Xoves 18 Abril 2024

Ricardo Beiras, biólogo: “Que os ‘pellets’ se afasten das rías é unha boa noticia, pero non a solución”

O catedrático da UVigo forma parte do comité de expertos da Xunta para facer un seguimento da crise de bólas plásticas do 'Toconao'

Ricardo Beiras estuda dende hai anos o efecto ecotoxicolóxico dos plásticos no seu laboratorio da Universidade de Vigo (UVigo), onde é catedrático de Ecoloxía. Sabe cales son os perigos dun material que pode ser inocuo, pero cuxas substancias químicas poden supor un risco para os organismos mariños.

Beiras, xunto co seu grupo Ecotox, colleu mostras dos pellets que chegaron ás costas galegas procedentes da vertedura do Toconao para determinar se realmente eran tóxicos para o mar. Xa están os resultados preliminares, que descartan que os pellets teñan “toxicidade relevante” sobre un organismo modelo, pero o biólogo —tamén membro do Centro de Investigación Mariña (CIM)— pide calma e insiste en seguir investigando.

Publicidade

Como membro do comité de expertos convocado pola Xunta, reclama ás autoridades unha actitude máis experimental e menos documental: os pellets do Toconao son poucos comparados coa inmensidade do mar, pero hainos… e son un problema.

—Vostede forma parte do comité de expertos que creou a Xunta para facer seguimento da crise dos pellets. Cales son as impresións da primeira reunión, que se celebrou o venres pasado?

—Comunicáronnos que se vai facer un documento; unha especie de manual de recomendacións. Esa é a idea fundamental dese comité asesor. Eu preguntei se se vai realizar algún tipo de estudo experimental e ata o momento non obtiven resposta, polo que entendo que non se vai facer.

—O Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) realizou, por encargo da Xunta, un informe sobre a composición dos pellets máis alá do que recollían as fichas técnica e de seguridade. Refírese a iso cando fala de “estudo experimental”?

—O Cetim é un centro privado que contratou a Xunta para describir os pellets. Ata onde eu sei realizou tres informes. O primeiro limitábase a uns cantos parágrafos que revisaban as fichas de seguridade; no segundo daban algunha información extra; e no terceiro si que analizaron os pellets. Iso é todo. Cando eu falo dun estudo experimental refírome a un estudo no que se valore o impacto ecotoxicolóxico das bólas de plástico. A min o que máis me preocupa de todo isto é que as follas de seguridade non traen información do efecto sobre os organismos mariños. Así o transmitín ao comité e ás autoridades na reunión do venres, onde se sacaron fotos e viñeron moitos medios. Pero o máis importante, ademais de que se vexan fotografías de autoridades con científicos, é que se realice un estudo experimental para valorar o impacto dos pellets e iso nin o fixo nin o vai facer o Cetim. Basicamente porque non ten a capacidade para realizar un estudo ecotoxicolóxico.

Os resultados preliminares parece que confirman a baixa toxicidade dos pellets

—Cales son os seguintes pasos que vai dar o comité? Que medidas está previsto que se apliquen?

—A día de hoxe non teño ningunha información de que se vaia facer algo máis que o documento técnico. Eu xa estou no escenario de que, transcorridos uns días dende que nos convocaron, non se vai tomar ningunha iniciativa nese sentido. Oxalá me equivoque.

—O seu laboratorio está a realizar ensaios para determinar o impacto ecotoxicolóxicos dos pellets e, de feito, xa teñen os primeiros resultados.

—Nestes momentos temos os resultados dunha das moitas análises que temos en marcha. Trátase dun bioensaio que fixemos con embrións de ourizo de mar, que é un modelo ecotoxicolóxico moi utilizando no medio mariño. Neste bioensaio en concreto non atopamos toxicidade relevante destes pellets. Para facelo, utilizamos bólas de plástico procedentes da vertedura e unhas de control que non teñen o famoso aditivo. Neste bioensaio non atopamos diferenzas entre unhas e outras; nin impacto sobre os embrións de ourizo. Evidentemente a idea é completar con máis experimentos e con outro tipo de organismos.

—En que liña continuarán investigando? Saben xa en que animais ensaiarán o impacto dos pellets, ademais dos ourizos de mar?

—Non o sei. Faltan recursos para investigar e nós, evidentemente, temos compromisos adquiridos coas entidades que financian os nosos proxectos e non podemos desviarnos moito. Pero si que temos a idea de intentar probar como mínimo en dous grupos máis que son moi importantes no medio mariño: os crustáceos e as microalgas. Se podemos, intentaremos facelo para confirmar os resultados do ourizo. Idealmente debería ensaiarse nalgún modelo de peixe, pero isto xa é máis complicado e máis custoso.

A industria debería ser máis transparente coa composición dos plásticos

—Pero algúns dos aditivos dos pellets teñen certa toxicidade no invertebrado acuático Daphnia, segundo recolle a ficha de seguridade.

Daphnia é o modelo ecotoxicolóxico típico de ensaios acuáticos. O que ocorre é que un organismo de auga doce. Entón, cando dicía que queriamos usar un crustáceo referíame a un crustáceo mariño, pertencente ao plancto mariño. Normalmente utilízanse os copépodos para este tipo de probas.

—En resumidas contas: ata o momento hai pouca información sobre o impacto dos pellets nos organismos acuáticos en xeral e mariños en particular.

