Venres 19 Abril 2024

Un estudo vincula partos prematuros en Galicia coa mala calidade do aire

A investigación do Instituto de Saúde Carlos III salienta o problema nos días de maior combustión de biomasa, po sahariano e ozono troposférico

A combinación da seca, os incendios, as emisións de gases contaminantes e outros factores como a concentración do ozono na troposfera (a capa máis próxima á superficie) pode afectar á saúde das persoas. É unha evidencia que se constata cos aumentos de morbilidade e mortalidade, sobre todo en zonas urbanas, cando o aire que respiramos se enturbia debido á polución. Pero un novo estudo acaba de poñer o foco nos nenos a piques de nacer e as súas nais: un traballo publicado por investigadores do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid (ISCIII), atopou unha relación entre os partos prematuros e estes episodios nos que empeora a calidade do aire.

“O principal resultado do estudo é que os días con advección de po do Sahara non só produce aumento de partículas no aire, senón que, como consecuencia de que a capa de mestura diminúe, tamén se produce un incremento doutros contaminantes como os óxidos de nitróxeno ou o ozono”, explica Julio Díaz, autor principal do estudo e investigador da Escola Nacional de Sanidade do ISCIII.

Publicidade

O resultado ten especial interese para Galicia, segundo destaca Díaz: “No caso de Galicia son salientables as asociacións que saen entre os partos prematuros e o baixo peso ao nacer nos días con advección de combustión de biomasa e po do Sahara co ozono troposférico, algo que só se atopa nesta rexión“, expón o científico.

O traballo, que publica a revista Science of the Total Environment, está desenvolvido polo Grupo de Investigación en Salud y Medio Ambiente Urbano do ISCIII, que xa realizara estudos previos sobre o impacto da contaminación atmosférica química e as vagas de calor na mortalidade e ingresos hospitalarios en España, tendo en conta a chegada de masas de aire sahariano e a advección pola combustión de biomasa. Do mesmo xeito, segundo explica Julio Díaz, “tamén temos publicado como a contaminación química e o calor inciden nas variables adversas ao nacemento, como os partos prematuros e o baixo peso ao nacer”.

Para Díaz, “quizá o máis importante deste estudo é destacar que os fenómenos atmosféricos están en xeral imbricados uns cos outros, e non se pude actuar de forma separada, senón con plans que contemplen todas as variables implicadas; é dicir, non só teñen que existir plans de prevención contra a calor, senón que estes tamén teñen que contemplar o efecto da contaminación atmosférica”.

Ademais dos datos referentes a Galicia, o traballo do ISCIII subliña que o risco de partos prematuros é maior nas rexións de maior frecuencia e intensidade das adveccións de po sahariano, como Andalucía e o leste de Valencia. Alén disto, detectouse unha relación de maior número de prematuros coa advección pola combustión de biomasa nas áreas de Madrid e Sevilla.

En España, un de cada 13 bebés que nace cada ano é prematuro, cunhas cifras que oscilan entre os 25.000 e os 30.000 cada ano.


Referencia: Short-term effects of Saharan dust intrusions and biomass combustion on birth outcomes in Spain (Publicado en Science of the Total Environment).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204