Sábado 20 Abril 2024

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

Unha das lendas que rodean a Santo André de Teixido conta que os escarpados acantilados que conforman esta zona galega foron obra da man de Deus, que se apoiou na terra aínda fresca para descansar, afundíndoa co seu peso. Pode que a beleza desta zona sexa a causante desta e doutras das lendas que a rodean —e dese dito que asegura que hai que vir aquí xa sexa vivo ou morto—. Pero, creas ou non nas lendas e nos misterios, o certo é que Santo André está situada nunha das zonas máis asombrosas de Galicia, a Serra da Capelada. Aquí, onde se atopa o segundo acantilado máis grande de Europa, xa era antes un dos territorios galegos máis interesantes desde o punto de vista xeolóxico, xeomorfolóxico e paisaxístico. Con todo, unha nova investigación levada ao cabo polo catedrático e investigador da USC Augusto Pérez Alberti aumenta aínda máis o seu interese ao desvelar a orixe glaciar desta zona do norte galego, Xeoparque Mundial da UNESCO desde o ano pasado.

Augusto Pérez Alberti, experto en xeomorfoloxía glacial que ten as súas costas décadas de traballo en glaciares por todo o globo —desde a Antártida ata Nova Zelandia— xa se interesou por esta zona nos anos 80, cando escribiu un libro para a Deputación coa coordinación de Felipe Macías, catedrático de edafoloxía da USC. “Nese momento xa me decatara de que había cousas raras, pero falei máis ben de procesos fríos de tipo periglaciar, que son formas asociadas á presenza de neve, con moita escorrentía”, conta o investigador. “Pero despois dinme conta de que non era só periglaciar, senón que había bastante máis, tanto en Teixidelo como en Santo André de Teixido”.

Publicidade

Terían que pasar varios anos, ata 2023, para rescatar esas primeiras apreciacións. En decembro do ano pasado, Pérez Alberti decidiu publicar algo para poñer en valor o patrimonio da Serra da Capelada. “Había algún artigo falando da Capelada, pero faltaba un que explicara un pouco máis o que había nesta zona de Galicia como tema central”. E así naceu, en Cuaternario y Geomorfología, ‘O patrimonio de orixe glaciar da serra da Capelada’.

Glaciarismo que chega ata o mar

Os glaciares, masas de xeo acumuladas que descenden moi lentamente das montañas, son vestixios da Idade do Xeo. No caso da serra da Capelada, conta Pérez Alberti no seu artigo, “nun momento por determinar […] na serra instaláronse, polo menos, dúas linguas glaciares que deron lugar a un cortexo de formas e depósitos: as morrenas (acumulación de sedimentos) que son visibles no val do Teixidelo e no de Santo André de Teixido; e as rocas pulidas sobre serpentinitas no val de Teixidelo”. 

“É moi interesante porque estamos falando de glaciarismo á beira do mar”, recalca Pérez Alberti. “É dicir, á beira do mar agora. Fará 20 mil ou 40 mil anos, no período frío, o mar estaba bastante máis retirado”. Nese entón, explica o catedrático, o mar estaba 100 ou 150 metros por debaixo do nivel actual. Aínda así, este segue a ser un depósito glaciar “moi particular”. “No resto da Península Ibérica non se citan glaciares en cotas de 600 metros, como é a Serra da Capelada. Isto convérteo nun caso singular en toda a Península”, asegura Pérez Alberti.

Con todo, Pérez Alberti defende que hai que desterrar a idea de que o glaciarismo está asociado á altitude. Relaciónase, en realidade, coa nubosidade e as baixas temperaturas, xa que son as cualidades coas que os glaciares se manteñen. “Na Antártida ou nos Andes do Sur, os glaciares chegan ata o mar, ou sexa que non é nada raro”, explica. Por iso hai montañas non tan altas onde neva moito e a temperatura baixa e isto permite que o xeo se converta en glaciar. 

