Xoves 28 Marzo 2024

O ‘rescate’ da Cibdá romana de Armea, 10 anos despois

A colaboración entre a Uvigo e o Concello de Allariz cumpre un decenio, que se conmemora cunha nova escavación e unha exposición sobre o xacemento

“Comezamos da nada practicamente. Era un xacemento que quedara esquecido e aínda que se escavara na década de 1950, tapárase e non era visitable. Ao empezar de cero, dez anos despois temos un sitio que visitan, calculamos nós, unhas 10.000 persoas ao ano. E ese é o primeiro impacto, de ter cero persoas que podían visitar o xacemento pasou a ter 10.000 ao ano”. Esta circunstancia engadida á repercusión social e ao impacto económico que durante a última década está a producir en Allariz, é segundo o docente e investigador da UVigo Adolfo Fernández, o máis salientable que presenta o balance dunha década de traballo no xacemento de Armea.

Pero o labor desenvolvido ao longo destes anos, froito da colaboración iniciada no ano 2011 entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT) e o Concello de Allariz, permitiu tamén mudar o concepto que desde o ámbito investigador se tiña de Armea. “Coñecíase como un castro máis da arqueoloxía galega, un xacemento tipo da Idade de Ferro, e unha vez que nós levamos alí varios anos o que cremos, e así queda publicado, é que se trata dunha cidade romana. Polo tanto si que se cambiou o panorama, neste caso investigador do xacemento”, detalla o director da escavación, Adolfo Fernández, sobre esta cidade de época romana, que se estende polas ladeiras da montaña e que tivo grande importancia na administración da zona.

Publicidade

Unha exposición con obras dunha vintena de artistas locais que amosan a súa particular visión da Cibdá e a súa contorna, e que xa se pode visitar na Paneira de Allariz, e unha mostra de lonas cos detalles dos traballos, que xa está instalada nas rúas da vila alaricana, son dúas das actividades coas que se conmemorará unha década de actividade no xacemento, que precisamente desde este martes 6 de xullo acolle unha nova campaña de escavación e posta en valor da zona, que se prolongará durante todo o mes de xullo e na que participarán 30 estudantes, seleccionados de entre os máis de 300 procedentes de universidades españolas e estranxeiras que solicitaron participar nesta campaña.

Inauguración da exposición sobre Armea que se pode ver na Paneira de Allariz. Foto: Duvi.
Inauguración da exposición sobre Armea que se pode ver na Paneira de Allariz. Foto: Duvi.

Desde este martes o equipo que traballará ao longo dos próximos meses no xacemento está a acondicionar a zona limpando a maleza, podando árbores e retirando milladoiros de pedra onde se vai levar a cabo a nova escavación. “Nesta campaña espérase avanzar na zona leste do xacemento descubrindo unha nova casa da época romana (a domus do triscele), a continuidade dunha rúa e parte doutra gran  casa coñecida como domus do hexascele”, explica Adolfo Fernández, que engade que aos traballos arqueolóxicos vanlle seguir os de conservación e restauración, que procurarán protexer e poñer en valor os vestixios atopados durante esta campaña.

Durante as semanas que dure o traballo pasarán por Armea unha trintena de estudantes, que se formarán en arqueoloxía de campo, ademais de persoal técnico da Facultade de Historia do campus de Ourense e operarios do Concello de Allariz. Pola súa banda, as persoas interesadas poderán visitar o xacemento polas mañás “e ver de primeira man como se desenvolve unha escavación arqueolóxica. Así mesmo a cooperativa Xeitura ofrece visitas teatralizadas ao xacemento”, explica o director da campaña, que avanza que no mes de outubro celebrarase un seminario sobre o proxecto, no que se presentarán dúas novas publicacións científico-divulgativas cos resultados das últimas campañas de escavación e conservación.

Algunhas das construcións da Cibdá romana de Armea. Foto: Duvi.
Algunhas das construcións da Cibdá romana de Armea. Foto: Duvi.

A publicación de artigos científicos e a asistencia a congresos nos que se divulgou o traballo realizado ao longo desta última década, permitiu que o xacemento de “ser un completo descoñecido a nivel nacional” xa se coñeza bastante, mentres que internacionalmente a Cidbá de Armea estase a converte nos últimos anos nun polo de atracción para estudantes europeos e dos Estados Unidos interesados en participar durante o verán nas escavacións. “A nivel internacional tamén vai tendo repercusión, non tanto cientificamente, xa que é un xacemento que non é a gran cidade clásica como as do Mediterráneo de Hispania, pero pouco a pouco se vai coñecendo, e a nivel galego está destacando como un xacemento moi importante de época romana”, explica Adolfo Fernández.

Atrás quedan dez anos de traballo con momentos que o director das escavacións lembra de xeito especial como a localización da primeira pedra labrada cunha roseta moi decorada, que se empregaba como adorno nas casas romanas de Armea. “Agora temos unha ducia, pero a primeira foi como moi apaixonante cando saíu, porque sabiamos que existían e que Conde-Valvís recuperara varias na década de 1950, pero nós non sacáramos nunca e a primeira vez que apareceu foi moi importante”, rememora Adolfo Fernández, que tamén destaca como outro dos fitos acadados neste período a “invención” dos convenios específicos de arqueoloxía entre a Facultade de Historia e o Concello de Allariz. “Isto marcou o marco xurídico de colaboración entre a nosa facultade e o concello e serviu de modelo a moitos outros. Creamos unha cousa nova que non existía, porque en Galicia non se coñecía nada similar para a colaboración entre universidade e concello”, destaca o docente e investigador da UVigo.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro