Venres 29 Marzo 2024

R1b-DF27: o ‘pai’ da península Ibérica

Un equipo de investigadores de universidades de varios países, entre os que se atopa o catedrático Ángel Carracedo, director da Fundación Pública de Medicina Xenómica de Galicia, acaba de publicar un relevante artifo sobre a variante R1b-DF27 do cromosoma Y, coñecido pola súa alta frecuencia na península Ibérica.

Os resultados confirman que o 40 por cento dos varóns ibéricos proceden dun devanceiro común que viviu hai 4.500 anos. No caso do País Vasco, a porcentaxe medra ata o 70%. Máis alá dos Pireneos, só un 10% dos homes son portadores desta variante. O traballo foi publicado na recoñecida revista Scientific Reports.

Publicidade

O cromosoma Y, presente nos varóns, é o encargado de impedir a formación dos ovarios no feto e de permitir o desenvolvemento dos testículos, polo que se transmite só de pais a fillos varóns. Desde o punto de vista evolutivo, facilita o rastrexo das distintas variantes existentes do cromosoma.

No País Vasco, a porcentaxe de descendentes do R1b-DF27 chega ao 70%

No traballo analizáronse de mostras de ADN de case 3.000 homes da península Ibérica e Francia. O elemento R1b-DF27 orixinouse, segundo sinalan os investigadores, hai uns 4.500 anos, probablemente no nordeste da península. A pesar da súa elevada frecuencia no País Vasco, as medicións internas de diversidade e as estimacións de antigüidade son baixas nesta zona, polo que se descarta o País Vasco como punto de orixe da variante, segundo sinala en declaracións á Axencia Sinc Francesc Calafell, líder do estudo e profesor titular do departamento de Ciencias Experimentais e da Saúde da Universitat Pompeu Fabra (Barcelona).

Así, a hipótese máis plausible sería a de unha orixe local en Iberia, debido a que “amosa as maiores estimacións de diversidade e antigüidade para esta variante. Ademais, estas observacións parecen coincidir co movemento de oriente a occidente que se produciu en Iberia na Idade de Bronce, cando os pobos ibéricos non indoeuropeos establecéronse na costa mediterránea e no interior porque os pobos celtas ocupaban o centro e o oeste da península ibérica.

Unha ferramenta de análise moi útil

Ademais da identificación dos antepasados comúns, o estudo de R1b-DF27 pode axudar a analizar os movemeventos migratorios de homes españois ou portugueses. Un claro exemplo pode verse nas poboacións latinoamericanas, onde a variante se atopa en frecuencias do 40% en Colombia, 36% en Porto Rico, 10% en México e 8% en Perú.

A presenza de R1b-DF27 é moi inferior nas poboacións cun compoñente indíxena máis forte, como México e Perú, o que implica unha menor mestura dos seus individuos cos colonos no pasado.

A variante R1b-DF27 tamén se emprega na xenética forense

Mesmo en Europa, as frecuencias dos subgrupos Y foron utilizadas para detectar eventos de migración a curto prazo. Así, as pegadas da expansión medieval do reino de Aragón cara ao Mediterráneo durante os séculos XIV e XV, ou a ocupación castelá de Flandes no século XVI, poden ser rastrexadas a través das liñaxes masculinas, en particular, a través de R1b-DF27.

Unha variante cromosómica con frecuencias relativamente altas en poboacións ibéricas e rara noutras rexións como a R1b-DF27 pode ter, ademais, aplicacións na xenética forense. A súa presenza nunha mostra biolóxica recollida na escena dun crime pode axudar a identificar a orixe xeográfica de quen a achegou.

Por último, o cromosoma Y utilízase a miúdo nos estudos relacionados cos apelidos, xa que estes últimos adoitan transmitirse tamén a través da liña masculina. Para iso, analízanse os subgrupos do cromosoma Y e, tendo en conta a súa similitude entre homes que comparten o mesmo apelido, establécese unha orixe xenealóxica compartida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde