Son os virus emerxentes unha moda ou un perigo real? Que é o último que se sabe do ébola e o zika? Como loitar contra estes andazos? Conversamos coa viróloga Carmen Rivas do CIMUS que estuda vulnerabilidades do ébola en colaboración co Laboratorio de Virus Emerxentes de Hamburgo. Este laboratorio dirixido por César Muñoz Fontela é un dos poucos en Europa con nivel de bioseguridade P4. Se queres saber máis tamén podes escoitar estoutro podcast con Muñoz Fontela.
Iniciamos sección de Ciencia e Cinema con Martin Pawley. A primeira entrega ten este suxestivo título “De como a curiosidade astronómica axudou ao nacemento do cinema. E de como o cinema axudou ao progreso da astronomía”. Viaxaremos desde o revólver fotográfico de Janssen ata o filme “Barrabás” con eclipse incluída.