Venres 29 Marzo 2024

O Parque Nacional das Illas Atlánticas repite este verán como destino turístico ‘Starlight’

A programación inclúe intervencións diúrnas e nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia volve albergar un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais: o ceo.

Deste xeito, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) encargarase de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde o ano 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight. Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

Publicidade

Cómpre lembrar que os destinos Starlight —un selo avalado pola Unesco e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan dunhas condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan especialmente axeitados para albergar todo tipo de actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

Neste sentido, a programación astronómica prevista para este verán nas Illas Atlánticas, financiada polo Parque Nacional —que comezou o pasado 1 de xullo e prolongarase ata o 11 de setembro— inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.

Actividades diúrnas e nocturnas

Así, as actividades programadas pola mañá levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas e centraranse na observación solar a través dun telescopio solar en lonxitude de onda alfa, para ver as protuberancias e a evolución das manchas solares, ademais do tránsito de diferentes obxectos celestes.

Así mesmo, a observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, concretamente no Lago dos Nenos e na Pedra da Campá no caso das illas Cíes, e en Caniveliñas na de Ons. Adicionalmente, tamén se realizarán unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia das Perseidas do mes de agosto.

A programación chegará aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrarase en Cíes —coa novidade este ano de que haberá actividades Starlight durante todos os días do mes de agosto, así como do 1 ao 3 e do 8 ao 10 de setembro— e en Ons —con actividades programadas do 11 ao 14 de agosto e, no mes de setembro, do 1 ao 3 e do 8 ao 11 —. Na illa de Sálvora esta actividade desenvolverase o 19 de agosto e en Cortegada o día 22 do mesmo mes.

Para poder participar nalgunha destas accións, os interesados deberán inscribirse previamente na propia illa e os grupos organizaranse in situ. Ao ser actividades ao aire libre, en todo caso, a súa celebración dependerá das condicións meteorolóxicas de xeito que este calendario é susceptible de sufrir posibles alteracións.

Na tempada 2022, a participación nas actividades do programa de dinamización de destinos Starlight realizadas nos arquipélagos incluía dous tipos de actividades: observacións solares e astronómicas nocturnas, que chegaron a 5.660 persoas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As raias femias do Parque Nacional Illas Atlánticas, claves para a saúde das súas poboacións

Investigadores galegos publican un artigo na revista 'Marine Ecology Progress Series’ que afonda no coñecemento dos hábitats dos elasmobranquios

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

Récord histórico de calor en 43 municipios galegos

O 25% de todas as estacións meteorolóxicas de Galicia superaron os rexistros anteriores de temperaturas máximas

Cloro, sal e microbios: os inimigos dos nosos ollos agochados baixo a auga

O verán implica unha serie de riscos específicos que poden afectar a saúde ocular se non se seguen recomendacións elementais