Venres 29 Marzo 2024

Victoria Lareu: “O maior hándicap da muller no traballo é ser nai”

A catedrática de Medicina Legal da USC participa na terceira sesión do ciclo 'Ciencia en feminino'

“Tiven a sorte de ter fillos tarde. Cando os tiven, tiña moitísima da miña carreira desenvolvida”, reflexiona Victoria Lareu. É catedrática de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC) e directora dende hai 10 anos do Instituto de Medicina Legal Luis Concheiro, asociado á mesma institución. Ademais de formarse en centros internacionais de recoñecido prestixio, foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburger en 2021. En parte, polas súas contribucións ao campo da xenética forense, dentro do que desenvolveu a aplicación pioneira dos STR, uns marcadores xenéticos que serven para predicir a ascendencia bioxeográfica e as características físicas. Para falar da súa extensa e meritoria carreira, así como da situación da muller na ciencia, Victoria Lareu foi a convidada da terceira sesión de Ciencia en Feminino, o ciclo que organiza GCiencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra co gallo do 8M.

Un dos temas que abordou Lareu ao abeiro de Ciencia en feminino foi o impacto da maternidade sobre a carreira investigadora das mulleres. “Claramente, o maior hándicap da muller no traballo é ser nai porque cambia a maneira de afrontar as cousas”, declarou. A catedrática da USC denunciou a falta de conciliación familiar e instou a que as autoridades competentes busquen unha solución o antes posible. “A educación é moi importante. A xente que traballa comigo e ten fillos, cando o neno ten febre, a que queda na casa é a muller. E iso continúo a velo na xente nova”, asegurou Lareu, instando a un cambio social máis profundo.

Publicidade

“A maternidade é clave para que a muller, que ata certa idade está en todos os sitios, desapareza”

Continuando coas súas reflexións arredor da idea da maternidade e da investigación, a catedrática de Medicina Legal fíxose eco das palabras dunha boa amiga: “As mulleres que traballamos fóra somos as eternas insatisfeitas. Cando estamos no traballo pensamos nos nenos e cando estamos cos nenos pensamos no traballo”, afirmou. E engadiu que os homes, de momento, “aínda non están nesa situación”. “A maternidade é clave para que a muller, que ata certa idade está en todos os sitios, desapareza. Xusto es nai cando podes empezar a ter postos de responsabilidade”, expuxo.

Cuestión de oportunidades

A este respecto, Lareu tamén analizou a dificultade que teñen as mulleres para romper o coñecido teito de cristal. Durante a entrevista, a investigadora mantívose optimista: “É só unha cuestión de tempo. Chegará o momento en que non falemos disto”. Sobre todo porque, segundo ela mesma defendeu, “a intelixencia non ten teito de cristal”. E engadiu: “Non ten sexo, nin raza, nin etnia… É só unha cuestión de oportunidades. Se tes unha intelixencia media, podes acadar moitos fitos coas ferramentas apropiadas. Non importa que sexa homes ou muller, branco ou negro. Se Mozart nacera na África Subsahariana probablemente non escribiría as obras musicais que temos hoxe. Por que? Porque é unha cuestión de oportunidades”, alegou.

“Se Mozart nacera na África Subsahariana probablemente non escribiría as obras musicais que temos hoxe”

Porén, aínda queda un treito por percorrer. Non é sinxelo, pero pode conseguirse. “Todo o mundo ten que darse conta da igualdade”, manifestou Lareu. “Se todos entendemos que non importa que sexas home ou muller, xa está solucionado”, asegurou a investigadora. Así mesmo, fixo fincapé no importante que é ter apoio institucional, sobre todo no que respecta ao traballo de laboratorio. “Nós sentamos e somos un grupo. Hai máis mulleres ca homes, pero non noto a diferenza. Isto é real, non ficticio, e cando todos o entendamos xa non falaremos máis deste tema”, aduciu. Máis alá da situación da muller na ciencia, Lareu tamén apuntou ao principal problema da ciencia en España que, aos seus ollos, é a falta de financiamento. “Estamos creando coñecemento en persoas moi válidas que logo exportamos”, concluíu.

Programación Ciencia en feminino

29 de marzo. Mesa redonda: Retos de futuro: que nos queda por facer para romper a fenda de xénero

  • Verónica Bolón, investigadora en intelixencia artificial e profesora da Universidade da Coruña (UDC).
  • Susana Ladra, directora do Campus Innova e profesora na UDC.
  • Ana Belén Crujeiras, doutora en Bioloxía e líder do grupo de Epixenómica e Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS)

Escoita Ciencia en feminino en: SpreakerIvoox, SpotifyiHeartGoogle PodcastsDeezerPodcast AddictJioSaavn e Podchaser.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas
00:36:16

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. O emprendemento das mulleres

A doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola Universidade de Santiago, Catalina Fernández, conta a súa experiencia como directora xeral de Hifas da Terra
00:57:23

“En ciencia, moitas veces tes que demostrar que es tan capaz como un home”

A primeira actividade do ciclo 'Ciencia en feminino' analiza as vocacións científicas e como mantelas pese aos obstáculos por ser muller
00:57:23

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. As vocacións científicas

A bióloga Alicia L. Bruzos, a enxeñeira espacial Uxía García Luis e a paleontóloga Blanca Moncunill Solé falan da súa experiencia como mulleres de ciencia