Venres 19 Abril 2024

Pilar Bermejo ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela o acto de ingreso de Pilar Bermejo Barrera, catedrática de Química Analítica e decana da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se integra na Sección de Química e Xeoloxía da institución.

Bermejo publicou ao longo da súa carreira máis de 300 traballos de investigación

No seu discurso de ingreso, titulado “Importancia dos metais nas Ciencias da Vida: Especiación de Elementos Traza e Metalómica”, Bermejo subliñou a importancia destes elementos e as novas disciplinas científicas que os tratan para ámbitos como a nutrición e a saúde, na abordaxe de doenzas de elevada prevalencia como as neurodexenerativas. Logo de pronuncialo, recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma foille entregado polo reitor en funcións da USC, Juan Viaño.

Publicidade

Ao acto asistiron, entre outros, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo; a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, Covadonga Salgado; a xerente da Axencia do Coñecemento en Saúde, Beatriz Allegue; o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez; e o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios.

Pilar Bermejo (Santiago, 1956) é catedrática de Química Analítica na USC desde 1991. Logo de exercer como directora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía e como vicedecana, na actualidade é decana da Facultade de Química da USC. Coordinadora do programa piloto do Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS) na área de Química e do Programa Erasmus desde o ano 1992 ata a actualidade, ademais do programa de intercambio para estudantes de ciencias con alumnos de universidades de Estados Unidos y Canadá (TASSEP). Tamén é membro da Rede Europea Temática de Química (ECTN).

Julio Abalde, Franco Fernández,, Manuel Dios, Juan Viaño, Pilar Bermejo e Miguel Ángel Ríos.
Julio Abalde, Franco Fernández,, Manuel Dios, Juan Viaño, Pilar Bermejo e Miguel Ángel Ríos.

No ámbito científico, é directora do Grupo de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE), que ten como principais liñas de traballo o desenvolvemento de metodoloxías analíticas para a especiación de elementos traza e os estudos de biodispoñibilidade destes en todo tipo de mostras biolóxicas, alimentos e mostras ambientais e de interese industrial, así como estudos no campo da metalómica e a metaloproteómica. No seu grupo desenvólvense tamén novos métodos para o tratamento da mostra usando polímeros de impresión molecular e iónica, así como nanopartículas metálicas. Nos últimos anos, incorporaron unha nova liña de traballo de desenvolvemento de plataformas nanometrolóxicas para o control das nanopartículas en diferentes medios.

Bermejo publicou máis de 300 traballos de investigación e leva dirixidas 38 teses doutorais e 130 proxectos de fin de carreira e teses de mestrado. É membro da Royal  Society of Chemistry do Reino Unido, da American Chemical Society, da Real Sociedade Española de Química, da Sociedade Española de Química Analítica, da Sociedade Española de Medicina do Laboratorio, da Sociedade de Espectroscopia Aplicada e da Federation European Societies on Trace Elements and Minerals.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Estas son as substancias químicas que nos engordan e si, están por todas partes

Certos compostos dos envases, cosméticos, deterxentes ou dos propios alimentos poden ter un papel no aumento do sobrepeso e da obesidade na poboación

Documentos avalan que Rosalind Franklin foi esencial para o descubrimento da estrutura do ADN

Un artigo publicado por Nature demostra que a química colaborou en "pé de igualdade", proporcionando datos cruciais e verificando o resultado

A Academia Galega de Ciencias celebra o ingreso de tres novos académicos correspondentes

Francisco Marcellán, Jorge Martínez e Juan Ramón Sanmartín manifestaron o seu compromiso coa evolución da ciencia en Galicia