Serra da Capelada. Foto: Augusto P. Alberti

“Isto é o que indica unha condición moi fría en Galicia naquel período”, continua o catedrático. “Un período que non temos delimitado perfectamente —vai entre os 40 mil e os 20 mil anos— porque teriamos que dispoñer dunhas datacións que non temos, pero ao longo dese período é cando en Galicia en xeral atopariamos glaciares ata o punto de aparecer na costa”. Pérez Alberti recalca que aínda que o caso máis espectacular de glaciar é o da zona da Capelada, sobre todo Santo André de Teixido e Teixidelo, hai outras zonas como no Barbanza, onde hai indicacións de que tamén habería condicións de moito frío.  

Glaciares vs. deslizamentos

‘O patrimonio de orixe glaciar da Serra da Capelada’ dedica unha parte do escrito a falar dun posible debate sobre se a procedencia das formas e depósitos da Serra da Capelada é glaciar ou está relacionada con corrementos na zona. 

“Hai algúns autores, como Duque, Elízaga e Vidal Romaní (1983). que din que a forma da Serra da Capelada foi provocada por un grande corremento de terra”, comenta Pérez Alberti. “Eu nunca neguei que alí houbo grandes corrementos antigos que xeraron unhas zonas abertas, unhas cuncas, nas que se depositou o xeo. Pero o curioso é que non hai nin un artigo científico que demostre que as formas que se ven agora foran feitas por un gran corremento”.

Serra da Capelada. Foto: Augusto P. Alberti

Pérez Alberti defende que nos grandes corrementos de terra non se xera unha forma como a que está visible na Capelada. “Tanto no glaciar de Teixidelo como no de Santo André hai vales en U”, explica este experto. “Porén, cando hai un gran corremento, fórmanse chanzos perpendiculares ao eixo do val —como escaleiras— non aparece no medio un val en U como é este caso”.

Outra das probas que son indicativas para Pérez Alberti de que a Serra da Capelada tivo orixe glaciar está nas rochas que aínda se atopan na zona. “Hai rochas estriadas moi semellantes ás que se atopan en áreas glaciares activas hoxe, como é Terra de Fogo en Arxentina, ou inactivas, como Gaspesie en Canadá”, remata.

A importancia destes descubrimentos

“Todos os que traballamos en temas de paleoambiente, de tirar do pasado, levamos dicindo moito tempo que o clima cambia e cambiará sempre”, comenta Pérez Alberti. “Agora o clima, pola acción antrópica, está acelerado, pero o clima, independentemente das persoas, xa estaba cambiando. Non é algo estático”. 

Esta realidade leva a Pérez Alberti a reflexionar sobre a importancia de utilizar estes coñecementos e esta inevitabilidade ante o cambio para prever posibles efectos no futuro. “Igual que a partir dos textos nun libro se pode reconstruír a historia, a partir dos depósitos e das formas pódese reconstruír o clima do pasado, como neste caso un período moi frío fai corenta mil anos”, defende o investigador. “E isto é a importancia que ten. É cultura”.

Para este experto, este tipo de descubrimentos “pode que non curen o cancro”, pero permiten entender como a Terra muda. “E non está de máis telo en conta porque, se houbo unha glaciación no seu momento en Galicia, pode haber outra no futuro”. E investigacións como esta poden reconstruír, paso a paso, a historia de cada zona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A península ibérica foi o refuxio europeo durante a fase máis fría da Idade do Xeo

Dous estudos completan a historia das poboacións humanas no último período glacial que contribuíron á continuidade xenética en Europa

Así se ven desde o aire os cantís máis altos da serra da Capelada

O proxecto XeoClip publica un novo vídeo da costa de Ortegal, unha das zonas máis salientables do litoral galego en canto á xeoloxía

Vixía Herbeira: o que agochan os cantís que caen do ceo ata o mar

A peculiar historia xeolóxica que conformou esta zona de Ortegal é case única no planeta, e trae á superficie rochas propias do interior da Terra

Feitizo en Ortegal: esta caseta vai acabar comida polo mar

Unha construción mineira erguida no século XIX esvarou máis de 30 metros desde 1945 debido ás peculiaridades xeolóxicas da zona