—Os nosos resultados preliminares son a única proba no mundo, polo menos que eu coñeza, sobre o impacto deste tipo de substancia nun organismo mariño. Habería que completala un pouco máis pero por sorte, neste resultado preliminar parece que se confirmaría esa baixa toxicidade. Pero non podemos confiarnos. Debemos confirmalo con outros modelos; con outro tipo de organismos.

Por que é tan importante levar a cabo estes ensaios no laboratorio e non fiarse unicamente da ficha técnica do produto? Pode haber susbtancias que non figuren oficialmente pero que leven os pellets?

—Si, é moi habitual. Ademais da ficha técnica falamos da ficha de seguridade, que é outro documento que levan os produtos químicos. Ningunha das fichas inclúe a totalidade de substancias que pode haber nos pellets; ben por cuestións de patentes e confidencialidade, ata cuestións de produtos que non aparecen intencionadamente, é dicir, que se contaminan durante o proceso de fabricación. Polo tanto poden aparecer outras substancias e, de feito, aparecen, segundo o estudo que realizou a Universidade da Coruña. No seu informe figuran máis de media ducia de compostos químicos que non estaban no documento do Cetim.

Con todo, isto é algo habitual nos plásticos e non é exclusivo destes pellets. Os investigadores que traballamos en ecotoxicoloxía de plásticos temos a opinión xeneralizada de que a industria debería ser máis transparente coa composición dos plásticos. Se te fixas, é un pouco contraproducente que as axencias públicas gasten diñeiro en analíticas químicas moi sofisticadas e custosas para saber o que hai nun material que xa quen o produce xa sabe… Ou debería sabelo.

Os plásticos son un medio de introdución de substancias químicas no ambiente

—Non ten moito sentido, a verdade.

—Non. Incluso poderiamos dicir que é unha mala utilización dos recursos de investigación. Se queremos saber que hai nun material, ténnolo que dicir a persoa que fabrica ese material para non andar gastando diñeiro en facer análises lentas e complicadas.

Pero para dicilo todo, as empresas non fan isto porque non as obrigan. Debería existir unha lexislación que as obrigara. Non digo que expoñan as fórmulas cuantitativas, que poden ser obxecto de patente e de propiedade intelectual, pero si a listaxe de produtos que leva ese material. Isto pode ser moi relevante dende o punto de vista toxicolóxico.

—É dicir, fai falla unha normativa internacional ao respecto.

—Si, hai un regulamento para plásticos que entran en contacto cos alimentos que é moi mellorable porque realmente non obriga a especificar a súa composición. O único que di é que ti lle podes poñer calquera dos varios centos de aditivos químicos que figuran nese regulamento con tal de que a migración do plástico ao alimento non sexa maior dunha cantidade determinada. Un, non te obriga a dicir que substancias químicas ten e dous, non che impide usar os aditivos químicos desa lista. O único que regula é que, en teoría, eses compostos non pasen nunha cantidade determinada ao alimento.

Pero… Quen comproba iso? Para cada lote de plástico que se fabrica, alguén analiza esas 900 substancias químicas? Evidentemente non. Iso é un control aleatorio do que eu descoñezo o detalle, pero é obvio que non se controla para cada lote de material que despois nós utilizamos para gardar comida ou meter no microondas. É dicir, é francamente mellorable o control das composicións químicas dos plásticos; incluso os usos que están regulamentados.

Chámannos a atención os pellets pero os botes de lixivia e pintura son moito máis tóxicos

—Entón, se de algo nos pode servir a crise dos pellets é para adquirir máis conciencia sobre os plásticos.

—Efectivamente. De feito, comentabámolo no comité científico do venres; que isto nos pode servir para ser conscientes de que os plásticos son un medio de introdución de substancias químicas no ambiente e, neste caso en concreto, no medio mariño. As persoas que realizan a limpeza nas praias xa din que aparece moito máis plástico normal que pellets. Que pasa? Que o plástico normal non ten problema? Claro que ten problema. Agora chámanos a atención o dos pellets pero parécenos normal que haxa botes de lixivia ou frascos de pintura que son moito máis tóxicos.

Se polo menos esta crise nos serve para tomar un pouco de conciencia das malas condicións de seguridade nas que se moven nos plásticos nestes contedores… De feito, as navieiras asumen que perder unha certa porcentaxe dos contedores non é un problema económico, pero si en realidade é un problema medioambiental. Por iso hai que mellorar as condicións de seguridade.

—Dende logo, é un asunto con moitas arestas.

—Si, pero pouco a pouco imos aprendendo cousas e o bo é que a xente está moi concienciada e hai preocupación. Quedan poucas persoas que non se dean contan de que o mar non pode ser un vertedoiro e de que temos que coidar a calidade do mar. Antes parecía unha premisa romántica dos ecoloxistas, pero temos que asegurar os nosos recursos e en Galicia témolos, e de moita calidade.

—Investigadores canarios aseguran que as correntes mariñas están afastando os pellets da costa e introducíndoos mar adentro. Ata que punto isto é unha boa noticia?

—Que se afasten os pellets das rías é unha boa noticia, pero non é a solución. De todos modos, tampouco debemos sacar o accidente do Toconcao da dimensión que ten: estamos a falar dun contedor de 26 toneladas. Sei que hai outro contedor que ten plástico, rollos film, pero polo que sexa, porque non flota, diso non se fala. En resumidas contas, estamos a falar dunha dimensión pequena para o que é o océano, aínda que o mellor sería que que non caera ningún contedo ao mar.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático