Xoves 25 Abril 2024

Rosa Mosquera, da USC, presidenta da Federación Europea de Sistemas Agroforestais

A directora do Departamento de Produción Vexetal e profesora na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Rosa Mosquera Losada, vén de ser reelixida presidenta da Federación Europea de Sistemas Agroforestais (EURAF) en Montpellier, onde ofreceu o relatorio inaugural da terceira edición do Congreso Europeo de Sistemas Agroforestais. No marco deste foro de carácter internacional e no que participou o ministro de Agricultura de Francia, Stéphane Lle Fol, ademais de diversas delegacións procedentes de china, Estados Unidos e doutros países do continente americano, Mosquera reivindicou unha estratexia agroforestal europea.

Mosquera Losada explicou na súa intervención neste congreso as principais vantaxes dos sistemas agroforestais como forma de xestión sustentable do territorio, xa que esta tipoloxía de modelos produtivos, incidiu, permiten captar máis recursos en comparación con sistemas agrícolas ou forestais, como a luz, a auga ou os nutrientes.

Publicidade

A directora do Departamento de Produción Vexetal da USC sinalou asemade que a presenza de compoñentes leñosos nos sistemas agroforestais, xa sexan elementos arbóreos ou arbustivos, contribúen ao aumento do secuestro de carbono edáfico cunha maior estabilidade no tempo. Este aspecto, precisou a presidenta da Federación Europea de Sistemas Agroforestais (EURAF), é de gran relevancia no contexto de cambio climático, o que explica o elevado interese que espertaron os sistemas agroforestais en foros como a FAO, a Alianza Global de Investigación ou a Alianza Global para unha Agricultura Climaticamente Intelixente.

Ante o cambio climático, é vital a capacidade destes sistemas para secuestrar carbono

O emprego de sistemas agroforestais, como os silvopastorais contribúen a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, lembrou esta investigadora do Campus Terra da USC, quen tamén fixo fincapé en que o emprego do gando no monte reduce o risco de incendios e permite aumentar a súa rendibilidade grazas á produción de carne asociada.

A profesora Rosa Mosquera detallou ademais o intenso labor realizado ao abeiro do proxecto Agforward, un programa que permitiu identificar as zonas de Europa onde se poden atopar sistemas agroforestais, que representan preto de 25 millóns de hectáreas en toda a superficie do continente europeo. O cometido desenvolvido neste senso pola Euraf, unha federación que integra na actualidade 20 estados membros, foi intenso na avaliación e proposta de modificación da PAC para a súa potenciación.

As recomendacións e propostas realizadas pola Euraf inciden directamente no deseño das directrices políticas europeas, xa que esta institución reúnese habitualmente con membros da Comisión Europea e do Parlamento, grazas á súa participación nos Grupos de Diálogo Civil da Comisión (pagos directos e verdeo, monte e cortiza, cambio climático e medio ambiente, agricultura ecolóxica, desenvolvemento rural, sistemas arables e a PAC), a Rede Europea de Desenvolvemento Rural, así como coa comisión de Fondos Estruturais Europeos.

A intervención de Rosa Mosquera recibiu o aval do ministro de Agricultura francés, Stéphane Lle Fol, quen, ademais de reiterar a súa defensa a prol dos sistemas agroforestais, resaltou o seu cometido no marco da agroecoloxía e cara a loita contra o cambio climático. Lle Fol destacou así a importante función que cumpren os sistemas agroforestais no escenario da iniciativa 4 por mil presentada na XXI Conferencia Internacional sobre Cambio Climático (COP21).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844