Venres 29 Marzo 2024

A auga da ría de Vigo está marrón, e aquí explicamos por que

Un episodio "excepcional" de presenza da microalga 'Alexandrium minutum' leva varias semanas tinguindo amplas zonas da costa

Vídeo gravado por Francisco Rodríguez.
Vídeo gravado por Francisco Rodríguez.

Xa o comentaban a comezos de xullo os investigadores do Oceanográfico. Un episodio inesperado de presenza da microalga Alexandrium minutum, produtora de toxina paralizante, obrigou a reformular os obxectivos da campaña Remedios 2018. E xa o puideron ver tamén os veciños, camiñantes e bañistas que se achegaran ás augas da ría de Vigo desde finais do mes de xuño. De forma periódica, a auga adquire un ton marrón, a cor que, neste caso, teñen os pigmentos coas que a A. minutum fai a fotosíntese. A situación estase a producir tamén, aínda que en menor medida, na ría de Pontevedra.

Que está pasando?

Francisco Rodríguez, científico do Oceanográfico de Vigo, adscrito ao IEO, e autor do blog de divulgación Fitopasión, onde está contando con detalle este episodio (parte 1, parte 2), sinala que, como é habitual, foi o Intecmar (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia) o que detectou a presenza de toxinas paralizantes. Os primeiros indicios atopáronse en Samil o 28 de xuño, preto das instalacións do propio IEO.

Publicidade

Cor marrón na auga, o pasado 4 de xullo, na zona da dársena deportiva de Vigo. Foto: Francisco Rodríguez.
Cor marrón na auga, o pasado 4 de xullo, na zona da dársena deportiva de Vigo. Foto: Francisco Rodríguez.

Observouse a cor marrón e a presenza de Alexandrium sp. (é dicir, especie sen identificar de dito xénero). Os científicos do IEO achegáronse para recoller mostras e analizalas no laboratorio, onde confirmaron que a marea vermella estaba causada pola especie minutum.

É habitual?

Rodríguez recoñece que se trata dun episodio “excepcional pola intensidade, duración e a natureza tóxica” da marea. “Nunca se detectou en cantidades tan abundantes” como estes días. “O único rexistro que coñezo na bibliografía dunha marea vermella de A. minutum en Galicia ocorreu en 1984 na ría de Ares-Betanzos“, engade o científico. Nesta ría, e na enseada de Baiona, é donde adoita aparecer esta especie. Pero é estraño que apareza na ría de Vigo.

E por que se produciu agora?

A aparición de mareas vermellas dependen dun conxunto de factores ambientais, como a temperatura, luz solar, achega de nutrientes e estabilidade na columna de auga. Así, os episodios aparecen con máis frecuencia desde a primavera ata comezos do outono.

Neste caso xuntáronse varias cousas: “unha suba brusca das temperaturas na segunda metade de xuño, acompañada do cese dos ventos de compoñente norte (uns ventos que acelerarían a renovación da auga das rías e o seu enfriamento pola entrada de augas oceánicas profundas ricas en nutrientes, o coñecido fenómeno do afloramento)”, expón Francisco Rodríguez.

Imaxe ao microscopio de 'Alexandrium minutum'. Fonte: Francisco Rodríguez.
Imaxe ao microscopio de ‘Alexandrium minutum’. Fonte: Francisco Rodríguez.

Estas condicións, que xa levan varias semanas instaladas nas Rías Baixas, son tamén causantes de que a temperatura da auga estea por riba dos 20ºC en moitos casos. Por agora, situación mantense, e con ela a elevada presenza de A. minutum e a correspondente cor marrón da auga.

É perigoso bañarse?

Para os bañistas, non hai riscos serios, aínda que se aconsella tomar precaucións nas zonas con maior presenza destas microalgas, xa que poden causar molestias e comechón nas persoas con pel sensible. Así que, se ve a auga marrón, mellor mollarse noutro lugar.

Que pasa se tomo marisco contaminado?

Os moluscos, como o mexillón, a vieira, a ameixa ou a navalla, teñen unha enorme capacidade para filtrar os compoñentes da auga durante a súa alimentación, polo que acumulan facilmente as toxinas. De superar os niveis legais establecidos, convértense en perigosos para o consumo humano.

Neste senso, os controis do Intecmar son moi estritos, polo que ningún produto capturado de xeito legal e seguindo os procedementos esixidos pola lei podería chegar contaminado ao consumidor. Así, as zonas onde se detectou a presenza de toxina paralizante xa están pechadas ao marisqueo.

Situación a 18 de xullo das zonas de explotación de marisco en batea. En vermello, peches por PSP debido a A. minutum. Fonte: Intecmar.
Situación a 18 de xullo das zonas de explotación de marisco en batea. En vermello, peches por PSP debido a A. minutum. Fonte: Intecmar.

No (irresponsable) suposto de que alguén comercialice marisco capturado en zonas pechadas pola toxina paralizante, poderían xurdir problemas graves.A. minutum xera toxinas do tipo PSP (Paralytic Shellfish Poison), uns compostos que producen efectos perigosos no ser humano.

Os síntomas dependen da cantidade da toxina presente no marisco e da cantidade de produto que se consuma. Van desde un lixeiro formigo nos beizos e nos dedos nos primeiros 30 minutos despois de inxerir as toxinas. Pode estenderse á cara e o pescozo. De agravarse, aparecen cefaleas, mareos, náuseas, vómitos e diarrea.

Nos casos máis graves, pode aparecer perda de coordinación, sensación de afogamento e problemas respiratorios, e mesmo a morte.

Sobre os riscos de consumir marisco capturado de forma ilegal, cómpre ler este artigo escrito por Francisco Rodríguez no seu blog.

E o peixe?

Respecto ao peixe, Francisco Rodríguez explica, citando un informe da FAO, que “son moi sensibles ás toxinas e morren antes”. Por tanto, “non procede levantar alarmas inxustificadas na pesca, aínda que por mero sentido común cómpre ter precaución e non pescar nas zonas onde vexamos que o mar está afectado pola marea vermella”.

Ademais, engade o científico, “durante as proliferacións masivas de fitoplancton tóxico, coma esta de PSP, as toxinas poden transmitirse no ecosistema mariño e provocar danos observables na fauna mariña como mamíferos, peixes e aves”.

Se a auga está marrón, por que se lle chama marea vermella?

O concepto “marea vermella” arraigou na sociedade. Asóciase, pola cor, a un episodio de risco e alerta. Pero non é sempre así. “Son un fenómeno habitual, e totalmente normal”, di Francisco Rodríguez. E hainas tamén amarelas, verdes ou marrón, como é o caso destes dias.

Deste xeito, pode acontecer que haxa toxinas, pero se os pigmentos das algas que as producen non son visibles, hai perigo de intoxicación aínda que o mar non teña unha cor característica.

E pode pasar tamén o contrario. “Se estas algas non son tóxicas, hai cores distintas no mar, pero non haberá toxinas e, polo tanto, non haberá contaminación do marisco”, conclúe Rodríguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O catedrático da UDC García Mira leva os seus estudos en psicoloxía ambiental ata Filipinas

A Universidade de Santo Tomás organizou unha conferencia sobre o papel da ciencia psicolóxica para abordar o impacto do cambio climático

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150