Venres 19 Abril 2024

Estados Unidos tremelica co frío ante a chegada do vórtice polar

O Medio Oeste prepárase para unha sensación térmica de ata -60ºC debido ao súbito descenso da masa de aire polar desde o Ártico

Estados Unidos está recibindo xa os efectos dunha vaga de frío que bate récords. Os prognósticos falan de que na zona máis septentrional do Medio Oeste as temperaturas caerán ata os -35ºC, pero os refachos de vento xélido poderían levar a que a sensación térmica sexa de ata -60ºC. O servizo federal de meteoroloxía xa advertiu de que son condicións que poñen en serio risco a vida de estar ao aire libre. E ao mesmo tempo, no Polo Norte, as temperaturas son máis altas do habitual. É o efecto da debilitación do vórtice polar, un fenómeno semellante ao deixou o ano pasado nevadas exprés en Galicia.

Que é o vórtice polar

Nun artigo publicado en The Conversation, a científica Jennifer Francis explica que o vórtice polar é un fluxo de aire máis ou menos estable que rodea o planeta nas latitudes máis septentrionais, aínda que con pequenas oscilacións, empurrado por ventos do oeste. A súa parte máis baixa, a varios quilómetros de altura, é a coñecida como corrente en chorro, ou jet stream, e inflúe nos sistemas de altas e baixas presións que condicionan a meteoroloxía no hemisferio norte. Porén, por riba dela está o vórtice polar estratosférico, que colle forza durante o inverno. E debido ás diferenzas de temperatura entre o Ártico e as latitudes medias máis ao sur, xéranse contrastes de presión, e o aire flúe a través delas creando fortes ventos.

Publicidade

O vórtice polar e o cambio climático

Aínda que o cambio climático parece remitir só ao aumento da temperatura, tamén pode xerar episodios extremos de frío. Porque as emisións de gases de efecto invernadoiro fixeron, en efecto, aumentar a temperatura global aínda máis no Ártico: o xeo e a neve derrétense a maior velocidade. E así, o océano e a terra absorben máis calor do Sol.

Este quecemento do Ártico provoca que a diferenza de temperatura entre a zona polar e as latitudes medias sexa menor, o que desequilibra o fluxo da corrente en chorro e o vórtice polar. Comezan a oscilar máis en latitude e, por tanto, achéganse máis ao sur. E chega o momento en que, en determinadas condicións, o vórtice polar rompe e, como se fose unha especie de burbulla, divídese. E iso é o que está acontecendo nos Estados Unidos estes días.

Vai ser máis habitual?

Os científicos están investigando se hai motivos para afirmar que o cambio climático vai aumentar a frecuencia da ‘ruptura’ do vórtice polar. Neste senso, algunhas voces negacionistas en Estados Unidos expoñen que a vaga de frío é unha evidencia de que o quecemento global non existe, como fixo nalgunha ocasión o propio Donald Trump. Pero segundo subliña Jennifer Francis, “esta crenza pode disiparse botando un ollo ás temperaturas noutras partes dos Estados Unidos e do mundo esta mesma semana, que son máis altas do normal”.

Referencias: How frigid polar vortex blasts are connected to global warming (The Conversation, 28 de xaneiro de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso