Venres 29 Marzo 2024

Urina de lobo: o antídoto contra os accidentes con xabarís?

A idea non é nova na Península. No ano 2013, o Ministerio de Fomento e a Diputación de Bizkaia comezaron a empregar nas vías da súa titularidade un composto químico baseado en substancias que se atopan nos ouriños de lobo para evitar que xabarís e corzos se achegasen ás estradas de Cantabria e o País Vasco. Querían impedir, deste xeito, os numerosos accidentes provocados pola colisión con animais salvaxes. O ano pasado, segundo informaba a Cadena Ser, os accidentes reducíranse nun 75 por cento nos tramos onde se colocara o produto, segundo datos da propia deputación.

Desde hai un tempo, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está ensaiando tamén coa urina sintética de lobo, segundo informaron varios medios nos últimos meses. É un novo intento para frear o elevado número de sinistros que se producen, sobre todo nas estradas secundarias. Impregnan os bordos das estradas con esta substancia, para impedir que os xabarís se acheguen. Ao mesmo tempo, nos pasos para fauna, colocan feromonas de xabaril para atraer aos animais por esas zonas. De forma complementaria, tamén traballan con outros métodos, como valados e reflectores.

Publicidade

Bote de repelente contra cervos comercializado nos EUA.
Bote de repelente contra cervos comercializado nos EUA.

Non en tanto, a utilización de ouriños de lobo é o procedemento que máis chama á atención. O produto chega dende os Estados Unidos, onde numerosas empresas comercializan este composto, en gran medida, para protexer ás mascotas dos ataques dos coiotes e outros animais salvaxes. Ofrecen non só ouriño sintético de lobo, se non tamén de raposo, cervo ou o propio coiote, dependendo do problema que se queira atallar. As botellas poden mercarse de forma sinxela a través de Amazon ou outras páxinas web. Incluso fan un inxenioso xogo de palabras para publicitar o produto: din que ese composto establece un “pis-rímetro” (‘pee-rimeter’, en inglés) contra a fauna salvaxe.

A pregunta do millón é: funciona? Algúns estudios, como o publicado en PlosOne, sosteñen que na ouriña dos lobos hai compostos químicos, como a pirazina e os seus análogos, que provocan reaccións de aversión e medo en ratos. Outro traballo, publicado en Frontiers in Behavioral Neuroscience e testado na illa de Hokkaido, en Xapón, tamén demostrou que os cervos evitaban achegarse ás zonas nas que detectaban a pirazina a través do olfacto. Iso si, está por ver, segundo se di nesas mesmas investigacións, que estes efectos perduren ao longo do tempo.

Polo de agora é pronto para tirar conclusións, aínda que, cos precedentes á vista, este método abre unha oportunidade para frear a sangría que supoñen os accidentes de tráfico con xabarís en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“O lobo é patrimonio de todos como o é a catedral de Santiago”

O investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, cualifica de “mala noticia” a revisión do status de protección da UE

Un de cada catro lobos en Galicia presenta infección por vermes cardiopulmonares

Un estudo no que participou a USC detectou en cadáveres do noroeste peninsular un parasito que ocasiona doenzas respiratorias en carnívoros

O censo do lobo estima 93 mandas reprodutoras en Galicia e confirma o avance da especie

Dende Patrimonio Natural confirman datos similares aos do seguimento anterior, manténdose a área de distribución territorial

Cerco ao lobo: un estudo revela o progresivo illamento da especie en Galicia

Un estudo proba que no século XIX estaba presente no 65% do territorio peninsular