Venres 19 Abril 2024

O temporal causa unha manga mariña na ría de Arousa

MeteoGalicia confirma o fenómeno, que foi rexistrado por varias persoas na zona a media mañá deste mércores

Unha manga mariña deixouse ver na mañá deste mércores en augas da ría de Arousa. É un fenómeno relativamente frecuente, que adoita acontecer todos os anos en Galicia coincidindo con episodios de moita inestabilidade atmosférica. Porén, chama a atención pola súa semellanza cos tornados moito máis potentes que se producen noutras zonas do planeta.

O radar de MeteoGalicia rexistrou o episodio sobre as 9.35 da mañá.
O radar de MeteoGalicia rexistrou o episodio sobre as 9.35 da mañá.

Aínda que non adoitan causar danos, xa que normalmente comezan no mar e se debilitan moito cando tocan terra, as mangas mariñas teñen xerado algúns episodios coñecidos nos últimos anos en Galicia. En novembro de 2018, este fenómeno arrasou un monte en Muros, e en xaneiro do ano pasado, outro suceso semellante causou danos materiais na provincia de Pontevedra.

Publicidade

Segundo teñen explicado noutras ocasións expertos como Carlos F. Balseiro, de 4gotas, a manga mariña aparece cando as precipitacións intensas “arrastran o aire moi frío en altura cara a abaixo, polo que se xeran unhas diferenzas de temperatura moi altas en zonas moi concretas, polo que o vento ten que compensalas”, explicaba Balseiro.

Como consecuencia disto, o chaparrón “sae dunha nube de tormenta e provoca un funil que comeza a enroscarse debido ao vento”, mesmo podendo chegar a terra, conta o responsable de 4gotas. Porén, unha vez perde contacto coa humidade do mar, a manga mariña “perde a rotación e desfaise”, apunta Fernández Balseiro.

O episodio deste mércores en Arousa mesmo foi gravado por algunhas persoas, como se pode ver neste vídeo:

Aviso por temporal

A inestabilidade atmosférica é notoria en Galicia na xornada do mércores, e seguirá durante o xoves. Está activado o aviso laranxa por ondas de 5 a 6 metros entre Bares e Corrubedo, así como o nivel amarelo no resto da costa, a práctica totalidade da provincia da Coruña, a Mariña lucense e a montaña de Lugo e Ourense por refachos de vento de ata 80 km/h.

Para o xoves agárdanse intensas precipitacións, que poderán acumular ata 80 litros por metro cadrado desde o mediodía na provincia de Pontevedra e o oeste da Coruña. Por isto está activado o aviso amarelo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Ulla, un tesouro en perigo: Altri, Touro e todas as ameazas dun río esencial en Galicia

Os expertos sinalan o cambio climático, as plantacións de eucaliptos e os proxectos industriais como os grandes inimigos dun dos principais caudais galegos

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha crista subtropical disparará as temperaturas en Galicia ata os 30 graos

A semana comeza con intensas precipitacións provocadas pola borrasca Pierrick pero un cinto de altas presións producirá un cambio radical de tempo a partir do mércores