Venres 29 Marzo 2024

O Hospital Clínico de Santiago introduce unha nova técnica de radiocirurxía en Galicia

O Hospital Clínico de Santiago é pioneiro na introdución en Galicia dunha nova e sofisticada técnica de radiocirurxía da man do equipo desta especialidade, formado por oncólogos radioterápicos, neurocirurxiáns, neuroradiólogos e físicos. A radiocirurxía é unha técnica radioterápica de alta precisión que trata lesións de tamaño reducido no cerebro. “A idea é depositar unha gran cantidade de enerxía na zona afectada tentando eliminar o tumor ou metástase e, á vez, evitar na medida do posible toxicidade ao tecido san circundante” , subliña Antonio Gómez Caamaño, xefe do servizo de Oncoloxía Radioterápica.

O sistema permite alcanzar unha precisión submilimétrica e sen técnicas invasivas

Co sistema ExacTrac instalado no acelerador Truebeam, posto en marcha no pasado 2017, é posible aumentar a velocidade, precisión e exactitude no posicionamento do paciente, alcanzando unha precisión submilimétrica. Todo isto realízase sen técnicas invasivas, permitindo a localización tridimensional da zona de tratamento e controlar que non se produzan desprazamentos non desexados antes e durante o tratamento. Esta técnica aumenta considerablemente a seguridade, exactitude e a precisión.

Publicidade

Os pacientes máis beneficiados por esta nova técnica serán aqueles con metástases cerebrais, tumores cerebrais malignos (gliomas) e benignos (meningiomas, neurinomas do acústico); malformacións vasculares ou neuralxia do trixémino. As vantaxes para estes doentes son notorias “pasamos dunha precisión milimétrica a unha submilimétrica o que permite administrar doses maiores con mínima toxicidade no tecido san” insiste Gómez Caamaño.

Coa radiocirurxía convencional, o tratamento de varias lesións era moi lento e non sempre era posible, xa que estaba limitado a un máximo de catro sesións. O novo sistema permite tratar múltiples lesións metastásicas en localizacións complexas coa máxima precisión (10-15 lesións).

O posicionamento do paciente redúcese de 15 a 2 minutos

ExacTrac axiliza notablemente o tratamento, o que redunda no confort do paciente e na posibilidade de realizar máis sesións. O posicionamento do paciente é moito máis rápido, xa que antes se facía manualmente e agora de xeito automatizado: redúcese de 15 a 2 minutos; tamén diminúe o tempo de administración de tratamento: no caso dunha metástase cerebral única pásase de 30 minutos a 5-8 minutos. O procedemento anterior requiría de marcos de estereotaxia que había que fixar ao cranio do paciente, isto foi substituído por máscaras termoplásticas.

Radiocirurxía

O tratamento con radiocirurxía consiste na aplicación dunha dose de radiación alta e única nun volume tumoral pequeno. No Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela empezáronse a tratar pacientes ano 2004 con diferentes patoloxías mediante esta técnica. A Unidade de Radiocirurxía está composta por Oncoloxía radioterápica, Neurocirurxía, Neuroradioloxía e Radiofísica.

No pasado 2017 tratáronse con radiocirurxía 74 pacientes, fundamentalmente metástases cerebrais, aínda que, coa nova técnica, a demanda aumentará xa que se tende a substituír a irradiación holocranial (un tratamento paliativo) por un tratamento máis selectivo e radical (potencialmente curativo).

O servizo de Oncoloxía Radioterápica está a realizar unha renovación tecnolóxica integral, o pasado ano entraron en funcionamento o novo TAC de planificación e dous novos aceleradores de última xeración: un deles o modelo TrueBeam, a máis alta gama no mercado que permite a incorporación desta nova técnica. Tamén está previsto renovar o terceiro, polo que ao longo de dous anos a Xerencia Integrada de Santiago verá renovados totalmente os seus tres aceleradores lineais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro

Soengas: “Temos que facer pedagoxía coas novas xeracións porque ven un lado bastante negativo da ciencia”

A bióloga molecular analiza os retos que afronta a investigación oncolóxica en Galicia

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

Un fármaco aplicado en doenzas cardíacas podería mellorar a eficacia das terapias fronte ao melanoma

Un estudo demostrou que o medicamento ranolazina podería ofrecer unha alternativa terapéutica para tratar o tipo de cancro de pel máis letal