Sábado 20 Abril 2024

Como se todo Ordes morrera: o peor saldo vexetativo en Galicia desde que hai datos

No ano 1975, primeiro ano no que o Instituto Galego de Estatística (IGE) amosa cifras do saldo vexetativo (a diferenza entre nacementos e defuncións) do conxunto de Galicia, o país tiña unha balanza positiva de 18.016 habitantes. Hai que sinalar, claro está, que a esta cifra habería que restarlle a sangría da emigración, moi importante naquel tempo a países de Europa como Suíza, Francia ou Alemaña. Con todo, no tocante a ao saldo vexetativo, Galicia era un pobo con moita máis vida, unha demografía moi distinta á de hoxe.

Naquel ano, era como, se de súpeto, nacese unha vila dunha poboación semellante á que hoxe teñen Nigrán ou Teo. 161 concellos tiñan máis nacementos ca mortes. Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol medraban a un ritmo de máis de 1.000 habitantes por ano. Só un municipio (Friol), tivo máis de 50 pasamentos en 1975.

Publicidade

41 anos despois, Galicia rexistrou en 2016 un saldo vexetativo negativo de 12.521 persoas. Como se de súpeto, un concello do tamaño de Ordes (12.580 habitantes) desaparecese do mapa dun ano para outro. E, de novo, habería que ter en conta que a emigración faría subir algo máis esta sangría demográfica

Só 14 concellos con saldo vexetativo positivo

Mirar o mapa é a forma máis gráfica de ver a magnitude do problema demográfico. Entre 298 municipios en negativo, agroman 14 concellos como excepción. Ningunha das grandes cidades se salva. Así, Ames, Arteixo, O Porriño, Salceda de Caselas, Cambre, Barbadás, Poio, Culleredo, Ponteareas, Oroso, Miño, Gondomar, Soutomaior e Carral, todos na área metropolitana de A Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago ou Ourense, son os únicos capaces de conseguir que as novas vidas sexan máis que as mortes. E outro, San Cibrao das Viñas, tivo un saldo neutro: 46 nacementos e 46 defuncións.

Non en tanto, no outro lado da lista as cifras falan. San Xoán de Río, Larouco, O Incio ou Vilamartín de Valdeorras perderon en só 365 días máis do 3% da súa poboación. Posiblemente máis.

Moi poucos nacementos

Alén dos saldos negativos, a falta de nacementos é tamén reseñable en gran parte de Galicia. Case un 40% dos concellos (124) tiveron menos de 10 nacementos. En sete deles (Vilariño de Conso, Pontedeva, Muras, Ribas de Sil, San Amaro, Ribeira de Piquín e A Teixeira) non naceu ningún bebé; e en outros 19 só naceu unha criatura. E pola contra, na maioría destes mesmos municipios faleceron, no mesmo tempo, máis de 10 persoas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ferrol e Ourense, as cidades máis envellecidas de Galicia

A idade media do galego é de 48 anos, e por cada 100 persoas menores de 20 hai aproximadamente 168 de máis de 65

Galicia era a segunda rexión con máis superficie construída do Estado en 1900

Un grupo de investigación analizou os datos do catastro para obter a evolución dos asentamentos humanos en España dos últimos 100 anos

Estudar unha carreira ou non: o factor clave que leva á xente nova a abandonar do rural

Unha tese da USC constata que o perfil do emigrante rural é o dunha persoa de entre 25 e 34 anos e que, na súa maioría, non retorna

As novas variantes covid esténdense en Galicia máis rápido ca noutras comunidades

As novas subliñaxes da ómicron soben os casos en todo o país e espertan maior interese na aplicación dunha cuarta dose para os máis maiores