Martes 16 Abril 2024

A Universidade de Oxford busca voluntarios para unha vacina contra a peste

Despois de probala con éxito en modelos animais, inician a fase 1 dos ensaios clínicos en humanos para combater a infección da "Yersinia pestis"

Está case que erradicada no mundo, pero non desapareceu: a semana pasada, un neno de 10 anos faleceu nos Estados Unidos por mor de complicacións derivadas da infección pola bacteria Yersinia pestis, causante dunha das peores pragas que golpearon a Humanidade. A peste negra do século XIV acabou con boa parte da poboación europea, e sucesivas vagas golpearon o mundo posteriormente. Hoxe en día, a súa presenza está cinguida a pequenos surtos, pero a ameaza continúa aí, e de feito está aumentando a súa presenza, principalmente en países de África e Asia. Entre 2010 e 2015 confirmáronse 3248 casos de peste, con 584 mortes. A Universidade de Oxford, a través do seu recoñecido grupo de vacinas, que deseñou xunto a AstraZeneca unha das fórmulas aprobadas contra a Covid-19, acaba de lanzar un ensaio clínico de fase 1 contra a peste, para o que buscan voluntarios..

O equipo de investigación difundiu varios documentos informativos sobre o proxecto, acompañados dun formulario no que calquera persoa que cumpra cos requisitos marcados pode inscribirse. Entre outros requerimentos, as persoas deben ter entre 18 e 55 anos, unha boa condición de saúde e deben ser residentes no val do río Támese, na contorna da cidade de Oxford.

Publicidade

A vacina candidata contra a peste, denominada ChAdOx1, usa a mesma vía que a utilizada contra o SARS-CoV-2. Está baseada nun adenovirus que causa catarreira nos chimpancés e que foi modificado xeneticamente para impedir a súa replicación en humanos. A el engadíronse xenes que producen proteínas da bacteria da peste, os antíxenos F1 e V, que xogan un papel esencial na infección desta enfermidade. Coa inxección agárdase, por tanto, que o organismo recoñeza e desenvolva unha resposta inmune contra a peste. Por agora, e seguindo os pasos marcados, a vacina probouse en ratos e outras especies animais, con resultados prometedores.

A investigación da vacina contra a peste

A maior pandemia de peste sucedeu no século XIV en Europa, pero esta enfermidade continuou golpeando outras partes do planeta ata épocas moi recentes. No século XIX espallouse por Asia e mesmo chegou ás portas de Galicia, cun importante surto na cidade do Porto que levou a pechar as fronteiras.

A bacteria Yersinia pestis pode pasar de animais (con vectores como os ratos ou as pulgas) a humanos, e propagarse a través de fluídos corporais e outros obxectos contaminados. De non tratarse, a letalidade é próxima ao 100%. Comeza con síntomas como febre, calafríos, dores e cansazo, dando paso, no caso da peste bubónica, á inflamación dos ganglios, os chamados bubóns. Ao propagarse polo sangue, causa unha septicemia que conduce á morte. No caso da peste pneumónica, no que a bacteria a través das vías respiratorias, a doenza é menos grave cando se trata a tempo. O uso de antibióticos é o tratamento máis común, aínda que o escaso acceso a fármacos que se mantén hoxe en día en poboacións afectadas polos brotes dificulta o tratamento.

Desde hai máis dun século, a ciencia está á procura dunha vacina contra a peste. Un dos episodios máis exitosos foi o do científico ucraíno Waldemar Haffkine, que a finais do século XIX foi testemuña en Bombay do surto de peste que comezara na China mentres desenvolvía unha vacina contra o cólera. Conseguiu protexer a un importante número de persoas contra a Yersinia pestis, pero a contaminación dunhas doses, que provocou a morte por tétanos a persoas vacinadas, xerou unha campaña de desprestixio que acabou co seu despedimento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025

Bruselas elixe a galega Zendal para fabricar vacinas en futuras emerxencias sanitarias

O acordo de reserva de capacidade subscribiuse cunha duración inicial de catro anos

A primeira vacina contra o virus sincitial en adultos chegará a finais de 2023

Un novo estudo, no que participa o investigador galego Federico Martinón, supera a fase de eficacia clínica