Venres 29 Marzo 2024

O raposo está en perigo? Os ecoloxistas denuncian a falta de estudos sobre a especie

Cren que pode existir un problema de conservación pola acentuada diminución das capturas nos últimos catro anos

Os últimos datos achegados pola Consellería de Medio Ambiente sobre o número de raposos abatidos no noso país amosan un pronunciado declive dende 2018. As organizacións animalistas e ecoloxistas apuntan que a actividade segue sendo intensa, estimación que realizan a partir das licenzas que concede a Xunta anualmente e dos raposos capturados. Co cal, coinciden en que existe un problema nas poboacións de raposos que de momento se descoñece pola falta de estudos biolóxicos. “Morren máis dos que nacen. Sexa polos lumes, polos atropelos, pola mortalidade natural, ou pola presión cinexética que a especie non pode tolerar“, explica Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Entre o período comprendido entre 2018 e 2019 foron abatidos 17.044 raposos; entre 2021 e 2022, 13.848. Estes son uns dos poucos datos dos que se dispón actualmente sobre o estado destes mamíferos nos nosos montes, cifras que proveñen das propias federacións de caza e que lle proporcionan á Consellería de Medio Ambiente. Como a captura do raposo está regulada como caza menor, non se establecen precintos nos montes para controlar cantos animais se matan nin se establece un sistema de verificación independiente. O portavoz da Fundación Franz Weber en Galicia, Rubén Sueiras, explica que “son os cazadores os que determinan o número de capturas. A eles interésalles dicir que hai poucos animais para que lles paguen poboacións. Ademais, tamén hai caza irregular, pero é un submundo que xa non entra dentro das estatísticas”.

Publicidade

A Asociación Ecoloxistas en Acción vén de solicitar á fiscalía de Galicia a apertura de dilixencias de investigación por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais. Alegan que a Federación Galega de Caza (FGC), que organiza estas competicións, debería rexerse pola modalidade de caza maior xa que se emprega a batida, e isto suporía “ter que cumprir requisitos específicos de seguridade, de comunicación previa e de resultados, de normas de control de subproductos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal”. O censo de raposos estimado pola Xunta en maio de 2022 foi de 46.863 especies, segundo informan da asociación, sostendo que antes da pandemia, entre 2019 e 2020, “habería menos raposos”. Tendo en conta que neste período se cazaron 15.728 mamíferos, en tempada de caza mátanse máis da terceira parte da poboación total da especie, un 33,56%, comentan dende Ecoloxistas. “É unha masacre”.

“Por que se caza en Galicia? Por diversión. Por demostrar que os cazadores teñen o poder para matalos”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural

A tempada de caza do raposo comezou o 16 de outubro e rematou o 6 de xaneiro. O 7 de xaneiro celebrouse o campionato provincial da Coruña e de Ourense e nas próximas datas espéranse os de Lugo e Pontevedra. O 21 de xaneiro está previsto o campionato galego, a copa de España e a copa provincial de Lugo. Entre 2018 e 2019 abatíronse 129 animais en campionatos e entre 2019 e 2020, un total de 65, informa a Consellería de Medio Ambiente. Os cazadores non complementan o cupo que a Xunta lles permite cazar durante a tempada polo tanto solicitan o permiso para a realización destes certames. “Os cazadores quéixanse de que hai menos especies, pero a presión cinexética segue nos mesmos parámetros, igual que o xabaril“, comenta Sueiras. De feito, segundo informa a Federación Galega de Caza (FGC), en 2021 expedíronse 36.818 licenzas en Galicia, 36.719 en comparación co ano anterior e cun leve descenso dende os últimos anos. “O que sobra de cupo é o que poden matar nos campionatos. Son unha forma artificial de ampliar as xornadas de caza”, alega o portavoz.

