Venres 29 Marzo 2024

Prevención de infartos con fluxo sanguíneo simulado en 3D

O grupo de investigación Photonics4life da USC acaba de recibir o premio da RAGC a mellor técnoloxía aínda non transferida ao sector empresarial

A Real Academia Galega das Ciencias e a Axencia Galega de Innovación veñen de premiar ao grupo de investigación Photonics4life da USC, co Premio de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia a mellor idea aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial. O departamento de Física Aplicada da USC leva máis dunha década colaborando coa Fundación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis). Por unha parte, o servizo de Cardioloxía quería simular como eran as bifurcacións coronarias cando entran no corazón, porque sabían que a posibilidade de sufrir un infarto depende do estado deste tipo de estruturas.

E por outra banda, o servizo de Oncoloxía buscaba estudar como se propagan as células tumorais en tres dimensións. Querían facer estudos preclínicos, previos ao traballo con persoas, para saber como funcionaba este mecanismo de crecemento. “Nós somos expertos en traballar con tecnoloxía láser e conseguimos fabricar o que desde Oncoloxía nos estaban pedindo”, comenta Maite Flores, profesora á fronte de Photonics4Life.

Publicidade

Traballaron sobre un material biocompatible, de tal xeito que despois puideron facer un crecemento de células endoteliais que simulan a nosa pel. “Así temos un dispositivo artificial máis parecido ao que sería o noso corpo. Fanse estudos como se fose fluxo sanguíneo, dun xeito máis real que antes, cando só se facían dun xeito estático”, apunta a profesora de Física Aplicada. Así analizan como afecta o fluxo sanguíneo ás bifurcacións, segundo o tamaño dos vasos, o tipo de tecido, a proliferación celular… Así xurdiu este traballo, que vén amparado con proxectos de investigación financiados pola Xunta e polo Ministerio, e que se recoñeceu co premio “Francisco Guitián Ojea” que outorgan a RAGC e GAIN.

O que fan é crear modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos dun xeito máis fiable. Estudan a predisposición que podes ter a que un vaso sanguíneo se estreite, ou sufra unha estenose, segundo o calibre, o ángulo, o fluxo, a morfoloxía… independentemente de factores de risco externos tales como o colesterol ou o tabaco. “Estudamos por que alguén pode ter un infarto cunha cifra menor de colesterol que outra persoa”, sinala Maite Flores. Pódese presentar un estudo en persoas cunha mostra ampla observando que sucede nos que teñen unha determinada morfoloxía arterial coronaria para comparar con outras pero “é moito máis fácil simulalas cos vasos sanguíneos que facemos en 3D”.

Agora mesmo a aplicación deste traballo estaría dirixida a hospitais que teñan investigación preclínica só para facer estudos antes de probar en humanos, e isto ten enormes posibilidades. Por exemplo, a dispensación de medicamentos a longo prazo. Fan estudos con fluxo nos que comproban como se poden xerar nanopartículas que cheguen ao lugar do corpo onde sexan precisas, e que aí sexa onde dispensen o medicamento. Isto faise con marcadores que xa están ben definidos. “Cando tomas un paracetamol actúa sobre todo o teu corpo, o ideal sería que só o fixera no sitio no que o necesitas para calmar unha dor. Ou tamén, se está chegando a un célula tumoral, poder dispensar o medicamento no lugar onde debe actuar directamente”.

Esta tecnoloxía non ten un custo elevado, xa que se trata de materiais biocompatibles que se poden reutilizar

Outra boa noticia é que este tipo de tecnoloxía non ten un custo elevado, como supuxeron os inicios neste terreo dos avances en 3D. Neste caso trátase de materiais biocompatibles que se poden reutilizar. No futuro están a traballar en elixir onde sería o lugar axeitado para instalar un stent, tendo en conta cal sería a zona máis probable para sufrir un ataque ao corazón.

Ademais das aplicacións no ámbito biomédico –estudo de patoloxías cardiovasculares, estudo personalizado de tumores, validación de fármacos e curación de feridas crónicas–, as estruturas 3D poden usarse para a detección de contaminantes en carburantes, ou no estudo das dinámicas de fluxo de petróleo e gasolina. As empresas de pozos petrolíferos están moi interesadas en saber cal é a pureza do petróleo cando o extraen, e para iso necesitan realizar pequenas catas que se poden facer por dispositivos de microfluídica.

“Sabemos que aí hai un nicho de mercado por estudos feitos polo CEO da spin-off que estamos a crear. Tamén pode ter aplicacións interesantes para a imaxe médica e para sectores moi diferentes”. A pesar de que moitas empresas poderían pelexar pola patente deste traballo da USC, Maite Flores asegura que “a empresa que se faga con esta patente será a que nós mesmos xeremos. Imos crear a spin-off e explotar os nosos proxectos. Non pensamos vender isto a ninguén”.

De feito, grazas a premios como o que veñen de recibir da RAGC, asegura que ademais do recoñemento que supón, implica un pulo para seguir adiante. “Crear neste curruncho de España unha empresa con este tipo de aplicacións resulta moi difícil. Temos impacto en empresas grandes, pero non só de Europa, nos traballamos tamén con firmas de Estados Unidos. Por iso un recoñecemento na casa é de agradecer”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores