Venres 29 Marzo 2024

Os Thunders da UVigo, subcampións de España do League of Legends

O equipo universitario vigués de eSports, Thunders UVigo, proclamouse esta fin de semana subcampión de España de League of Legends na final da liga universitaria de eSports –OGSeries University– celebrada no Polideportivo Antonio Magariños de Madrid. O título deixa nos vigueses un sabor agridoce xa que, pese a ser debutantes na competición, desde o principio do torneo víronse con posibilidades de acadar o primeiro posto. “Chegamos con moitas forzas tras vencer aos Stingrays de Valencia, pero tamén conscientes de que a batalla non ía ser doada”, explica xa de volta en Galicia Javier Carrera, Gravity, un dos integrantes do equipo, quen salientou que, “pese a todo, estamos moi satisfeitos, xa que foi unha experiencia fantástica”.

Se ben o enfrontamento non puido comezar mellor para os vigueses, que gañaron a primeira das tres partidas que impón o regulamento de OGSeries University, as cousas torcéronse na segunda e ao equipo vigués fíxoselle imposible a remontada. “Fixemos unha serie de malas rotacións que eles souberon aproveitar moi ben e finalmente foron eles os que se proclamaron campións”, engadiu Gravity, ao tempo que explicou que dos catro equipos que chegaron á final – provenientes de Málaga, Tenerife, Valencia e Vigo-, salvo o equipo andaluz, todos eran debutantes na categoría.

Publicidade

O equipo vigués, durante a final. Foto: Duvi.
O equipo vigués, durante a final. Foto: Duvi.

Finalizada a liga universitaria, Thunders Uvigo descansará ata a vindeira tempada, se ben os integrantes do equipo continuarán participando en diferentes torneos, neste caso xa a nivel individual. Xunto a Gravitiy, estudante de Ciencias do Mar, o quinteto vigués está composto por Mario González, coñecido no universo virtual como Yurner0s, que este curso remata Enfermería e para quen o equipo conta xa cun novo estudante que o substitúa na próxima liga universitaria; o estudante de Enxeñaría Informática Pablo González, Peiboll –irmán de Yurner0s-; o alumno de Enxeñaría de Telecomunicación, Iago Pallares, Epsyle e Pablo Vilaboa, Speiwalker, que cursa Enxeñería Mecánica.

“Imaxino que, tras os resultados acadados nesta primeira temporada, ao longo do verán chegaranos algunha solicitude para entrar no equipo”, subliñou Gravity, quen apuntou que se ben o equipo ten as portas abertas a novas incorporacións “non xogamos tantos partidos como para precisar un número moi elevado de suplentes, de feito, non deberiamos ser máis de seis”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos

Un equipo de Ferrol acha un novo modo de fabricar envases con residuos orgánicos

Investigadores da UDC traballan nun proxecto europeo para obter produtos para o sector do envasado e a embalaxe no eido da alimentación

A galega Verónica Bolón, nova académica da Real Academia de Ciencias de España

A doutora lidera varios proxectos sobre aprendizaxe dentro do campo da Intelixencia Artificial (IA) no Centro de Investigacións TIC da UDC

As universidades de Vigo e Santiago, entre as máis importantes do mundo

Destaca na clasificación Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, da UVigo, no posto 51 e Odontoloxía e ciencias orais, da USC, no chanzo 101