Captan por primeira vez en Galicia o raio azul do Sol

Momento no que aparece o raio azul. Imaxe: Alfredo Madrigal.
Momento no que aparece o raio azul. Imaxe: Alfredo Madrigal.

O raio verde é un fenómeno atmosférico que se produce xusto despois da saída do Sol ou xusto antes do solpor. Débese a que nunhas determinadas condicións, a atmosfera produce un fenómeno de dispersión e difracción das ondas de luz que anula algunhas cores do espectro visible para os humanos, mentres que maximiza  as ondas arredor dos 525nm, que se corresponden cos tons verdosos. É pouco habitual, e mesmo espertou a imaxinación de artistas e escritores, como Jules Verne, que lle dedicou un libro no que narra a apaixonada busca deste fenómeno, e tamén se mencionaba no filme Piratas do Caribe como unha especie de mito.

Pois ben, o raio azul, ou violeta, é aínda máis difícil de ver. Para observalo, é preciso que se maximicen só as ondas de luz arredor dos 450nm. Hai poucos documentos gráficos no mundo que amosen a súa presenza. Dous deles, en Canarias. Nunha ocasión, o achado do fenómeno desde a cima do Roque de los Muchachos, na illa da Palma, protagonizou a imaxe do día da NASA.

Publicidade

E resulta que este venres, un galego, Alfredo Madrigal, fotógrafo e profesor de ensino secundario, deu a coñecer que observou o fenómeno en xuño de 2016 nos cantís de Loiba. É a primeira vez que se documenta en Galicia. Tal e como explica Madrigal, revisando o material fotográfico que tiña no seu disco duro, viu que raio azul se manifestaba con claridade, tal e como demostran as imaxes do vídeo que gravou.

O propio Alfredo Madrigal xa captara uns meses antes, tamén en Loiba, o raio verde, como amosa neste vídeo.

E tamén outros astrofotógrafos galegos teñen retratado o fenómeno, como a imaxe do mes de setembro no calendario astronómico Ceos Galegos, realizada por Ángel D.R. Arós.

Imaxe de setembro. Raio verde baixo a ponte de Rande. Foto: Angel D. R. Arós.
Imaxe de setembro. Raio verde baixo a ponte de Rande. Foto: Angel D. R. Arós.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.