Venres 29 Marzo 2024

Satélites e drones para previr os incendios preto de estradas e poboacións

O proxecto Topacio, que impulsan a UVigo e varias empresas, controlará as masas forestais nestas zonas, especialmente vulnerables e perigosas

O acontecido en incendios como Chandebrito e Pedrógão Grande puxo o foco de atención na importancia que ten para a prevención e control dos lumes o estado da masa forestal que hai arredor de estradas e poboacións. Co obxectivo de avanzar neste eido, presentouse este venres no campus de Ourense o Proxecto Topacio. A iniciativa une a catro empresas, dous grupos de investigación da Universidade de Vigo e un centro de investigación co obxectivo de desenvolver un sistema de información que, empregando tecnoloxías baseadas en satélites de observación e sistemas aéreos non tripulados, permita obter información do estado das franxas de vexetación na contorna de vías de comunicación e poboacións. O obxectivo último é contribuír a mellorar a xestión forestal e a loitar contra os incendios forestais.

Higinio González, investigador principal no proxecto por parte da Universidade de Vigo, e Javier Prego, da empresa Extraco, coordinadora do proxecto, foron os encargados de presentar a iniciativa nunha xornada de divulgación que contou coa asistencia de representantes de todas as entidades públicas e privadas implicadas, estando tamén Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Publicidade

O proxecto desenvolve experiencias piloto en Lobios e Celanova. Fonte: Duvi.
O proxecto desenvolve experiencias piloto en Lobios e Celanova. Fonte: Duvi.

Tecnoloxías de última xeración

No proxecto Topacio, explicou Higinio González no acto, participan as empresas Extraco, que achega a súa experiencia como concesionaria de obras en vías; Aeromedia, con experiencia en captura e procesamento de datos; Conexiona, con experiencia no desenvolvemento de solucións TIC innovadoras e multiplataforma, e Sans2, con experiencia en sistemas de información xeográfica. A eles únense os grupos da Universidade de Vigo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech) e de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, participando Feuga na xestión administrativa. O importe do proxecto ascende a 799.316,81 euros, contando cunha subvención por parte da convocatoria Conecta Peme 2018 da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

O obxectivo xeral de Topacio, indicaron os seus responsables, é a optimización dos procesos de xestión de infraestruturas na rede primaria e de xestión de biomasa para a prevención de incendios forestais. Os obxectivos específicos céntranse en desenvolver unha ferramenta que permita coñecer o estado das masas forestais anexas ás infraestruturas; facer unha inspección e monitorización máis eficiente delas; analizar o risco de ignición e propagación de lumes na faixa primaria de xestión forestal para intentar minimizalos; avaliar o risco de propagación de lumes e optimizar os labores de mantemento forestal.

Para acadar estes obxectivos, o proxecto contempla tres grandes bloques. Segundo explicou Higinio González, o primeiro deles é a inspección da masa forestal, para o que se empregarán sistemas de datos Lidar móbil, tanto terrestres como aéreos (drones), que permitirán ter a xeometría da zona. O segundo é a monitorización, na que se incorporarán os datos meteorolóxicos, que afectan aos incendios; imaxes de satélite e o que chaman sensores cidadáns, imaxes xeoreferenciadas publicadas en Internet por cidadáns e que poden achegar información do estado de conservación das zonas. “O gran receptor de toda esta información será un sistema de información, que integrará todos estes datos e que axudará na toma de decisións ao usuario final”, comentou o profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, apuntando como ese usuario final serán as administracións e empresas que traballan no sector.

Iniciado en 2018, o proxecto, que se prolongará ata setembro de 2020, está na súa fase inicial de análise e deseño do sistema e de definición das metodoloxías e aplicacións de acceso a datos. Porén, explicou Higinio González, xa se están tomando os primeiros datos nas dúas áreas de estudo seleccionadas para testar as diferentes tecnoloxías e ferramentas que se van desenvolvemento, unha en Celanova, na AG-31, e outra en Lobios, na OU-312, no Parque Natural da Serra do Xurés.

O proxecto Topacio xa ten en marcha dúas áreas piloto en Celanova e Lobios

Utilidade social

O proxecto, que leva por título Tecnoloxías de optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais, sinalou Javier Prego, “ten un grande interese para o tecido industrial galego e para a sociedade galega porque fai fincapé no control dos incendios forestais, un problema como sabemos bastante grave na nosa comunidade”. A iniciativa, indicou o enxeñeiro, “quere buscar alternativas ao control dos incendios forestais” tendo en conta que “boa parte deles teñen lugar nos arredores das estradas”. “Parécenos que o proxecto ten moito que ofrecer á sociedade ourensá e á sociedade galega e serve para conectar á Universidade de Vigo con estas empresas e co tecido empresarial da provincia”, dixo lembrando como tres das empresas participantes son ourensás.

A idea de pór en marcha un proxecto no que se relaciona a xestión das estradas co control dos incendios forestais, comentou Javier Prego, naceu ante a evidencia de que as infraestruturas do transporte en xeral teñen varias posibilidades de uso no contexto da xestión dos incendios, desde ser vía de escape da poboación ou de acceso para os servizos de emerxencias ata ser trampas na fuxida deles. En Topacio, detallaron os seus responsables, búscase ofrecer “solucións innovadoras que estean relacionadas co ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación de última xeración” de modo que “serva non só para controlar os incendios senón tamén para previlos, facendo estudos de biomasa ou avaliando os riscos de incendios nos bordes das estradas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O galego aos mandos da dinámica orbital da NASA: “O espazo parecíame ciencia ficción”

Andrés Dono entrou na administración espacial americana con 24 anos para facer unhas prácticas. Unha década despois lidera o equipo que deseña a traxectoria dos satélites

Así se ve a constelación de satélites de Elon Musk

Máis de 4000 obxectos orbitan arredor da Terra para vender unha tarifa de datos que proporciona acceso universal á rede

Esta web permite rastrexar os satélites de Elon Musk para que os vexas dende a túa casa

Unha páxina indica que data e que horario son os apropiados para observar os aparellos, que pertencen á rede Starlink

Lixo espacial sobre a túa cabeza? Esta aplicación permite detectalo en tempo real

Unha ferramenta deseñada pola empresa estadounidense Esri e baseada en tecnoloxía...