Venres 29 Marzo 2024

Un plan para sementar ántrax e cólera na fronteira do Miño

España non participou oficialmente na I Guerra Mundial, pero se converteu nun dos principais campos de batalla da espionaxe na retagarda. Galicia, pola situación estratéxica dos seus portos, viviu con intensidade as operacións de intelixencia da Tripla Alianza e da Tripla Entente. Os seus axentes dedicaron grandes esforzos a abastecer ós submarinos alemáns ou a informar sobre o movemento nos principais portos. Tamén, a garantir ou tentar sabotar as comunicacións, ben a través da liña telegráfica do Cable Inglés, ben cos sistemas de radiotelegrafía instalados polos alemáns por exemplo no monte do Castro, en Vigo. Pero o que é menos coñecido desta guerra soterrada é que o país estivo a piques de vivir tamén a guerra bacteriolóxica en primeira liña. Un xeito de empregar a ciencia para fins ominosos.

Primera de Faro de Vigo do comezo da I Guerra Mundial.
Primera de Faro de Vigo do comezo da I Guerra Mundial.

Os axentes alemáns, ingleses e franceses asentados en Galicia desenvolveron a súa guerra sucia dende 1914 a 1918. Unha das súas misións era sabotar os intereses inimigos en España. Nomeadamente, buscouse boicotear a exportación de materias primas, medicinas ou alimentos para os países en guerra.

Publicidade

Especialmente activa foi Alemaña, que contaba co “Servizo S“, encargado en exclusiva da sabotaxe e tamén da guerra biolóxica. Segundo conta o historiador Eduardo González Calleja na súa obra “Nidos de espías” (Alianza Editorial, 2014), o Servizo S enviou a través dos portos galegos cargamentos de xermes patóxenos, como o ántrax, destinado a infectar o gando, en especial aos cabalos que podían ser enviados á fronte de combate aliada.

O investigador recolle na súa obra un telegrama datado o 7 de xuño de 1916, e interceptado por Francia, no que un axente propoñía contaminar con cólera os ríos da fronteira entre España e Portugal, incluído o Miño. Aínda que, finalmente, o plan foi desbotado por Berlín, a operación estaba completamente definida para crear unha epidemia en Galicia e o norte portugués, un brote de cólera que tería sido catastrófico para a poboación. O ántrax e o mormo empregaríanse contra os animais.

O ántrax podía contaminar cabalos e bois e evitar o seu uso polo inimigo

Os espías alemáns recibían “frascos de xabón marcados coas letras ‘E’ (Equus) e ‘B’ (Bos), que en realidade agochaban axentes de ántrax e mormo para infectar a cabalos e bois destinados á exportación”, afirma González Calleja. O telegrama do 7 de xuño de 1916 suxería “contaminar os ríos da fronteira hispano-portuguesa con bacilos de cólera para pechar as comunicacións entre Portugal e os aliados”.

Os alemáns empregaron submarinos para trasladar os axentes patóxenos dende Berlín. Está documentada a escala en Cartaxena do U-35, que o 16 de febreiro de 1917 entregou aos espías xermanos doce caixas de terróns de azucre que contiñan cólera. A idea era disolvelos en auga e botar a contaminación en pozos, canles de auga, e ríos.

Gaceta de Galicia, no comezo da Guerra Mundial.
Gaceta de Galicia, no comezo da Guerra Mundial.

profesor Kleine, experto en patóxenos ao servizo do Káiser, emitiu un informe relatando que “con dúas ampolas deste cultivo poderíase realizar unha contaminación moi ampla”. Por sorte, as autoridades de Berlín desbotaron a sabotaxe bacteriolóxica por principios morais, aínda que si se fixo en outras zonas como en Finlandia, onde provocaron terribles brotes de ántrax entre os cabalos do país, para evitar que foran utilizados polo exército ruso.

Galicia librouse da guerra bacteriolóxica, malia que os axentes alemáns xa tiñan nas súas mans os patóxenos para provocar un desastre nos animais e nas persoas en toda a área do río Miño.

Axentes alemáns montan unha antena radiotelegráfica no monte do Castro, en Vigo, en 1918.
Axentes alemáns montan unha antena radiotelegráfica no monte do Castro, en Vigo, en 1918.

Porque no país había unha intensa actividade de espionaxe. Os axentes secretos actuaban sobre todo nos portos de VilagarcíaA Coruña e Vigo. A súa misión principal era sinalar a entrada e saída de buques. Os aliados podían así planificar as súas rutas. E os alemáns, fixar obxectivos para os seus submarinosU-boot. “Había xente que estaba dedicada case en exclusiva a ver os barcos que entraban, o cargamento que levaban e como se chamaban”, como explica o investigador José Antonio Tojo Ramallo. A súa información era moi valiosa. En catro anos de contenda, case 400 buques foron afundidos en augas galegas.

González Calleja afirma que o ambiente xeral nas cidades galegas era partidario de Alemaña: “A maior parte das autoridades militares eran xermanófilos, e algunhas netamente antifrancesas”. Había, non obstante, unha forte corrente anglófila radicada na Coruña e, sobre todo, en Vigo, polas súas oficinas do Cable Inglés.

Mesmo a famosa Mata Hari estivo aloxada en Vigo durante a contenda, tras desembarcar no seu porto. Pero estas anécdotas puideron desembocar nunha traxedia, con Galicia convertida en obxectivo da guerra bacteriolóxica. O sentido común impúxose en Berlín e a operación para botar ántrax e cólera no Miño foi cancelada polo sinistro Servizo S.

E aquí podes ler máis sobre Galicia na I Guerra Mundial:

400.000 pesetas por ‘cazar’ un submarino

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.