Xoves 28 Marzo 2024

Premio á Transferencia para o sistema de intelixencia artificial contra o cancro de colon

RAGC e Xunta recoñecen a investigadores das tres universidades, do Complexo Hospitalario de Ourense e da spin-off BFlow

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2022 xa teñen gañadores. O Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada recaeu nun proxecto titulado “PolyDeep: Sistema inteligente de detección y clasificación en tiempo real de lesiones colorrectales mediante Deep Learning”. O traballo foi realizado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), liderados por Miguel Reboiro e Daniel González, en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da UDC.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, é a organizadora dos Premios á Transferencia, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta oitava edición recibíronse un total de 19 propostas para as tres categorías do certame. O Francisco Guitián Ojea está dirixido a recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

Publicidade

Detección temperá de cancro colorrectal

O cancro colorrectal é o de maior incidencia en España, con 18.187 novos casos en mulleres e 26.044 en homes en 2020 e, ademais, vai en aumento. As colonoscopias son unha ferramenta de imaxe clínica esencial para a detección temperá de lesións potencialmente malignas no colon, fundamentalmente pólipos. O diagnóstico e manexo dos pólipos baséase na resección endoscópica e diagnóstico histolóxico posterior.

O equipo galardoado baseouse na intelixencia artificial para desenvolver un sistema de apoio que busca mellorar a detección e diagnóstico de pólipos colorrectais en tempo real durante as colonoscopias, redundando non só na mellora do diagnóstico e tratamento do paciente, senón no potencial aforro de custos en forma de reseccións ou biopsias innecesarias. Permite ademais a clasificación automática dos pólipos colorrectais, de xeito que o modelo avisa ao endoscopista durante a exploración da presenza de pólipos pero tamén do tipo de pólipo detectado.

No marco deste proxecto os investigadores crearon un amplo banco de imaxes e vídeos de colonoscopias con información histolóxica e de localización de pólipos que está dispoñible para a comunidade científica a través do Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

Intelixencia artificial contra o cancro de colon: PolyDeep ponse a proba en hospitais galegos

Ferramentas fluorescentes

O premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto “Ligandos fluorescentes como alternativa al uso de la radioactividad en la industria farmacéutica”, do grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e da facultade de Farmacia da Universidade de Santiago; integrado por Eddy Sotelo, Javier Sardina, Mabel Loza e José Brea, impulsores da empresa Celtarys Research. A firma explota unha novidosa tecnoloxía ideada polo equipo para o desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para a industria farmacéutica, como alternativa ao uso da radioactividade nas fases temperás de descubrimento de fármacos.

O grupo do CiQus, gañador do Fernando Calvet Prats.

A radioactividade úsase de xeito masivo e rutineiro nas etapas preclínicas de descubrimento de fármacos para avaliar millóns de compostos, co obxectivo de identificar os novos candidatos a fármacos. Nos últimos anos, debido aos estritos requisitos de seguridade asociados ao uso da radioactividade, os seus elevados custos e o impacto ambiental, popularizouse o uso de ensaios biolóxicos baseados na fluorescencia. Pero o seu uso segue a ser baixo debido á limitada disponibilidade de ligandos fluorescentes.

A tecnoloxía desenvolta pola USC permite que as técnicas baseadas na fluorescencia sexan unha opción real, obtendo sondas fluorescentes con propiedades farmacodinámicas e foto-físicas óptimas en tempos relativamente curtos e a prezos competitivos. Fronte aos ligandos radioactivos, os fluorescentes son totalmente seguros e non tóxicos. Este tipo de servizo non o ofrece ningunha outra empresa do sector; xa teñen unha patente europea, en proceso de extensión internacional. Durante o seu primeiro ano de vida, Celtarys consolidouse como a única compañía europea dedicada en exclusiva ao desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para screening de fármacos, con clientes Suíza, Reino Unido, EEUU ou Corea.

Descubrimento de moléculas e fármacos

Por último, o premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off BFlow. Nace en maio de 2020 froito da colaboración entre grupos de investigación das facultades de Óptica e Física da Universidade de Santiago e a Fundación de Investigacións Sanitarias de Santiago (FIDIS) para optimizar o proceso de descubrimento de moléculas e fármacos grazas á aplicación da tecnoloxía microfluídica máis avanzada.

O grupo de B-Flow.

A empresa conta cunha tecnoloxía punteira que se está a enriquecer co desenvolvemento de proxectos de I+D propios e en colaboración con entidades de referencia complementarias, que permite unha gama de de produtos especificamente adaptados ás necesidades da industria farmacéutica a escala internacional. Ofrece solucións a medida de maneira rápida e cun custo reducido en comparación con outras técnicas.

Os dispositivos e solucións microfluídicas desenvoltos pola empresa permiten probar os fármacos en fases in vitro imitando a fisioloxía dos animais, discriminando nunha etapa temperá aquelas moléculas que non funcionarán cando se levan ás fases clínicas. Esta tecnoloxía dará solución tamén aos retos actuais de detección de pequenas concentracións de substancias en tempo real nos sectores da ecoloxía, enerxía e agroalimentario.

O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; Fernando Pérez, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerceu como secretario do xurado; María José Mariño e Elena Polo de GAIN; Judit Nogueiras do IGAPE; e Luis Alfonso Álvarez da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o 15 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

A RAGC premia ao equipo da UDC que busca métodos para identificar microplásticos no medio

Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023 conceden dous áccesits, un para a USC e outro para a UDC