Xoves 25 Abril 2024

Viaqua leva ao CERN a cinco profesores galegos

Cinco docentes galegos de ciencias e tecnoloxía de ensino secundario e formación profesional viaxarán ás instalacións do CERN entre os días 24 e 29 de xuño grazas ao Programa de Formación de Profesorado de Viaqua e a Fundación Aquae, que levará en total a 19 profesores españois ao que é o maior laboratorio de física de partículas do mundo.

Os profesores son Marta Fernández Solleiro e Mercedes Neira González, do IES Xelmírez I de Santiago, Jesús Fidalgo Fernández, do Instituto Plurilingüe Rosalía, tamén de Compostela, David Bruzos Higuero, do IES Otero Pedrayo de Ourense, e Isabel María Segura Espinosa, do IES Eduardo Pondal de Ponteceso.

Publicidade

O proxecto busca achegar maiores coñecementos aos docentes para que os transmitan logo aos alumnos

O obxectivo desta visita ten dúas vertentes: por unha banda, achegar maiores coñecementos teóricos e técnicos aos docentes, e por outra, ofrecerlles ferramentas para aplicar esta aprendizaxe nas aulas, fomentando deste xeito as vocacións científicas do alumnado, sobre todo no referente ás carreiras STEM (as que se engloban dentro da Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría e as Matemáticas).

Do mesmo xeito, este programa de formación que impulsan Viaqua e a Fundación Aquae tamén procurará que se establezan vínculos directos entre os centros educativos galegos e españois e o CERN, onde xa traballan decenas de galegos. Segundo sinala Mariola Urrea, presidenta do Consejo de Estrategia y Supervisión da Fundación Aquae, “tras o seu paso polo centro, estes profesores volverán aos seus institutos, onde compartirán a súa experiencia cos estudantes, colegas e o público en xeral, actuando como embaixadores da ciencia e, en particular, da física de partículas e o CERN”.

Aquae é a primeira institución española en unirse á Fundación CERN&Society

Segundo algúns informes, como o Educa 20.20, estímase que en España só un 10,5% dos estudantes escollerá graos de ciencias, unha cifra que contrasta coas necesidades do mercado laboral. “É imprescindible ofrecer aos nosos mozos todos os estímulos precisos para fomentar o seu interese pola formación científica e técnica para reverter esta tendencia xa que, como advirten estes informes, o noso país será un dos Estados europeos con maior desaxuste entre a formación dos seus profesionais e as necesidades empresariais. E para conseguir este obxectivo, a intervención dos educadores é clave”, explica Mariola Urrea.

Durante a súa estancia, os profesores recibirán clases maxistrais, asistirán a conferencias e participarán en obradoiros prácticos, sesións de debate e exposicións, nas que aprenderán os últimos avances e achados realizados no CERN. Deste xeito, profundarán no seu coñecemento en física, enxeñaría e computación, mellorando a súa preparación para o desenvolvemento da súa actividade docente. Tamén poderán visitar algúns dos experimentos do acelerador de partículas.

A visita dos profesores ao CERN forma parte da colaboración iniciada en 2017 entre a Fundación Aquae e a Fundación CERN&Society, que durará ata finais de 2019. Con este programa, Aquae converteuse na primeira institución española en unirse á CERN&Society desde a creación desta, no ano 2014.

A Fundación Aquae, creada en 2013 pola empresa Viaqua, ten por obxectivo impulsar iniciativas fronte ao cambio climático, promover e apoiar o talento e a innovación. Traballa como un laboratorio de ideas que busca espertar a creatividade e a colaboración para conseguir un modelo social, económico e medioambiental máis sustentable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

O impacto da intelixencia artificial na educación sexual

Por María José Figueiredo e Daniel González Peña, da UVigo, e Ricardo Fandiño Pascual, da USC

“A loita contra o lume necesita dunha nova narrativa nos centros educativos”

María Isabel Doval, investigadora da UVigo, quere desenvolver novos recursos que coloquen as escolas rurais no quilómetro cero da prevención de incendios