Venres 19 Abril 2024

Unha técnica biomatemática monitoriza a evolución do dano en accidentes cerebrovasculares

O tecido cortical que aínda mostra actividade nun encefalograma pode estar a sufrir xa a morte irreversible das capas neuronais máis superficiais

Un equipo internacional con investigadores do Instituto Cajal do CSIC desenvolveu unha nova técnica biomatemática optimizada en animais que permite monitorizar con precisión a evolución do dano cerebral en accidentes cerebrovasculares.

Esta metodoloxía, probada en paralelo en pacientes e en roedores mostra que o tecido cerebral pode presentar actividade nun encefalograma debido aos impulsos eléctricos das capas máis profundas e, aínda así, estar a sufrir un dano irreparable nas máis superficiais. Os resultados, publicados na revista Nature Communications, aconsellan, segundo os autores, reformular os criterios e quizá a praxe no seguimento e tratamento dos accidentes cerebrovasculares (ACV).

Publicidade

Este tipo de emerxencia médica representa a segunda causa de morte e a primeira de discapacidade en adultos a nivel mundial, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). Ao ano, 15 millóns de persoas sofren un ACV, das cales cinco millóns falecen e un 30 % padece unha discapacidade permanente.

Morte de neuronas

Cando unha persoa sofre un accidente cerebrovascular (un ictus ou unha hemorraxia subaracnoidea) se xeran unhas ondas electroquímicas que percorren o tecido lentamente desde a zona danada, matando neuronas ao seu paso. Nun período dunhas poucas horas, varias destas ondas van producir unha lesión irreversible dun gran volume da cortiza cerebral, polo que se considera unha xanela de tempo crítica para que o persoal médico tente salvar o tecido e diminuír as secuelas neurolóxicas irreversibles, ou nun gran número de casos, a morte.

“O tempo máximo para actuar e tratar de salvar os tecidos son unhas horas, como máximo un día”, detalla Óscar Herreras, investigador do Instituto Cajal do CSIC que participou no estudo.

En clínica, a extensión do volume cerebral danado vaise monitorizando no paciente mediante tiras de eléctrodos colocados na superficie cerebral. A zona onde se perde a actividade do electroencefalograma vaise estendendo gradualmente (en inglés, spreading depression) e tómase como indicación do volume cerebral danado, o que axuda ao persoal médico a coñecer a evolución do tecido e determinar cando e con que estratexia vai tentar protexelo.

En pacientes e animais

Neste traballo, realizado en pacientes e en modelos animais, o grupo de Herreras, en colaboración con investigadores da Universidade Aix-Marseille e da Universidade de Medicina de Berlín, descubriu que o tecido cortical que aínda mostra actividade EEG (encefalografía cerebral) pode, en realidade, estar a sufrir xa a morte irreversible das capas neuronais máis superficiais.

Isto conseguiuse utilizando unha complexa técnica biomatemática de análise dos potenciais eléctricos cerebrais que foi optimizada anteriormente en animais en Madrid, e permite separar e ver actividade de distintas capas neuronais.

Os achados cuestionan o concepto de extensión da depresión do EEG como un indicador estrito do tecido que morreu, pois as capas superficiais poden sucumbir xa e aínda presentar EEG que chega desde as capas profundas”.

Reformular criterios de avaliación

A técnica empregada está baseada en algoritmos que permiten procesar sinais mesturados, é dicir, mediante rexistros eléctricos múltiples podemos separar a actividade de cada poboación neuronal”, detalla o investigador do Instituto Cajal.

Os autores estiman que estes achados aconsellan reformular os criterios e quizá a praxe no seguimento e tratamento dos accidentes cerebrovasculares. “A cantidade de tecido que se toma como criterio para avaliar a situación estaría atrasada en varias horas, co cal, deberían buscar outra referencia ou algunha maneira de actuar antes ou máis rápido”, conclúe Herreras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte