Xoves 28 Marzo 2024

A titánica loita dun polbo por sobrevivir ao ataque dun congro nas Rías Baixas

Un estudo describe as grandes habilidades destes moluscos para escapar e loitar contra os seus depredadores

Os congros son unha ameaza constante para os polbos. Esta é a primeira conclusión dun estudo que describe o comportamento defensivo do polbo vulgar salvaxe (Octopus vulgaris) contra os ataques dos Conger Conger e que se basea en tres vídeos gravados no Atlántico oriental (Illas Cíes e Ons) e no Mar Cantábrico. Nestas secuencias obsérvase como os polbos se defenden envolvendo a cabeza do congro para tapar a súa vista, intentan asfixialo cubrindo as súas branquias e expulsan tinta. Pero tamén se aprecia como noutras circunstancias o molusco non pode enfrontarse ao congro ao ter inutilizados os seus brazos, xa que é habitual que o seu contrincante llos arrince. Esta investigación demostra as espléndidas capacidades dos polbos para “sobrevivir nunha contorna hostil e serve como exemplo do extenso repertorio de estratexias antidepredadoras empregadas por estes cefalópodos”, apuntan no traballo os investigadores.

O artigo ‘A mellor defensa é unha boa ofensiva: comportamento antidepredador do polbo común (Octopus vulgaris) contra os ataques do congro’ publicouse na revista Ecology and Evolution polos autores Beatriz Salvador, Miguel Cabanellas-Reboredo, Manuel E. Garci, Ángel F. González e Jorge Hernández-Urcera. Os polbos son uns animais moi vulnerables aos ataques dos congros e as estratexias máis comúns para protexerse fronte aos depredadores son a camuflaxe e a propia fuxida. Os congros, que pertencen á orde dos Anguilliformes, son un dos principais depredadores dos polbos no Atlántico Norte. Os investigadores gravaron os vídeos arredor da illa de Ons o 16 de novembro de 2008; o segundo nas Minas Islet (Asturias) o 2 de xullo de 2020; e o terceiro na illa de San Martiño (Illas Cíes) o 9 de febreiro de 2023.

Publicidade

O polbo logra escapar

A partir das secuencias os expertos contemplaron que o éxito do congro depende de como ataque o polbo, xa que este último ten numerosas estratexias para escapar ou loitar. Por exemplo, usando os brazos que non están mordidos polo peixe para defenderse; con todo, se o congro o atrapa pola cabeza, o cefalópodo non pode utilizalos. No material apréciase como os polbos expulsan tinta nos ataques despois de liberarse para que o congro non poida perseguilos. A tinta do polbo contén “compostos que poden alterar a percepción sensorial dos depredadores como o congro”, de maneira que poden evitar que os peixes mariños os intercepten e poidan fuxir. Nunha das secuencias apréciase como o congro morde tres brazos do polbo. Para defenderse, o cefalópodo emprega os tres restantes para rodear a cabeza do seu contrincante e trata de asfixialo ocultando as súas branquias. Despois dun minuto inmóbil, este sacódese para liberarse das extremidades do polbo, pero solta a súa tinta e volve á posición anterior. O congro decide liberar o polbo e este último sobrevive á liorta, pero perde un brazo. Os autores apuntan que o congro incluso puido perder un ollo no altercado.

Noutra toma, un polbo de aproximadamente 1.500 gramos é capturado por un congro de 139 centímetros. O peixe mordeu o polbo e cando observou o mergullador, nadou durante un minuto. De cara ao final do vídeo, o congro sacode a cabeza e empeza a xirar mentres que o polbo non se move. O artigo publicado apunta que nesta secuencia o molusco non utiliza as súas armas defensoras como noutras ocasións, “podería ser que estivese aturdido ou morrendo cando o mergullador comezou a gravar o altercado”. Sobre o patrón de defensa dos polbos, os investigadores sosteñen que é “consistente”: en primeiro lugar, o polbo rodea a cabeza do congro para impedir que vexa; en segundo lugar, cobre as súas branquias; e en terceiro, libera tinta. En dous dos tres vídeos, o molusco perde apéndices.

Estes vídeos, apunta o traballo, demostran o “custo” do polbo na súa defensa contra os ataques dos congros, xa que nos altercados poden perder partes do seu corpo, o que supón para eles un “maior desafío vital”. Con todo, estas batallas supoñen unha aprendizaxe para os polbos ao adquirir habilidades que poden poñer en práctica nos futuros ataques doutros depredadores. Existe evidencia científica que avala a memoria a longo prazo destes cefalópodos, de forma que poden desenvolver estratexias para outras agresións. “Os estudos futuros poderían explorar tamaños de mostra máis grandes e contornas experimentais controladas para dilucidar os matices dos comportamentos defensivos do polbo e as súas implicacións ecolóxicas”, apuntan no artigo os investigadores.


Referencias: A mellor defensa é unha boa ofensiva: comportamento antidepredador do polbo común (Octopus vulgaris) contra os ataques do congro (Publicado en Ecology and Evolution)

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Diputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é como unha cría de polbo trata de camuflarse nas profundidades das Cíes

O biólogo mariño Jorge Urcera captura a imaxe dun individuo que levanta dous dos seus tentáculos para facerse pasar por unha alga

Descubrindo o sorprendente cerebro do polbo: analizan o seu xenoma a escala cromosómica

Un estudo internacional axuda a caracterizar a diversidade celular do cerebro en desenvolvemento, a súa evolución nos cefalópodos e o repertorio de ARN non codificante propio destes animais

Descobren unha nova especie de polbo a 2.800 metros baixo as augas de Costa Rica

O viveiro atópase nunha área que estaba sendo explorada por primeira vez e os científicos cren que pode pertencer ao xénero Muusoctopus

Faro de Cíes, o gardián dos mares

Dende a súa construción a mediados do século XIX, converteuse no punto de referencia de entrada á ría de Vigo