A organización galega e a Consellería consideran a caza un deporte. A FGC explica que a caza do raposo contribúe ao “control poboacional de especies”, consegue obter información a partir dun grupo de veterinarios que realizan análises das capturas para detectar novas enfermidades e fomenta a “defensa do medio rural”. Os colectivos ecoloxistas defenden que non existe ningún motivo científico que xustifique a caza masiva de raposos no país. “Por que se caza en Galicia? Por diversión. Por demostrar que os cazadores teñen o poder para matalos, é algo tan antigo coma iso, o que encaixa moi pouco cunha conciencia sobre a dinámica dos ecosistemas“, sostén o presidente da SGHN. “Os cazadores poden aproveitar a pel e vendela se non queda moi desfeita polos perdigóns. É o único que poden facer cos animais e desperdician o resto”, apunta.

Rubén Sueiras conta que tamén pode haber un aproveitamento para a carne pero a maioría de animais tíranse. “Os cazadores din que unha empresa peleteira lévaos. Os raposos están reventados e cremos que non teñen un aproveitamento real. Volvemos á consideración de determinados animais silvestres como un problema. Non hai ninguna demostración científica do dano dos raposos. Hai zonas onde estes animais padecen sarna, habería que analizalo para saber se esas enfermidades teñen unha prevalencia entre as especies silvestres”. A Fundación Franz Weber solicitou implantar unha moratoria á caza destes animais como sucedeu en Luxemburgo no ano 2015, onde conseguiron estabilizar a poboación de raposos e diminuír ás enfermidades relacionadas con eles. Galicia estaría nun punto moi afastado desta cidade europea xa que as organizacións de caza reciben subvencións e permisos para a realización de campionatos cun apoio total da Consellería de Medio Ambiente.

Desinterese da mocidade pola caza

Recentemente o Parlamento de Galicia aprobou cos votos da maioría absoluta do Partido Popular unha enmenda para a gratuidade das licenzas de caza para maiores de 65 anos. Dende a organización de caza solicitouse o mesmo para menores de idade. A Consellería de Medio Ambiente publicou que en 2022 se outorgaron 85 licenzas a menores de 18 anos, o número más baixo dos últimos catro anos. “É anecdótico. En xeral estamos percibindo un desinterese. Que se solicite a licenza gratuíta non ten un impacto real”, comentan dende a Fundación Franz Weber.

No mesmo senso, critican que a normativa actual non impida que rapaces de calquera idade poidan asistir aos cotos de caza. Na última memoria publicada pola federación de caza, sinálase entre as súas competencias o fomento da actividade cinexética e a “práctica do deporte de caza mediante actividades dirixidas á xuventude, favorecendo e promovendo a súa participación nos diferentes órganos da FGC”. Dende a fundación cren que isto forma parte dunha banalización da violencia, xa que os pais levan aos campionatos aos fillos e os avós aos netos, polo que aprenden dos seus principais referentes que matar animais está ben.

Á hora do peche desta edición a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Medio Rural non responderan ás preguntas formuladas por GCiencia.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Diputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Ollo, nestes dou textos que van a continuación onde di “especies” debe decir “especimes” (ou individuos ou animais) para ser correcto. Decir que o censo é de 46.863 especies é unha incorrección importante (especie neste texto hai só unha o raposo, Vulpes vulpes) impropia dunha revista que, en xeral, coida bastante a terminoloxía utilizada nos textos :

    “O censo de raposos estimado pola Xunta en maio de 2022 foi de 46.863 especies”
    “Os cazadores quéixanse de que hai menos especies, pero a presión cinexética…”

    Saudos,

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo

A Xunta permitirá cazar o xabaril “sen límite” en 248 concellos

A medida, que afecta a 37 comarcas e abrangue o 80,7% da superficie galega, entrará en vigor este sábado e manterase ata o 25 de febreiro de 2024

Remata a tempada de caza, comeza a do abandono de cans

O informe 2022 da Fundación Affnity cifra en case 22.000 o número de animais usados para fins cinexéticos abandonados en España