Venres 29 Marzo 2024

Protóns dirixidos ao corazón do cancro: a esperanzadora terapia que chegará a Galicia en 2025

Un obradoiro internacional celebrado en Santiago inicia o camiño da protonterapia no país, que ofrecerá este tratamento na sanidade pública

Nos próximos anos Santiago albergará o primeiro centro de protonterapia do país. Na actualidade, este tratamento consolídase como un dos máis eficaces para destruír algúns tipos de cancro. Destaca pola súa selectividade: deposita a dose exacta que o tecido necesita sen danar os órganos que rodean o tumor. Isto converteuno na mellor tecnoloxía en pediatría oncolóxica mais polo de agora, está moi restrinxida para outras indicacións porque é un tratamento caro e disponible só en dous centros privados de Madrid. Yolanda Prezado, unha investigadora galega que compón parte da evidencia científica que corrobora as vantaxes da física para a medicina moderna, sinala que “é a mellor opción en moitos casos”.

Será o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) quen acolla o Centro Galego de Protonterapia. Un obradoiro científico internacional organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) que terá lugar ao longo desta semana, aborda os últimos avances sobre este método, a investigación aplicada xerada, a complexa instrumentación que se require para a súa implantación e o impacto clínico e económico: “A protonterapia está en expasión. De momento ten un acceso moito máis restrinxido e emprégase a radioterapia, un método convencional co que se curan moitos cancros. O tratamento de protonterapia ten que estar xustificado”, explica Prezado, que traballa no Institut Curie, o centro de referencia en Francia en investigación do cancro.

Publicidade

A radioterapia convencional emprega fotóns; a protonterapia, protóns. As características destes últimos permiten unha interacción distinta nos tecidos sans que circundan os tumores. A día de hoxe, a radioterapia tamén ten técnicas para evitar a afección nesas zonas, por exemplo, empregando varios ángulos para compensar a distribución de doses menos favorables. “Con todo, a protonterapia ten vantaxes dende o punto de vista da física e da bioloxía e é a mellor indicación para os nenos. Non curas unha leucemia, pero o tipo de cancros máis frecuentes dos infantes son do sistema nervioso central”, alega Prezado. En adultos pode empregarse en tumores oculares, cerebrais, da médula espinal e columna vertebral e tamén en síndromes xenéticas.

De cara o paciente, Prezado comenta que a práctica é moi parecida á que se pode recibir no hospital con radioterapia. O doente necesitará a realización dun tac, a partir de aí, extráense as características físicas da persoa para despois facer os cálculos de doses e delimitar o tumor e os “órganos de risco” arredor del. “A persoa sentarase nunha padiola. Será unha sala máis grande que a de radioterapia, verá un acelerador que xira. É moi parecido ao tratamento convencional. Será distinto, iso si, de cara aos médicos e físicos que planifican a sesións”, explica a investigadora. Estas poden durar entre 20 e 40 minutos (a irradiación entre un e tres minutos, depende das necesidades do doente), sendo os nenos os que máis tempo necesiten xa que adoitan recibir anestesia.

Os protóns teñen a capacidade de penetrar no núcleo do tumor e de chegar a zonas máis profundas. Cando chegan a elas non avanzan, o que implica que a neoplasia reciba maior cantidade de protóns. Na radioterapia convencional a dose de saída de enerxía pode danar outras zonas. Foi a Sociedade Estadounidense de Oncoloxía Médica (ASCO) a que publicou a primeira guía sobre este tratamento. Informou de que se pode administrar ata un 60% menos de radiación aos tecidos sans con feixes de protóns e alegou que, en definitiva, mellora a calidade de vida tralo tratamento.

“Nuns próximos anos o noso médico da sanidade pública poderá derivar pacientes para que reciban protonterapia de maneira gratuíta”

Yolanda Prezado, investigadora no Institut Curie

Aínda que pareza unha práctica noi novedosa comezou a experimentarse con ela nos anos 50 en EE.UU.. Debido a que agora as máquinas se fabrican máis compactas, baixaron o seu custo, o que permite a súa expansión. “Os pacientes poderán beneficiarse da física e da bioloxía que teñen os protóns”, sostén Prezado. En outubro de 2021 o Goberno español firmou un convenio con Fundación Amancio Ortega para a instalación de dez centros que ofrezan este tratamento contra o cancro: “Nuns próximos anos o noso médico da sanidade pública poderá derivar pacientes para que reciban protonterapia de maneira gratuíta”, comenta a investigadora. Aínda así, insiste en que a radioterapia non se deixará de realizar e a considera unha técnica moi beneficiosa, e que de feito se practica en centros espallados por toda Galicia, co cal, é moito máis fácil acceder a ela. Agárdase que o Centro Galego de Protonterapia abra as súas portas no verán de 2025.

De esquerda, Carlos Salgado, Dolores Cortina, José Benlliure Pablo Vázquez e Antonio Fernández Prieto, do IGFAE. Fonte: Santi Alvite.

O obradoiro celebrado no Centro de Estudos Avanzados do Parque de Vista Alegre, en Santiago, acolleu a participantes de máis de 80 países. Nel participaron Antonio Gómez Caamaño, xefe do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do CHUS, que abordou o escenario actual da radioterapia de precisión; María Loureiro, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da USC, que analizou o impacto económico de grandes infraestruturas científicas, como a que está previsto construír na capital galega; e tamén a científica Yolanda Prezado, entre outras, que pescuda na Academia de Ciencias de Francia novos enfoques para reducir os efectos secundarios da radioterapia. Persoal de investigación de Dresde (Alemaña), Bronowice (Polonia) e Cantabria, contou as súas experiencias no desenvolvemento de instalacións científicas enfocadas á protonterapia. Expoñéronse cuestións, tamén, como o potencial uso da terapia de hadróns en doenzas neurodexenerativas e avances sobre radiobioloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro