Xoves 28 Marzo 2024

A radioactividade dunha siderúrxica de Narón mantén paralizada a actividade un mes despois da fuga

O CSN deu o visto bo ao plan de limpeza de Megasa o 28 de xuño, pero a empresa non confirma se comezaron os traballos de desinfección

A siderúrxica Megasa, situada en Narón, detectou o pasado 8 de xuño unha fuga dunha fonte radioactiva de Cesio-137 que obrigou a parar a produción. Un mes despois do incidente, a empresa segue sen retomar a súa actividade e non parece que o vaia facer a curto prazo. Para que poida reactivarse a súa produción, é preciso seguir un estrito protocolo de limpeza e retirada de residuos radioactivos. A empresa, que non dá declaracións, non confirma se xa comezaron os traballos de desinfección da zona afectada e dende o Consello de Seguridade Nuclear (CSN) tampouco teñen constancia.

Segundo unha investigación xornalística publicada hai dúas semanas, os labores de limpeza comezaron o 19 de xuño, un dato que desmenten dende o CSN. “A semana pasada informamos favorablemente, pero de forma parcial, o plan de descontaminación de Megasa. Os labores de limpeza deberían ter comezado, pero a partir do 28 de xuño, que é cando se emitiu a autorización”, explican fontes do organismo. Tal e como insisten dende o CSN, deron un visto bo parcial ao plan de limpeza presentado por Megasa e, agora, deben de aprobar a segunda parte, relativa á xestión dos residuos. O organismo estatal confirma que a autorización se fai por fases “para axudalos a que reinicien a actividade o antes posible”.

Publicidade

Dende o CSN insisten en que o visto bo do plan “non é completo, senón parcial”. “Aprobouse o relativo aos labores de limpeza. O seguinte é determinar como se van xestionar os residuos. Esta parte aínda non está autorizada porque hai que comprobar como se van sacar os refugallos, hai que enviar un inspector…”, detallan fontes do organismo. É dicir, que aínda falta por determinar como sairán e se trasladarán os residuos. De novo, non hai estimacións de canto pode tardar a segunda autorización nin, tampouco, de cando poderá a empresa retomar a produción.

Identificación da fuga nos arcos de detección

Segundo un comunicado emitido polo CSN o 13 de xuño, a fuga de Cesio-137 detectouse nun forno de arco eléctrico destinado á produción de aceiro. Ao parecer, identificouse nos arcos de detección, ao producirse unha alarma de radioactividade durante a saída dun camión cargado con po de depuración. Ante este feito, o persoal da instalación detivo a produción de aceiro e a saída de produtos da instalación, seguindo o Procolo de colaboración sobre a vixilancia radiolóxica dos materiais metálicos. Despois de informar ao CSN, Megasa iniciou as xestións necesarias para realizar unha caracterización radiolóxica da planta e comprobar o grao de afectación.

“A fuga non se produciu por un descoido ou unha mala praxe. É moi difícil detectar este tipo de fontes porque normalmente veñen moi ben protexidas, ou o que nós denominamos encapsuladas. Polo tanto, é complicado que os arcos de detección identifiquen que está aí. Decátaste cando a fonte xa está fundida e saltan as alarmas de radioactividade”, explican dende o CSN. Insisten na dificultade de detectar as fontes no material metálico, dado que veñen encapsuladas, moi protexidas. “Afortunadamente existen arcos de detección que permiten controlar a actividade”, apuntan dende o organismo estatal, lembrando que esta fuga “non entraña perigo”.

No que respecta aos traballadores, “non hai constancia de que haxa persoas contaminadas”. Así o confirman dende o CSN que xa o 13 de xuño, cando emitiron o primeiro comunicado anunciando a fuga radioactiva, defendía esa hipótese. De todos modos, solicitaron á empresa que fixese as revisións oportunas aos empregados afectados. Segundo a Axencia para Substancias Tóxicas e o Rexistro de Enfermidades (ATSDR) dos Estados Unidos, é preciso expoñerse a “grandes cantidades” de cesio radioactivo para que se produzan efectos na saúde. De ser así, pode danar as células do corpo ou provocar síntomas como náuseas, vómitos e hemorraxias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSN descarta riscos pola fuga radioactiva de Narón sen desvelar os niveis acadados

Megasa detectou o 8 de xuño un escape de Cesio-137 nun forno de arco eléctrico destinado a fabricar aceiro e tivo que parar a produción

A USC lidera un proxecto sobre a percepción pública do radón

Con financiamento do Consello de Seguridade Nuclear, proporanse accións de comunicación dirixidas a diferentes sectores sociais

O mapa do rastro radioactivo das bombas atómicas en Galicia

As provincias de Pontevedra e Ourense teñen as maiores concentracións de cesio-137 orixinado polas probas nucleares pero sen riscos para a saúde

Der Spiegel sorpréndese con Narón, a vila que quere perder 100.000 kg

A revista alemá dedica unha ampla reportaxe ao proxecto do concello para que os naroneses baixen de peso