Venres 26 Abril 2024

Un libro de Saramago, convertido en videoxogo grazas á UVigo

O grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo, botará a andar a súa traxectoria creativa cun proxecto no que alumnas e alumnos de Comunicación Audiovisual e de Enxeñaría de Telecomunicación traballarán en grupos multidisciplinares para facer un videoxogo baseado en A viaxe do elefante, unha das obras do Nobel de Literatura  José Saramago. A idea é poder presentar o primeiro nivel do videoxogo nas xornadas que a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo celebrará o vindeiro mes de novembro na cidade de Pontevedra.

Unha das xornadas de traballo dos alumnos. Foto: Duvi.
Unha das xornadas de traballo dos alumnos. Foto: Duvi.

A iniciativa está coordinada polos docentes Antonio Pena, Enrique Costa e Juan Carlos Burguillo, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Beatriz Legerén e Mónica Valderrama da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A maiores contan tamén coa colaboración do director da cátedra, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch quen, admite que, dende o principio acolleron esta actividade “con moita ilusión” e, na medida das súas posibilidades, farán todo o que poidan por apoiala. “Tiven unha reunión xa cos participantes e tentei mostrarlles que na novela A viaxe do elefante, á parte dun conto con base histórica, hai todo un debate sobre a relación complexa entre realidade, ficción e historiografía, algo que tamén pode estar presente nun videoxogo”.

Publicidade

“Os videoxogos son algo que se imparte de forma multidisciplinar en practicamente todo o mundo, por iso quixemos abordalo deste xeito e non circunscribilo a un ámbito académico”, explica Beatriz Legerén, ao tempo que fai fincapé en que as e os participantes na iniciativa traballan exactamente igual que se traballaría nunha empresa de videoxogos. O alumnado de Comunicación Audiovisual vaise encargar de crear o deseño conceptual e de establecer todos os mecanismos de xogo, as regras, o aspecto artístico, o manual, os labores de comunicación, incluíndo a creación dun caderno de bitácora, canles de redes sociais… Pola súa banda, os da EE de Telecomunicación encárganse de facer e crear o interface do xogo e o xogo en si, é dicir, levar á realidade o que se está deseñando (alumnado da materia de Tecnoloxía Multimedia) e de programar os personaxes non xogadores do xogo (estudantes da materia Programación de Sistemas).

O obxectivo é que os estudantes de diferentes disciplinas traballen xuntos

O obxectivo principal é facer traballar aos estudantes en grupos realmente multidisciplinarios en materiais non orientadas a iso. “Trátase de abrirlles a mente a traballar con xente aparentemente afastada a eles. Mesmo no grao na EE Telecomunicación temos unha materia específica de último ano, Laboratorio de Proxectos, que tenta mesturar aos estudantes de varias mencións e sabemos doutra experiencia de materias específicas de proxectos mesturando estudantes da EE Industrial e da Facultade de Bioloxía, pero non temos constancia dunha experiencia tan ambiciosa, pola dificultade de xuntar mentes de ámbitos tan, aparentemente, dispares, involucrando tres materias de grao”, apunta o profesor Antonio Pena, que explica tamén que ás dificultades habituais engádeselle o problema da distancia física entre Vigo e Pontevedra “que solucionamos con moita vontade por parte de todos e o apoio da Universidade para ter un transporte semanal cara Vigo ou cara Pontevedra, alternativamente”.

Creáronse grupos de seis persoas con dous estudantes de cada unha das materias. “As sesións conxuntas celébranse cada semana nun campus, logo teñen tamén clases pola súa conta nos tres casos”, explica Legerén, ao que engade que “cada profesor vai valorar ao alumnado polas súas sesións individuais e os contidos específicos da súa materia, pero outra parte da nota vai ser por este traballo conxunto que van facer entre todos”, engade a docente.

O traballo presentarase en novembro en Pontevedra, nunhas xornadas sobre o escritor portugués

As materias son cuadrimestrais, polo que os prazos nos que se moven están delimitados por esta marxe temporal. “Faremos un seguimento con reunións quincenais e observación da actividade na contorna de xestión de proxectos que usarán”, explica Pena, ao que engade que que a idea é ter unha “beta” xogable de cada videoxogo a finais de novembro, para levar a cabo os últimos axustes na primeira semana de decembro, antes dos exames. “A intención é facer públicas as versións para que calquera poida xogar e dar a súa opinión”, engade Pena.

O grupo ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) constituíuse o pasado mes de xuño e agora mesmo fórmano tres profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, tres da EE Telecomunicacion e catro da Facultade de Belas Artes. O xermolo desta agrupación ven dunha charla de café dos profesores de dúas materias que tratan o tema dos videoxogos, Beatriz e Antonio, unha desde o punto de vista narrativo e interactivo, Videoxogos, optativa do 4º curso do Grao en Comunicación Audiovisual, e outra desde un punto de vista tecnolóxico, Tecnoloxía Multimedia e Computer Graphics, optativa do 4º curso no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, mención en Son e Imaxe. A continuación sumouse unha segunda asignatura de Telecomunicación, Programación de Sistemas Intelixentes, optativa do 4º curso na mención de Telemática, así como o alumnado de Comunicación Alternativa, materia impartida por Mónica Valderrama.

A esta primeira iniciativa de creación do videoxogo, seguiranlle outras. “Probablemente a actividade máis inmediata sexa a proposta de Traballos Fin de Grao multidisciplinarios este mesmo curso”, adianta Pena.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estudantes da UVigo, finalistas nun proxecto da Axencia Espacial Europea

O proxecto Caminito propón utilizar a constelación de satélites Copernicus para mellorar a xestión e coidado do Camiño de Santiago

Alumnado da UVigo constrúe o seu propio barco solar

A asociación CES-UVigo, composta por estudantes de enxeñaría, prepara un trimarán autónomo de seis metros de lonxitude

Recuperan en Salamanca a novela inédita que levou ao cárcere a Méndez Ferrín

O investigador Fernando Ramallo localizou exemplares de "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro", pola que o escritor foi acusado de "propaganda ilegal"

Xa podes probar o videoxogo que percorre a Pontevedra medieval

"Ponte veteri", creado por estudantes da UVigo para conmemorar o 850 aniversario do foro da cidade, xa se pode descargar na Play Store