Venres 29 Marzo 2024

“A represión tronzou figuras que ían ser de referencia mundial, como Parga Pondal”

O historiador, experto na historia recente da ciencia en Galicia, ofrece este venres unha charla no ciclo Escépticos no Pub

Ricardo Gurriarán Rodríguez (O Barco de Valdeorras, 1953), é unha das persoas que máis ten estudado a historia recente da ciencia en Galicia. Doutorouse cunha tese sobre a investigación científica no país entre 1900 e 1940, anos nos que a modernidade se abriu paso ante o dogma nunha institución aínda moi dominada pola igrexa, e nos que despois a represión da Guerra Civil provocou un “apagón” que deixou consecuencias durante moito tempo.  “Modernidade e apagón na universidade galega (1900-1940)” é o título da conferencia que este venres ás 21 horas ofrecerá Gurriarán no café Airas Nunes de Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 17), no marco dunha nova sesión de Escépticos no Pub.

– De onde viña a universidade galega previa á chegada da modernidade?

Publicidade

– Conflúen unha serie de circunstancias. Hai que ter en conta como era a universidade decimonónica: prevalecía a endogamia, o ensino memorístico e pasivo e a distancia clara entre profesor e alumnado. No eido experimental dominaba o dogma sobre a razón e había un freo ás novas correntes de pensamento, impulsado polas clases dominantes, porque era unha universidade de elites. Houbo quen viaxou, traendo de volta elementos que se consideraban estranxeirizantes, e que podían, ao xuízo dos que mandaban, perturbar a ideoloxía que predominaba naquel momento.

Vistos estes antecedentes, hai que subliñar o valor engadido da USC, no sentido que grazas a ela e á segunda cuestión universitaria nace o institucionismo, que é o krausismo organizado. Naquela segunda cuestión universitaria, hai que lembrar que en 1875 o propio reitor de Santiago manda a prisión co seu voto de confianza a dous profesores (Augusto González de Linares e Laureano Calderón) que pedían liberdade de cátedra e que pregonaban o darwinismo como un elemento importante para o debate científico, e que foron expulsados polo decreto Orovio.

Había, por tanto, unha universidade chea de pensamento anacrónico e co dogma por riba de todo. Aínda en 1921 se mandan queimar, por orde do cardeal de Santiago, textos de Roberto Nóvoa Santos por falar do “todo e da nada”.

– E cando prende esta luz?

– En primeiro lugar, pola xestión de Rodríguez Cadarso que comeza a finais dos anos 20. E en segundo lugar, grazas á mobilidade do profesorado, coas primeiras fornadas de docentes que poden ampliar a súa formación fóra grazas á Xunta de Ampliación de Estudos. Algúns deles recalan en Santiago, onde non había moito tempo que se puxera en marcha a Facultade de Ciencias. Isto trouxo un importante aire innovador, que coa chegada da Segunda República e a presenza de Cadarso nas Cortes se reforzou en canto a orzamentos, materiais e infraestruturas, etc.

Chega, por exemplo, Fernando Calvet, un home formado en Oxford e que traballou con premios Nobel (e que despois sería represaliado pola ditadura). Por poñer outro indicador: pasouse de tres artigos no Chemical Abstract desde 1907 ata 1930, a máis de 50 en moi poucos anos. Nesa nova Facultade de Ciencias, que é a que menos inercias trae do pasado ao ser de nova creación, máis da metade dos profesores amplían estudos no estranxeiro.

E tamén aparece a muller: cóntanse sete profesoras entre Farmacia e Ciencias Experimentais. E varias delas con publicacións importantes.

“Un indicador da modernidade é que se pasou de tres artigos no Chemical Abstract desde 1907 ata 1930, a máis de 50 en moi poucos anos”

– E en 1936 apágase a luz.

– Pasou o que pasou. Estas persoas que contribuíron para saír daquela universidade pechada, cambiando a pedagoxía, achegando a alumnos e profesores, compartindo ocio, saídas pedagóxicas ou lúdicas, abrindo a universidade á sociedade, cun compromiso social notable, foron as expedientadas. O branco da represión foron os modernizadores. Inhabilitáronos, multáronos ou baixáronos de escalafón, e houbo casos de quen se viu forzado ao exilio.

– Hai casos de carreiras tronzadas, como a de Parga Pondal.

– Despois de ser apartado da universidade, Parga Pondal foi un empresario emblemático grazas a Franco, e creou unha especie de universidade paralela no Laboratorio Xeolóxico de Laxe, onde viñeron figuras internacionais para formarse. Foi un dos primeiros xeoquímicos españois, cunha experiencia, un saber e un compromiso moi grandes. A risco de equivocarme, diría que foi a promesa máis importante que tivemos como científico en Galicia. E a represión da Guerra Civil tronzou figuras, como a súa, que ían camiño de converterse nunha referencia mundial.

– Habería colaboradores necesarios…

– Por suposto que se deu, e Parga Pondal foi o principal sufridor, polas envexas que había na propia Facultade de Ciencias.

– Pagouse durante moito tempo esta perda de figuras pola represión?

– Eu creo que ata a chegada de Echeverri nos anos 60 non se comezou a recuperar o nivel científico e formativo e o pulo que quixera darlle Cadarso á universidade galega. É certo que no tardofranquismo o escenario mudou algo, porque hai que ter en conta que antes diso só se entraba cando se amosaba adhesión e compromiso co réxime. Tampouco había tantas saídas ao estranxeiro, nin intercambios de profesores… Tamén é certo que algunhas loitas dentro do propio franquismo, entre Falange e Opus Dei, provocaron tensións e ao tempo comezaron a forzar algunhas aperturas, como cando se permitiu a volta dalgúns represaliados nos anos 50.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.