeñeiros, urbanistas, informáticos, ciencias da vida… Pero un aspecto moi importante, que aos economistas nos parece fundamental, é crear un prezo da emisión de CO2 o suficientemente alto para que cambien os hábitos e fomentar investimentos en tecnoloxías limpas e en innovación. É un instrumento non suficiente, pero si necesario. Eu non imaxino unha política climática efectiva e eficiente sen un instrumento como este.

Non é fácil, e estamos véndoo coa subida do prezo do mercado europeo do comercio de emisións nas últimas semanas, que causou bastante preocupación entre consumidores residencias e industriais de electricidade Pero é unha das medidas polas que hai que apostar, porque pon en marcha todo o proceso de cambio socio-económico á descarbonización. Se ti pos un prezo elevado, os coches que se van vender van ser os eléctricos ou moi eficientes; as casas que se constrúan van ser eficientes, o urbanismo tamén se vai adaptar… E todo o volume de investimento que necesitamos poñer en marcha vai arrincar.

– Hai uns meses, a súa compañeira Elena Ojea falaba de que as augas das nosas costas van mudar moito se o cambio climático se acelera; como podemos prepararnos para isto?

– Galicia está nunha situación complexa porque temos un sector primario aínda importante que pode verse moi  afectado polo cambio climático. A adaptación da pesca ou da agricultura ao novo escenario pode ser complexa, e ás veces, directamente, non ser posible; se desaparece unha pesquería, ou búscase outro tipo de especies ou foméntase a acuicultura ou hai que promover o cambio sectorial. O problema é obviamente serio e temos que prevelo e prepararnos.

En Galicia o sector primario aínda é importante, e pode verse afectado polo cambio climático”

É un problema non só de Galicia. O outro día, falando cun profesor danés, dicíame que este verán, co calor e a seca que tiveron, perderon grande parte da produción agraria, porque a súa agricultura non está preparada para fenómenos desta natureza.

Habería que pensar, por tanto, en medidas e alternativas de adaptación públicas, desde o Goberno central, a Xunta ou as Deputacións; pero tamén privadas, readaptando os sectores produtivos e pensando en novas actividades.

– Cúmprese estes días o aniversario da vaga de lumes, que tamén podería agravar no futuro o cambio climático. Como podemos prepararnos ante isto?

– Non é normal que outra vez á altura de outubro teñamos alarma por incendios. Non é o modelo habitual de Galicia, con estacións máis acoutadas, pero isto tamén está cambiando e dificulta moito a xestión do problema. Hai sinais noutras latitudes, como Escandinavia, onde este verán tiveron tamén incendios grandes. California xa ten problemas prácticamente durante todo o ano.

Hai que prepararse, non só nas políticas de extinción, senón presentar un cambio importante no xeito no que organizamos os bosques: tipo de especies, a súa xestión… Isto é unha materia pendente en Galicia e en Portugal, porque xa estamos vendo traxedias humanas e económicas que poden ir a máis.

– O papel dos gobernos e as administracións é esencial pero, que pode empezar a facer cada persoa que estea lendo isto?

– Os cidadáns, polo menos nas democracias, temos moito nas nosas mans: votamos aos nosos políticos, polo que temos unha capacidade de influencia para que estes promovan políticas que loiten contra o cambio climático.

En segundo lugar somos consumidores: podemos comprar produtos máis limpos, usar a bicicleta ou o transporte público, ou vehículos pouco contaminantes, poñer iluminación máis eficiente na casa, cambiar a caldeira… Temos bastante poder neste aspecto tamén.

“Os cidadáns temos moito nas nosas mans para frear o cambio climático, e hai que facelo desde xa” 

E somos tamén inversores e aforradores: podemos dedicar os nosos aforros a investir en empresas e sectores que van garantir e facilitar a transición ecolóxica.

Está claro que hai moitas cousas que escapan das nosas mans, pero tamén hai moito nas nosas mans, e hai que facelo. O que non vale é dicir que os políticos non fan nada, que isto é un desastre, e despois protestar porque suban uns céntimos os carburantes ou a electricidade por políticas correctoras do cambio climático. Estas transicións poden ter custos, sobre todo a curto prazo, pero no medio prazo o seu efecto será moito máis positivo. E, por suposto, garantirán que os nosos descendentes teñan unhas condicións de vida aceitables.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

A UDC propón políticas de transición enerxética para 13 rexións con altas emisións de CO2

O proxecto europeo ENTRANCES, liderado dende a institución coruñesa, estudou 13 zonas europeas en proceso de descarbonización