Sábado 20 Abril 2024

Un estudo alerta de novo da situación do salmón no norte da Península

Non é unha novidade que o cambio climático xa está desprazando cara ao norte a algunhas pesquerías importantes. Unha das especies que se atopa nunha situación delicada é o salmón atlántico (Salmo salar), que ten un rango de distribución moi amplo ao longo das costas atlánticas de Europa e Norteamérica. Porén, na actualidade, o aumento da temperatura da auga nos mares e ríos das súas poboacións máis meridionais, entre as que está Galicia, unidas á súa pouca variabilidade xenética, preocupan aos científicos.

Un equipo internacional de científicos remarca agora nun novo estudo, publicado en Journal of Fish Biology, da necesidade de crear áreas protexidas para o salmón atlántico que preserven ás súas poboacións ante este novo escenario.

Publicidade

“É necesario un coidadoso e coordinado control das diferentes poboacións para que a especie manteña os seus números e diversidade en Europa”, explica José Luis Horreo, investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN-CSIC. “Segundo os datos que manexamos, o máis previsible é que a distribución da especie se reduza ás áreas que ocupa ao norte. Por iso, estas zonas deberían ser recoñecidas como refuxios e recibir a protección e o status apropiados”, continua.

O salmón do Atlántico vive na actualidade en América do Norte, Islandia, Europa atlántica e Rusia noroccidental, cun rango de tolerancia de temperatura que vai de 0°C a 33°C. A marxe de tolerancia e a súa extensa distribución xeográfica fan del un valioso modelo para comprobar os efectos que os cambios de temperatura teñen na variabilidade xenética das distintas poboacións.

Temperatura da auga

Para este traballo, tomáronse datos nos anos 2004 e 2005 de 3.730 salmóns en 57 ríos diferentes repartidos por todo o arco atlántico. Así mesmo, recompiláronse os datos de temperatura da superficie mariña desde o norte de España ata o norte de Reino Unido usando o sistema de datos online de radiometría oceánica Giovanni, que rexistra a temperatura media da auga en superficie.

O mapa obtido cos datos da temperatura mariña mostrou a existencia de catro áreas en función da temperatura da superficie da auga no arco atlántico, que van desde os 8,8 °C no norte aos 15,4 °C ao sur: o norte de España, o norte de Francia, o sur e suroeste de Inglaterra e Gales e as rexións que quedan máis ao norte deste punto.

A poboación de salmón norte de España experimenta na actualidade unhas condicións límite para a especie

“Para comprobar se estas áreas formaban barreiras entre as poboacións de salmón atlántico, analizáronse os datos buscando discontinuidades filoxeográficas, é dicir, fronteiras na distribución xeográfica dos individuos atendendo ás súas características xenéticas”, aclara Horreo.

Os resultados mostraron a existencia dunha barreira filoxeográfica entre as poboacións do sur de Inglaterra e as do suroeste de Inglaterra e Gales, debida posiblemente a movementos glaciales no Pleistoceno. As diferenzas xenéticas son moito máis marcadas entre as poboacións que habitan en diferentes áreas de temperatura, cun fluxo xenético maior no interior de cada área que entre as distintas áreas.

“Os datos obtidos reforzan a hipótese de que as diferenzas na temperatura da auga oceánica correspóndense coa distribución xenética das poboacións desta especie”, termina o investigador do MNCN.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte